luns, 15 de xullo de 2024

A dama das camelias

De cando en vez comento aquí algún libro dunha colección que sacou A Voz de Galicia a comezos deste século e milenio (naquela época sacaron unhas cantas bastante interesantes), que estaba formada por clásicos universais traducidos ao galego. Nesta ocasión lin "A dama das camelias", de Alexandre Dumas fillo, traducida por Antonia Vega Prieto. Os máis grosos e ficcionais desa colección xa os lin nos últimos anos. Agora quedan os de ensaio e divulgación.

Esta novela non me gustou demasiado. A súa temática está moi centrada no amor e nos sentimentos, e a min iso non me atrae excesivamente. Ese elemento mesturado con moitos outros pode quedar moi ben, pero cando é tan obsesivo como é nesta novela, a min xa me cansa bastante. Tamén hai algo de crítica aos prexuízos sociais da época.

A trama xira en torno á relación dos dous principais protagonistas, a prostituta Margarita Gautier e o seu amante Armand Duval. El é un tipo de familia máis ou menos con posibles (pero non excesivos) que queda deslumbrado pola beleza de Margarita e fai o posible por converterse na súa amante, sendo consciente de que ela é mantida por un duque riquísimo que lle paga todos os vicios, e tamén de que ela leva un tren e ritmo de vida altísimo.

Pero parece que a ela tamén lle gusta el, e despois dalgún tempo, fai un certo esforzo por saír de París e illarse no campo con Armand (case todo iso pagado polo duque, que ten moita coña a cousa). Pero a cousa non pode saír adiante, entre outras cousas porque a familia de Armand tamén exerce certa presión para que a parella rompa.

Polo visto, a novela está baseada na historia real de Marie Duplessis. Está ambientada no París de mediados do século XIX. A partir dela tamén se fixo algunha obra de teatro e a famosa ópera "La Traviata".

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Romería de Santa Margarita 2024

Un ano máis, para rematar as festas da Coruña do mes de agosto, e magnificamente organizadas polo colega Antonio Prado (supoño, non o sei, p...