domingo, 14 de xullo de 2024

Portales

Como o día anterior vin en Rakuten "Código fonte", que me gustou bastante, busquei de novo na sección de ciencia-ficción, a ver se tiña sorte, pero non foi así. Non dispoñía de moito tempo, así que collín unha película breve, pero alí xa poñía que a nota media na IMDB era só de 3,5, así que a cousa pintaba fea.

"Portales" foi dirixida en 2021 por Jeff Desom, Saman Kesh e Dugan O'Neal. No elenco están Kathy Khanh, Julianne Collins, Aric Floyd, Rory Anne Dahl, Christopher Black, Tracy Rosenblum, Samantha Casesa, Bradford Roller, Josh Peck, Lina Esco e Wilson Bethel. Pode que vos chame a atención que haxa tantos directores e tanto elenco, pero a cousa explícase facilmente: está formada por tres episodios aparentemente independentes, cun único nexo común.

O nexo común é a aparición deses millóns de "portais" que desconcertan ao planeta e non se sabe para que están aí. Ao final da película semella que son entes doutra "realidade" que veñen para mellorar á raza humana para que siga progresando. Despois da súa aparición, pídense voluntarios para entrar neses portais para intentar averiguar o máximo posible sobre eles. Cando pasa iso, xa se sabe que só poden estar dentro uns 15 minutos, despois xa é imposible saír.

En calquera caso, como xa dixen, cóntanse tres historias totalmente diferentes:
- Na primeira, catro alumnos que estaban nun instituto (e parece que son os únicos que quedan no seu interior) saen da clase na que estaban pechados e atópanse cun destes portais. Un deles parece ser chamado polo portal e animado a deixar aos outros. Esa parte remata cando ese rapaz entra no portal, pero non se sabe nada máis.
- A segunda parte segue a un equipo de tres persoas que entra nun deses portais que está nunha casa de campo. Cada un deles vai por camiños diferentes, porque o interior do portal está dividido en corredores como os que podería ter a casa orixinal. E cada un deles vai atopando situacións que fan referencia a cousas que lles pasaron xa ou van pasar nas súas vidas.
- A terceira historia fai referencia a un científico que vive no campo e que localizou un deses portais nun bosque cercano á súa casa. Montou un sistema de megafonía e está intentando comunicarse co portal, e finalmente consígueo, e este explícalle a razón pola que viñeron. O científico ponse en contacto coa súa mellor amiga no eido científíco, sabendo que lle vai interesar moito a cousa, pero vén acompañada pola súa nova parella, que é moi diferente a ela, e a cousa acaba regular.

En definitiva, podía ter boa pinta, pero a trama acaba moi desnaturalizada e fragmentada.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...