Esta película, que en Hispanoamérica chaman "O fuxitivo Josey Wales" e cuxo título orixinal era algo así como "O fóra da lei Josey Wales", botárona hai un par de semanas no espazo de cine clásico da 2. O director ía ser Philip Kaufman, que finalmente só foi un dos guionistas, pero foi despedido por Clint Eastwood, para encargarse el mesmo da dirección. Os críticos da época pensaban que iso ía desembocar nun desastre (porque Eastwood aínda non tiña experiencia como director), pero semella que non foi así, en absoluto. Non está mal a película, pero é certo que hai que controlar bastante da Guerra Civil estadounidense, porque aparecen algúns aspectos da mesma que para min eran totalmente descoñecidos, como faccións dalgúns dos bandos que se saíron do rego e fixeron cousas algo estrañas.
"O fóra da lei" foi dirixida en 1976 por Clint Eastwood. Os principais papeis do elenco foron para Clint Eastwood, Chief Dan George, Sondra Locke (futura esposa de Clint), Bill McKinney, John Vernon, Paula Trueman, Sam Bottoms e Geraldine Keams.
Josey Wales é un tranquilo granxeiro de Missouri que ve como asasinan á súa muller e un fillo un grupo de "botas roxas", que son unha facción do exército unionista do Norte, que fai razzias alá por onde pasa sen control de ninguén. Pouco despois pasa pola granxa un grupo de "bushwhackers", que eran unhas guerrillas confederadas do Sur. Aí foi onde me enterei que nesa Guerra Civil (como en todas), había máis que dous bandos enfrontados, e me costaba un pouquiño seguir o fío da historia.
Pouco despois, decrétase a fin da Guerra, e estes guerrilleiros cos que ía Josey (máis que nada por non estar só e poder vingarse dos asasinos da súa familia), deciden entregar as armas e asinar a paz, aínda que non estaban demasiado convencidos. Josey e un rapaz novo son os únicos que se negan a participar nesa rendición, e ben que fixeron, porque realmente era unha trampa na que os "botas roxas" decidiran masacralos, como así fixeron.
O compañeiro de fuga de Josey pouco tarda en morrer, así que el se converte nun fuxitivo solitario e nun mito, xa que o seu nome de foraxido xa é coñecido a todos os sitios a onde vai. Vaise cruzando con comancheros, con cazarrecompensas que intentan matalo e fracasan, pero tamén se vai unindo a un grupiño de xente inadaptada que lle acompañan. Incluso ten algún enfrontamente cos comanches dirixidos polo xefe Dez Osos, con quen chega a un acordo de paz e tregua. Finalmente acaban instalándose nun afastado lugar a onde chegan os seus últimos perseguidores que intentan matalo, co resultado que xa podedes intuir.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario