Levaba tempo con ganas de ver un espectáculo coma este de baile irlandés. Xa estaba previsto que viñera o ano anterior á Coruña pero cancelouse, por algunha razón que descoñezo. A min isto do baile non me interesa nin o máis mínimo, pero hai que recoñecer que o baile irlandés resulta especialmente vistoso de ver, e a música irlandesa non me desagrada en absoluto, aínda que é algo monótona para o meu gusto.
Agora ben, todo parece indicar que eu estaba deslumbrado por vídeos de espectáculos como "Riverdance", que xa ten uns cantos anos de vida, e pensei que ía ver algo similar. Similar foi, pero claramente máis pobre. O número de bailaríns neste caso era menor (creo recordar que estaba cerca dos 15) e non resultaba tan vistoso. Como non entendo do tema, non sei se esa menor vistosidade tiña que ver coa cantidade de bailaríns ou coa coreografía.
En Irlanda isto do baile é como unha relixión e hai graos de estudos moi ben estruturados e esixentes. Esta montaxe é de The National Dance Company of Ireland, que con ese nome ten pinta de ser organismo oficial, pero tampouco podería aseguralo. Polo que vin no video, algúns dos músicos (dos bailaríns case non me lembro) non coinciden cos que vin eu na Coruña, así que pode ser que, igual que nos grandes musicais, haxa varios elencos, ou varias persoas para cada papel ou instrumento, por se hai baixas de calquera tipo.
En canto á música, había cinco instrumentistas. Un tocaba a guitarra acústica e cantaba, outro tocaba a frauta, unha rapaza tocaba o acordeón, outro tocaba o violín e outro o bodhran, o pandeiro típico irlandés que ofrece unha moi rica sonoridade. Casualmente, o chaval que tocaba o bodhran tamén era bailarín nalgún dos números.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario