sábado, 5 de abril de 2025

As irmás Bolena

Dende hai pouco, teño acceso a Netflix. Non é que pase moito por alí, porque teño pouco tempo libre ultimamente, e ademais, nunha visión rápida, non me pareceu que o seu catálogo de películas (porque creo que hai máis series, pero iso interésame menos). Pero na miña última visita atopei unha película de trama histórica que me pareceu interesante, que trataba do inefable Enrique VIII e todas as cousas raras que sucederon ao seu redor. Sabía que unha das súas seis mulleres foi Ana Bolena, pero non sabía que houbera movida tamén coa irmá de Ana.

"As irmás Bolena" foi dirixida en 2008 por Justin Chadwick e o elenco é fantástico. Nos tres papeis principais están Natalie Portman, Scarlett Johansson e Eric Bana (non fixo moita graza en Inglaterra que foran dúas estadounidenses e un australiano os protagonistas). Pero entre os secundarios tamén están Andrew Garfield, Kristin Scott Thomas, Eddie Redmayne, Benedict Cumberbatch ou Ana Torrent. E outros con papel importante pero aos que eu non coñecía.

A historia vén sendo que Enrique VIII está intentando librarse da súa primeira esposa Catalina de Aragón, que non lle daba fillos varóns. O seu divorcio deu lugar á creación da Igrexa Anglicana. A súa segunda esposa foi Ana Bolena, pero resulta que quen realmente lle atraía era a súa irmá María, con quen primeiro se deitou e con quen tivo algún fillo, pero que non podía recoñecer. Tal como o pintan na película, María era unha persoa máis nobre, Ana era moi ambiciosa e non lle importaba pasar por enriba de ninguén, aínda que fora a súa irmá, e Enrique era un tipo bastante caprichoso e déspota. 

Vaia, que dá para unha historia bastante interesante. A película resulta bastante atractiva, independentemente de que cometerá algúns erros no rigor histórico para darlle algo máis de salsa.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...