Vin a primeira parte desta simpática comedia alá na postpandemia, e ademais vina no cine, con máscara, e ata pode ser que fora a única persoa na sala, porque fun vela a unhas salas non moi concurridas un xoves pola tarde (ou sexa, xa fixen todo pensando en conseguir máis ou menos iso, e non me saíu nada mal a táctica).
Oíra que sacaran unha segunda parte, e non me desagradou a idea de vela, pero recoñezo que fixen menos esforzo que na outra ocasión. Hai unhas semanas foi a Semana do Cine Galego no Teatro Colón da Coruña. Estaba moi ocupado pero conseguín atopar un oco o venres ás 8 da tarde. E que película botaban? Pois casualmente "+Cuñados", a continuación da outra, así que a xogada saíu perfecta, de novo. Tamén é certo que non lembraba moito da outra, e moito menos o final, pero tampouco é moito atranco ese.
"+Cuñados" foi dirixida por Luís Avilés (o fillo cineasta de Antón Avilés de Taramancos) en 2024. O elenco estaba de novo encabezado polo "trío calavera", ou sexa, Xosé Antonio Touriñán, Federico Pérez e Miguel de Lira, ben acompañados das súas "cuñadas" María Vázquez, Eva Fernández e Eva Muíños. Tamén andan por alí Mela Casal, Manuel Cortés, David Perdomo e algúns actores portugueses como Ivo Bastos.
Pois nada, os tres tunantes seguen coas súas, e cos cartos do final da primeira parte (xa non lembro moi ben como lles chegaron, pero seguro que non de forma legal), montan un posto de polbo co que van tirando para diante, sen que ninguén lles pregunte nada. Pero a muller do socio portugués da empresa orixinal vai a Ourense coa intención de vengarse dos tres cuñados, pero a cousa non lle sae nada ben. Ao mesmo tempo, unha das cuñadas líase cun dos policías de Portugal que está investigando o caso, e a investigación segue porque agora aparece un cádaver no medio da ponte que une Tui e Valença do Minho. Todo isto no medio do entroido ourensán, así que moita festa.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario