venres, 12 de decembro de 2025

Tarzán dos monos

Hai un par de meses vin unha película moderna sobre o personaxe de Tarzán, e xa debín comentar aquí que tiña certa nostalxia polas vellas películas de Tarzán que botaban na televisión española nos anos 80. Non sei que debeu pasar, pero hai xa moito tempo que non as programas e incluso foime imposible atopalas en Youtube hai uns anos, cando as busquei. Pero algo debeu pasar, e hai un par de anos alguén subiu algunha. Por exemplo, esta, que é a primeira da famosa saga protagonizada polo eminente nadador Johnny Weismuller.

"Tarzán dos monos" foi dirixida por W.S. van Dyke no ano 1932. Os actores principais foron Johnny Weismuller, Maureen O'Sullivan, Charles Aubrey Smith e Neil Hamilton. Como curiosidade, diremos que a mona Chita non existía na novela orixinal de Edgar Rice Burroughs, e que o berro típico desas películas foi "deseñado" polo especialista en son Douglas Shearer baseándose en cantos tradicionais austríacos chamados "yodel".

A trama é bastante simple. James Parker e Harry Holt son uns cazadores europeos que están en África buscando un cementerio de elefantes, onde cren que poden obter marfil para facerse ricos, pero ninguén parece saber onde está, ou semella ser un lugar tan máxico e prohibido que ninguén quere axudarlles.

Chega de visita Jane, a fermosa filla de James, e Harry Holt axiña queda prendado dela, e faille ás beiras. Pero cando están pola selva intentando buscar o famoso cementerio, atópanse con Tarzán. Ao comezo, Jane cre estar secuestrada e en perigo, pero axiña percibe que Tarzán é moito máis e bo e nobre do normal, e pérderlle o medo. Nun determinado intre, Tarzán libera a Jane, para que volva cos seus.

Pouco despois, os expedicionarios son de novo apresados, pero por unha tribu salvaxe que non semella ter moi boas intencións. Jane consegue que Chita escape e vaia avisar a Tarzán do contratempo, que consegue liberalos. Pouco despois James morre, xusto cando acaban de descubrir o famoso cementerio de elefantes.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesfér...