domingo, 22 de xuño de 2025

Sirat

Está claro que un dos fenómenos do actual cine galego é Óliver Laxe. Vin todas as súas películas ata agora, e non me acababa de convencer, así que fun a esta última bastante escéptico, pero teño que recoñecer que foi a que máis me gustou, e o inesperado xiro de guión da última media hora paréceme máis que interesante, sen desmerecer a parte inicial da película, claro, pero o contraste enriquece moito a historia.

"Sirat" foi dirixida por Óliver Laxe en 2025 e o único actor profesional do elenco é Sergi López. Acompáñao un rapaz, que fai do seu fillo, chamado Bruno Núñez, e o resto son "raveiros" franceses que fan de sí mesmos, en certa medida. Son Jade Oukid, Tonin Janvier, Stefania Gadda, Richard Bellamy 'Bigui' e Joshua Liam Henderson.

Unha rapaza chamada Mar, desaparece despois dunha "rave" nun deserto de Marrocos. O seu pais, Luís, acompañado do seu fillo pequeno e irmán de Mar, Esteban, van a unha desas "raves" para ver se poden localizar ou saber algo do que lle puido pasar a Mar. Alí non saben nada, pero un pequeno grupo dilles que esas festas organízanse naquela zona con certa frecuencia e que dentro de pouco vai haber outra máis ao sur, cerca de Mauritania, e que é posible que eles vaian, poden preguntar a ver se alguén sabe algo.

No transcurso desta historia, semella haber como unha guerra ou conflito na zona, do que non se concreta nada máis, e ese grupo que lles deu esa información decide fuxir do control militar que paralizou a "rave" na que se atopaban, por mor dese conflito. O pai e o fillo, sen telo pensado antes, deciden fuxir tamén con eles, aínda que ao grupiño, inicialmente, non lles fai ningunha graza.

O cerne da historia é esta, desenvólvese a partir de aquí, e resulta moi interesante. E xa vos digo, o xiro final de guión da última media hora é totalmente inesperado, e na miña opinión, e de máis xente coa que falei, aínda a fai máis interesante. Pero obviamente non vos podo contar nada, é mellor que a vexades.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...