domingo, 24 de agosto de 2025

O sabor das margaridas

Na plataforma Agalega.gal, que consigo ver na miña Smart TV, aínda que non o fai todo o ben que a min me gustaría, hai contidos en galego, e obviamente para min iso é moi importante. Mirei, a ver que había por alí, e vin a serie "O sabor das margaridas". Como oín falar que estaba bastante ben, probei. Non está mal. Son seis capítulos duns 70-75 minutos na primeira tempada. Eu pensaba que remataba aí, pero a última escena desa primeira tempada xa me fixo pensar que a cousa seguía. Efectivamente, hai unha segunda tempada, pero esa parece que está en Netflix, así que terei que vela en castelán, porque na plataforma galega non había máis (polo menos de momento).

Todo sucede nunha vila imaxinaria chamada Muriás, da que nunca se ven imaxes do núcleo, só edificios soltos, así que podería ser en calquera lugar do interior de Galicia. Pero o caso é que alí nunca sucede nada. Pero por fin pasa algo. Unha rapaza que levaba algún tempo por alí, chamada Marta Labrada, e que estaba metida en asuntos turbios, desaparece un día. E nese mesmo intre aparece unha garda civil, nova e atractiva, da unidade xudicial, que vén para investigar esa desaparición.

En principio, nada excesivamente raro, pero claro, a súa chegada trastoca totalmente a realidade da pequena vila. Para comezar, no cuartel da garda civil, cambia todo, porque o xefe está a poucos días da súa xubilación, o seu subordinado non se fía da nova, e algún tempo despois acaban descubrindo que hai toupas que filtran información sensible ao exterior.

Para seguir, realmente nesa vida non é que non pasara nada, é que pasan moitas cousas, pero todas de forma moi oculta. Por outra banda, hai un instituto onde parte do alumnado e do profesorado tiña certa amizade coa desaparecida. Hai un burdel no que pasan cousas moi estrañas, algún taller e gasolineira onde tamén pasan cousas raras, unhas cantas familias e personaxes son tremendamente peculiares.

Ou sexa, que ao final, nesa vila pasaba de todo, e case todo chungo. E tamén resulta que algúns dos personaxes son moito máis turbios do que poderían parecer, e algúns deles nin sequera son quen dicían ser.

Foi unha produción da TVG, CTV e Comarex, pero parece que o seu selo fondamente galego se conservou. Coñezo a bastantes dos actores e eu escoitei as súas voces orixinais na versión galega, así que deberon rodala nese idioma. E polo visto, tivo moito éxito no Reino Unido.

O director foi Miguel Conde. E no seu elenco están, entre moitos outros: María Mera, Toni Salgado, Miquel Insua, Denis Gómez, Lucía Álvarez, Sara Sanz, Jimmy Núñez, Paloma Saavedra, Fran Paredes, Alejandro Martínez, Manuel Cortés Tallón, Yelena Molina, Santi Cuquejo, Covadonga Berdiñas, Mariana Expósito, Carlos Villarino, Martina Stetson, Xavier Pan e Alicia Armenteros.

Deixo un video do trailer da segunda tempada, que terei que ver nas seguintes semanas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...