Entrei en Amazon Prime (que semella ter un catálogo de películas ben interesante) e atopei esta xoia. A película está baseada nunha obra de teatro, e ben que se nota. De feito, hai uns 10 anos esa obra estivo de xira por España e parou na Coruña, co magnífico Helio Pedregal facendo de Sigmund Freud.
"A última sesión de Freud" foi dirixida en 2023 por un tal Matthew Brown. O elenco está formado basicamente polos actores Anthony Hopkins e Matthew Goode (que curioso, nesta obra sempre escollen a un actor máis famoso para facer de Freud, probablemente ten lóxica). O resto de secundarios aparece moi pouco, se cadra poderíamos destacar a Liv Lisa Fries facendo de Anna Freud.
A historia non é demasiado complexa, que digamos. Basicamente é unha charla que se produce unha tarde na casa de Sigmund Freud en Londres (onde viviu o seu último ano de vida, en 1939), cando vén visitalo o escritor Clive Staples Lewis. Ao final da película aparece un rótulo que di que non se sabe se esta charla sucedeu realmente. Polo visto, na axenda de Freud, despois de morto, poñía que veu visitalo un profesor de Oxford (e Lewis o era naquel momento), pero non consta quen foi realmente.
A charla é unha discusión filosófico-teolóxica, xa que Freud era ferventemente ateo (iso sae na película, supoño que será certo) e Lewis era un escritor cristián, que fora ateo na súa xuventude, pero que se reconverteu con moito furor con algo máis de idade. Na película tamén hai algunha referencia ao grupo dos "inklings", un conxunto de xoves escritores ingleses vinculados a Oxford, con fortes creencias cristiás, pero dos que saíron algunhas das mellores obras literarias de fantasía daqueles anos. Un dos integrantes dese grupo era Tolkien, e o outro máis destacado foi Lewis, que algún tempo despois escribiu "As crónicas de Narnia".
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario