Hai uns vinte anos, cando estaba comezando este século e milenio, un autor estadounidense tivo moito éxito cunha novela titulada "O código Da Vinci", que foi moi lida naquela época como best-seller. Como fago eu sempre con ese tipo de fenómenos, pasei bastante del. Como tamén era previsible, Hollywood subiuse ao tren e fixo ao pouco tempo unha película sobre a mesma, que eu acabo de ver agora. Non me preocupa demasiado se a película é moi fiel á novela, pero supoño que si debe selo. Causou un certo escándalo, porque creo que, dende o mundo da ficción, a novela trata sobre un escuro "misterio" sobre o que a Igrexa Católica leva 2.000 anos mentindo (un máis). Non sei, nin me interesa, se o autor pretendía defender esa "teoría" ou, simplemente (é o que eu creo que pasou) se puxo a especular e inventar posibles mentiras da Igrexa Católica para crear un libro de éxito (totalmente conseguido). Fixo varias secuelas (e tamén hai películas delas) pero eu pasarei delas, que xa satisfixen a curiosidade.
"O Código Da Vinci" foi dirixida en 2006 por Ron Howard. Os papeis principais e máis importantes dos secundarios foron para Tom Hanks, Audrey Tautou, Ian McKellen, Alfred Molina, Jürgen Prochnow, Jean Reno e Paul Bettany (para flipar, ata unha asociación de ALBINOS se queixou porque este actor os deixaba en mal lugar).
Non vou contar a trama en detalle, porque é moita paranoia. Se hai algunha persoa interesada na película (ou case mellor na novela, que será aínda máis detallada, era bastante grosa) e non a viu ata agora (que me estraña, eu tiña un interese moi moderado, como pode verse), que o faga.
Basicamente, matan a un conservador do Louvre e el mesmo, antes de morrer, deixa unhas mensaxes cifradas sobre o seu asasinato. Casualmente, nese mesmo intre, un experto en simboloxía relixiosa, o estadounidense Robert Langdon, está dando unha populosa conferencia en París e a policía pídelle que lles axude a resolver o crime. Nada máis comezar a investigación, únese a el unha criptóloga francesa que resulta ser a neta do conservador morto.
Fuxen da policía, que quería telos baixo control por escuras razóns. Hai unha infinita sucesión de códigos, contrasinais e caralladas varias, algunhas delas baseadas en obras pictóricas de Da Vinci, como a Gioconda, a Virxe das Rochas ou a Última Cea. E todo iso é para desvelar unha grande mentira que quixo propagar a Igrexa Católica para ocultar a verdade desa relixión. Por se non chegara con todo isto, o Opus Dei tamén está metido polo medio. Tamén aparecen os Templarios por algures, obviamente.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario