venres, 9 de agosto de 2024

Transcendence

Na sección de ciencia-ficción de Rakuten está dispoñible dende hai tempo a película "Transcendence", que ten certa boa fama, e ten unha certa concentración de estrelas de Hollywood en diferentes postos de produción, así que me animei a vela. Deixoume bastante frío, creo que se lles foi algo a man.

Foi dirixida en 2014 por un tal Wally Pfister, do que nunca oín falar. No elenco destacan Johnny Depp, Morgan Freeman, Rebecca Hall, Kate Mara, Cillian Murphy e Paul Bettany. Na produción estivo, entre outros, Christopher Nolan.

Non é moi doado explicar a trama. Un trío de científicos formado polo matrimonio Caster (Will e Evelyn) e o seu colega Max Waters están investigando en Intelixencia Artificial, e anuncian nunha conferencia (entre o público vese a Elon Musk) que o seguinte paso será crear unha mente "transcendente" que sexa totalmente artificial.

Existe un grupo opositor chamado o RIFT que loita contra a tecnoloxización da sociedade e que realiza un atentado contra Will Caster. Dispáranlle unhas balas impregnadas en polonio, que só lle rozan, pero xa lle provocan un envelenamento que provocan a súa morte un mes máis tarde.

Pero esa perspectiva temporal coñecida dálles tempo para planificar os seus seguintes pasos tecnolóxicos. E non me digades moi ben como, pero o matrimonio decide intentar cargar a conciencia de Will na supercompudora cuántica coa que traballan antes da súa morte, e ao seu colega o plan non lle parece ben, porque semella unha idea para esquivar a mote do investigador, pero el cre que o que quedará na máquina non será el, senón outra cousa, e que non se poderá saber como evolucionará.

A máquina resultante acaba conectándose a Internet e acadando logros magníficos, como curando enfermidades aparentemente incurables, sendo capaz de rexenerar cousas previamente destruídas. O grupo opositor secuestra a Max Waters e o convence para loitar contra esa máquina. Non vos conto o final porque tamén é bastante fantasioso e a película aínda é recente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...