domingo, 28 de maio de 2023

A aventura do Poseidón

Pois como dicíamos, o ciclo de cine clásico da 2 trata este mes de películas estadounidenses de catástrofes. Tivemos avións, edificios, e agora tocaba un barco. Lembrade que a gran estrela desta época foi o produtor Irwin Allen, que estaba especializado nese tipo de temáticas, gloria que pouco lle durou.

"A aventura do Poseidón" foi dirixida en 1972 por Ronald Neame. O reparto é bastante coral, aínda que se cadra ten algo máis de protagonismo Gene Hackman, o machirulo que salva a máis xente. Entre os demais, o elenco non está mal, ten a Ernest Borgnine, Red Buttons, Shelley Winters, Stella Stevens, Leslie Nielsen e Roddy McDowall, por dicir aos que máis coñecidos poden resultar agora, 50 anos despois.

Como habitualmente neste tipo de películas, a historia non ten demasiada chicha. Un transatlántico que vai polo Mediterráneo (aos estadounidenses estas cousas non lles pasan nas súas augas, vaia) é embestido por unha onde xigante dun tsunami. Como resultado diso, volva e queda coa quilla para arriba. Un pequeno grupo toma a decisión de seguir a un impetuoso sacerdote novo con moito caracter, para ir ascendendo na estrutura do barco e chegar así á zona das hélices, xa que supostamente alí o casco do barco é moito máis fino que no resto. Efectivamente, chega ata alí un grupo de só 5-6 persoas, que son rescatadas polas forzas italianas ou gregas.

Pero tamén como sucede sempre nestas tramas, hai múltiples intrahistorias que trufan a película. Por exemplo, o transatlántico está xa obsoleto e vai a Grecia para o seu desguace no seu último traxecto público. E o representante dos armadores está metendo presión para que o barco vaia a toda máquina. Iso e non levar lastre fai que a embestida da onda o volque, cousa que non tiña por que suceder, polo visto.

O sacerdote que lidera o grupo que se salva é moi enérxico debido á súa xuventude e ten moitos conflitos previos con outro sacerdote máis vello. Vai un matrimonio formado por un policía e unha ex-prostituta que o marido "sacou da rúa". Tamén vai outro matrimonio que van a Israel para ver por primeira vez ao seu neto. Unha rapaza que cantaba na orquestra do barco perdeu a todo o seu grupo, incluído o seu querido irmán, no impacto inicial. Hai un vello solteirón polo medio. Dous irmáns, o máis pequeno deles un rapaciño que sabe a estrutura do barco de memoria, e que dá a idea de subir ata as hélices. E a súa irmá maior semella estar namorando do sacerdote xoven.

Por certo, non o dixen antes, todo isto sucede na emotiva noite de Aninovo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...