xoves, 1 de agosto de 2024

A pegada

"A pegada" é unha magnífica película británica de intriga, que seguro que todos vistes algunha vez na televisión, que supón un duelo interpretativo entre Lawrence Olivier e Michael Caine. Casualmente, o título orixinal traduciríase como "O detective", que é o que lle deron en Hispanoamérica. Había moitos anos que non a veía, e aproveitei que pode verse completa en Youtube.

Foi dirixida en 1972 por Joseph Leo Mankiewicz (seguramente o único "elemento" non británico). O elenco está formado só polos dous grandísimos actores antes mencionados, que enchen sen ningún problema as máis de dúas horas de metraxe.

Andrew Wyke é un escritor de intriga ao que lle gustan moito os enigmas e enredos. Entérase de que a súa aburrida muller está liada cun peluqueiro chamado Milo Tindle na súa mansión para "arranxar" aspectos como a pensión que debe pasarlle á súa muller.

Xúntanse na casa e o escritor desvélalle ao peluqueiro o plan que pensou. Consiste en simular un roubo das xoias da casa, no que non se deixará ningunha pista, que lle permitirá ao peluqueiro levarse as xoias, e ao escritor cobrar o seguro e así pagarlle a pensión á súa muller.

O peluqueiro non está moi convencido ao principio, pero despois acaba aceptando. Pero todo era unha trampa (unha máis na cabeza do retorcido escritor) para poder matalo en suposta defensa propia, como así se propón facer. Despois aparece un detective na casa para investigar a desaparición do peluqueiro, do que hai días que non se sabe nada.

Vaia, é unha película xa bastante antiga, pero é altamente probable que a vira moita xente. Pero por se hai algunha pequena porcentaxe que non a vira, non vou desvelar máis da trama, que é moi xugosa. Está baseada nunha obra de teatro, e os diálogos son do mellor que vin na miña vida.

Como curiosidade, diremos que no 2007 Kenneth Branagh dirixiu un "remake" no que Michael Caine facía o papel que non fixera na película orixinal e estaba acompañado por Jude Law.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...