sábado, 10 de agosto de 2024

Os pazos de Ulloa (serie)

Xa teño comentado aquí nalgunha ocasión que coa miña "nova" Smart TV (aínda que neste caso  tamén podería facelo dende o ordenador) teño acceso moi cómodo, entre outras aplicacións de "streaming", a RTVE Play. E aí hai un magnífico arquivo de todo o que leva xa décadas emitindo RTVE, que non é pouco. Como xa dixen tamén aquí máis veces, as series é un dos produtos audiovisuais que menos me interesan, a diferenza do que lle sucede á maioría da xente. Pero grazas a plataformas como esta, algunha que outra vai caendo. Tíñalle botado o ollo a esta recreación das novelas de Emilia Pardo Bazán, porque realmente conta "Os pazos de Ulloa" e a súa continuación "A nai natureza".

Esta serie foi dirixida en 1985 por Gonzalo Suárez, na produción estivo Andrés Vicente Gómez e o guión foi de Manuel Gutiérrez Aragón, Gonzalo Suárez e Carmen Rico-Godoy. Creo que Gerardo Vera estaba na dirección de arte. Ou sexa, todo un equipazo. E o elenco tampouco está nada mal: José Luis Gómez, Omero Antonutti, Charo López, Raúl Fraire, Victoria Abril, Pastora Vega, Nacho Martínez, Fernando Rey, Chus Lampreave e José Luis Manzano. A serie consta só de catro capítulos de aproximadamente unha hora, e se non me equivoco, a historia de "Os pazos de Ulloa" ocupa os tres primeiros, e "A nai natureza" ocupa o último. Pareceume ler nalgures que pensaban facer algún capítulo máis, pero o director pensaba que con estes chegaba dabondo.

Os pazos de Ulloa son un lugar salvaxe no medio de Galicia, onde manda Don Pedro, un marqués corrupto e bastante rudo rodeado dunha panda de aproveitados que lle fan o xogo, e iso inclúe a criados, veciños e curas. A ese moi hostil entorno chega un delicado cura de cidade chamada Don Julián, que non sabe moi ben onde se está metendo, pero axiña se decata.

Para intentar que o ambiente no pazo sexa algo máis civilizado, proponlle a Don Pedro que vaia visitar ao seu curmán de Santiago de Compostela, que ten catro fillas fermosísimas e seguro que todas estarán encantadas de casar con el. Hai varias delas que, por varias razóns, se autodescartan nin suscitan maior interese. A mellor colocada semella ser Rita (unha deslumbrante Pastora Vega, que é case sempre a imaxe promocional da serie, aínda que só participa nun capítulo), ela semella moi interesada e ao marqués tamén lle gusta moito. Pero Don Julián recomenda (e ademais fanlle caso) que a elixida sexa Nucha, moito máis delicada e relixiosa.

O cura a ve como a súa principal aliada para conseguir civilizar o salvaxe pazo, pero a xogada sae mal. Axiña queda embarazada do marqués, pero nace unha nena, Manolita, e obviamente o marqués quería un neno que se fixera cargo do pazo no futuro. Dada esa situación, o marqués volve aos seus costumes anteriores de liarse coa súa criada Sabela (que ten un mozo coñecido por todos), con quen tivera a un fillo bastardo chamado Perucho. Nucha non pode soportar esa situación. O cura é expulsado do pazo e Nucha morre pouco tempo despois.

Uns anos máis tarde, chega ao pazo Gabriel, irmán de Nucha e Rita, coa intención de levarse a Manolita, a filla de Nucha, ou sexa, a súa sobriña, incluso casando con ela, se é necesario. Manolita xoga sen pudor e está namorada de Perucho, pero son medio irmáns, porque son fillos do mesmo pai. Todo o mundo o sabe, pero eles ou non o saben ou prefiren obvialo, ata que alguén llo confirma claramente. Gabriel ten que marchar sen Manolita, pero a parella tamén se desfai.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...