O outro día botaban esta película no espazo de cine clásico da 2. Non me soaba tela visto, e que fora de piratas, e tivera algunhas estrelas da época, fíxoa moi apetecible, pero tamén é certo que é unha película bastante curtiña e penso que bastante mediocre. Unha vez máis, curiosidades do título orixinal e a súa tradución. O orixinal sería "Contra todas as bandeiras" e aquí traducírono como "A illa dos corsarios". Calquera dos dous podería ser válido, pero casualmente, o español describe algo mellor a historia, xa que trata do asalto da mariña inglesa á illa de Madagascar, que en torno ao ano 1700 era unha base pirata (iso din na película, non teño nin a máis mínima idea de se iso é certo).
"A illa dos corsarios" foi dirixida por George Sherman en 1952 (vaia, acabo de ler que o final da rodaxe xa o fixo Douglas Sirk, porque tiveron que retrasalo unhas semanas porque Errol Flynn torceu ou rompeu un nocello). Os tres papeis principais son para Errol Flynn, Maureen O'Hara e Anthony Quinn. Os secundarios non teñen demasiado peso, agás Alice Kelley e Mildred Natwick.
Brian Hawke é un mariño inglés que se infiltra nun galeón pirata xunto con dous compañeiros máis, supostamente porque foron expulsados da Mariña por rebeldía. Son recollidos por un temible pirata chamado Roc Brasiliano, que desconfía deles dende o primeiro momento, pero son levados igual a Madagascar.
Alí son xulgados por un consello pirata, no que está o mesmo Roc, a capitá "Spitfire" Stevens e o mesmísimo Capitán Kidd, que xa vai maior e que xa non recibe o respecto de antano. Non o teñen moi claro, e propoñen un combate entre Hawke e outro convicto, que obviamente acaba ganando Hawke.
Dende o primeiro momento vese que Hawke e Stevens namoraron, e iso non lle gusta nada a Brasiliano, que tamén estaba namorado da capitá, o que aumenta aínda máis a súa carraxe con Hawke. Mentres, Hawke e os seus dous colegas seguen cos seus labores de espionaxe, conseguen o intelixente plano das defensas do porto, e conseguen inutilizar os canóns. Uns días máis tarde, o galeón inglés chegará alí e poderá entrar sen problemas debido ao labor dos espías infiltrados.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario