domingo, 22 de xuño de 2025

Sherlock Holmes: persecución en Arxel

Pois aquí seguimos coa famosa saga de Sherlock Holmes. Non atopei ningún dato concreto sobre esta historia, pero ten pinta de que esta tamén é creación propia do guionista, non ten nada que ver con Arthur Conan Doyle. Hai que notar un pequeno defecto na tradución do título en España. O orixinal sería "Persecución A (ou ATA) Arxel". Porén, en España puxeron a preposición "en", e non resulta moi lóxico, porque a película remata cando o barco no que transcorre case toda a película chega a esa cidade. Polo tanto, non hai ningunha persecución nesa cidade (polo menos que se vexa nesta película).

"Sherlock Holmes: persecución en Arxel" foi dirixida en 1945 por Roy William Neill (foi unha das últimas da saga). Nos papeis principais os dous de sempre, Basil Rathbone e Nigel Bruce, e nos secundarios esta vez temos a Marjorie Riordan, Rosalind Ivan, Morton Lowry, Leslie Vincent e Martin Kosleck.

Un determinado día, de forma máis ou menos evidente, Sherlock Holmes é "convidado" a ir a un determinado lugar a unha determinada hora, aínda que el non ten a máis mínima intención de facelo. Watson é moi receloso e prefire rexeitar o "convite", pero a curiosidade innata de Holmes faille aceptar. Resulta que acaba de morrer o rei dun país chamado Rovenia, e os seus dirixentes queren levar co maior disimulo ao seu fillo, que está de incógnito en Londres, de volta ao seu país para que asuma a coroa. Obviamente, Holmes aceptou o estraño convite porque recoñeceu a un dos máximos mandatarios do país nesa estraña secuencia de acontecementos cos que se atopou. Obviamente, pídenlle axuda para realizar ese labor.

A primeira idea é que Holmes acompañe ao príncipe Nicolás (que así se chama) nunha viaxe en avión, pero teñen que cambiar de avión a última hora por unha estraña avaría, que fai sospeitar a Holmes. Mentres, Watson fará a travesía en barco. Cando está alí, le nos xornais, que un avión similar ao que colleu Holmes e Nicolás se estrelou, pero non ten demasiado tempo para entristecerse, xa que descubre que foi un engano para intentar despistar aos inimigos do novo rei. Holmes e Nicolás aparecen tamén no barco, pero non poden ocultarse durante moito tempo.

Camiño de Arxel, o barco fai unha inesperada escala en Lisboa e recolle a tres pasaxeiros, homes que non teñen boa pinta, de feito a Holmes sóalle moito a cara dun deles. Non lembra de que, pero non é un bo indicio. Efectivamente, son mala xente e veñen secuestrar o príncipe. Finalmente, coas súas argucias, parece que o conseguen, se non fora porque ese realmente non era o príncipe. O príncipe real era un integrante da tripulación do barco que pasaba totalmente desapercibido.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...