domingo, 24 de agosto de 2025

A lenda de Tarzán

Non sei vós, pero eu teño certa nostalxia das películas de Tarzán que veía na televisión cando era neno. Porque, ou moito me engana a memoria, ou desapareceron totalmente de grella televisiva. Refírome ás clásicas protagonizadas por Johnny Weismuller nos anos 30 e 40. Houbo moitos máis actores que representaron o papel, pero creo que a maioría asociamos esa cara e corpo a ese personaxe. Dende hai uns anos, miro de cando en vez en Youtube a ver se hai algunha desas películas (son tan antigas que deben estar xa libres de dereitos). Hoxe por fin acabo de ver que xa está a primeira subida, pero fixérono nos últimos tempos, xa era hora. Pero o outro día animeime a ver a última versión cinematográfica. Obviamente, non me invadiu a nostalxia pero vin moitas cousas interesantes que resaltar.

"A lenda de Tarzán" foi dirixida en 2016 por un tal David Yates, e no elenco destacaban Alexander Skarsgård, Margot Robbie, Christoph Waltz, Samuel L. Jackson, Djimon Hounsou e Jim Broadbent. Se non lembro mal, a trama daquelas películas clásicas era máis simple e este resulta máis enrevesada, mestura personaxes reais que si existiron pero que non creo que chegaran a coñecerse, e tamén os mestura co personaxe ficticio de Tarzán. O escritor estadounidense Edgar Rice Burroughs creou este personaxe en 1912, e fixo algo máis de vinte novelas con el.

Para comezar, hai que ter claro que Tarzán é Lord Greystoke, un aristócrata británico que se criou na selva do Congo xuntos cos gorilas, porque os seus pais foron abandonados alí despois dun naufraxio e quedou só. Así forxou unha magnífica relación, incluso de comunicación, cos animais da selva. Posteriormente tamén aprendeu inglés e francés, pero prefiría vivir na selva.

Estando en Inglaterra, recibe unha invitación para volver ao Congo, para comprobar se o proxecto civilizatorio do rei Leopoldo II naquel país é interesante ou non. Aínda que ao principio non quería, vai ir tamén a súa esposa Jane. O curioso é que vai ir acompañado por George Washington Williams (que existiu na realidade e fixo algo parecido ao que se ve na película), un xurista e político estadounidense que a finais do século XIX estivo alí para ver se ese proxecto leopoldino era civilizado, e volveu espantado. E o principal antagonista deles alí é Leon Rom (que tamén existiu na realidade), un alto funcionario do goberno belga que estivo alí administrando algunhas rexións e que é lembrado pola súa brutalidade (mencionar aos belgas no Congo non é moi boa idea). De feito, algunhas teorías din que inspirou a personaxe do capitán Kurtz da novela "O corazón das tebras" de Joseph Konrad, que despois deu lugar á película "Apocalypse Now".

Esa é a contextualización, está claro quen son os bos, quen son os malos, os efectos dixitais son moi bos, obviamente (e nunha temática coma esta poden agradecerse moito) e non se pasa mal vendo a película.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...