domingo, 14 de xullo de 2024

Código fonte

Buscando o outro día en Rakuten atopei esta película, coa que xa me cruzara tamén na televisión convencional, vira os primeiros minutos e parecérame interesante, así que lle dei unha oportunidade. Ademais estaba na sección de Ciencia Ficción, e iso sempre me interesa algo máis. O título da película en España é unha tradución perfecta do orixinal inglés, pero paréceme algo confuso, e en Hispanoamérica traducírona como "O código" (aínda peor) ou "8 minutos antes de morrer", que ten moito máis sentido en relación coa historia que conta.

"Código fonte" foi dirixida en 2011 por Duncan Jones (o fillo de David Bowie, que está especializado en facer películas de ciencia-ficción ou fantasía) e os principais papeis do elenco foron para Jake Gyllenhaal, Michelle Monaghan, Vera Farmiga e Jeffrey Wright.

A historia non é moi doada de explicar. Un tipo esperta nun tren que está chegando a Chicago e non sabe como chegou alí. Vai cunha muller que semella coñecelo moi ben pero el non a coñece a ela. Toda a situación é moi estraña. A moza refírese a el cun nome que non é o seu. Vai un momento ao baño, e no espello aparece un home diferente a el. Fan unha parada á entrada de Chicago na que suben e baixan persoas. Pouco despois, hai unha gran explosión e, polo visto, morre todo o mundo que ía no tren. O comezo non está nada mal, e dura uns oito minutos, nos que pasan bastantes cousas, aínda que non semellan moi relevantes.

Xusto a continuación, ese tipo aparece nunha especie de cápsula especial que non semella estar en moi bo estado e nunha pantalla vese a unha militar que intenta comunicar con el, pero el tampouco a recoñece. Fan uns exercicios para recuperar a memoria, e parecen funcionar. Danlle a orde de volver á escena do tren (porque polo visto poden facelo) e que intente averiguar quen foi a persoa que puxo a bomba no tren, porque sospeitan que é o primeiro dunha serie de atentados que van ter lugar en Chicago.

Algo como isto sucede unhas cantas veces (non vou contar a película enteira) e cada vez vai sabendo máis cousas. Onde está a bomba, como desactivala, como localizar á persoa que a colocou alí, etc. El tamén vai sabendo cada vez máis da tecnoloxía que permite todas esas visitas repetidas á estresante situación. O final (que tampouco vou contar porque a película é bastante moderna) é algo sorprendente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...