domingo, 28 de maio de 2023

Un hotel de primeira sobre o río

Xohana Torres é unha autora galega que ten moito prestixio, pero que tivo bastante pouca produción, e que ademais quería ser moi anónima, non lle gustaba nada a fama. Creo que escribiu sobre todo poesía e un pouco de teatro. O Centro Dramático Galego, na súa errática traxectoria dos últimos anos, propiciada principalmente polo desleixo da Xunta, con bo criterio na miña opinión, decidiu rescatar unha das poucas obras de teatro que escribiu, titulada "Un hotel de primeira sobre o río".

A escolla do equipo artístico foi algo arriscada, polo que parece. A dramaturxia foi a cargo de Gonçalo Guerreiro e María Torres, ou sexa, Elefante Elegante, grupo coruñés principalmente dedicado a teatro infantil, pero que tamén fan teatro para adultos. Cando é así, creo que son sempre espectáculos moi visuais e coloridos, e agradécese moito, como foi neste caso. O elenco está formado por sete actores e actrices bastante descoñecidos (eu creo que non coñecía a ningún): Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga.

A historia, aparentemente, é ben simple, aínda que teño a sensación de que nesta montaxe se simplificou aínda máis para deixar sitio ao colorido e o movemento típico dos dramaturgos. Ruth é unha muller que vive nun val no que uns especuladores queren forrarse facendo complexos turísticos de luxo. Ela négase a vender, e aparecen varios personaxes que van axudala nas súas conviccións ou contradicilas. Por exemplo, uns sobriños, fillos da súa irmá que vivía en Alemaña e que xa morreu, e que era copropietaria dos terreos.

Pero xa digo, a trama semella como secundaria e bastante fácil de seguir, e o foco semella estar posto nas curiosas "coreografías" e atuendos dos outros seis actores, que ás veces saen de cor celeste, ás veces de verde, ás veces de vermello, e fan cousas ben curiosas no escenario. Pero entendo que xente que ten máis atracción polo teatro máis tradicional, con diálogos ben construídos que expliquen a historia en detalle, puidera sentirse incómoda ou desagradarlle a proposta. A min non me desagradou.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...