sábado, 27 de maio de 2023

Sangre de muérdago (Sangue de visco??)

Había xa varios anos que oíra falar desta banda e tiña ganas de vela actuar en directo. Supostamente son un grupo de folk que canta en galego, o seu nome é claramente español e o grupo está (máis ben estaba) radicado en Alemaña. Vaia, un lío!! O outro día fun velos á Sala Garufa e xa me fixen unha idea mellor do que significa este proxecto musical.

O grupo foi fundado e é liderado polo galego Pablo Caamiña Ursusson. Comezaron hai uns quince anos e creo que xa o fundou cando estaba en Leipzig. Polo que dixo durante o concerto, semella que foi máis ben un exilio voluntario, non obrigado por ningunha razón concreta. Alí rodeouse de músicos variados aos que convenceu do seu proxecto musical. O seu camarada principal é o alemán Georg "Xurxo" Börner. Tanto é así que xa deixaron Alemaña e afincáronse nalgún lugar da provincia da Coruña (algo me dixeron, pero prefiro non revelalo), e seguen os dous xuntos no grupo. O outro día tocaron acompañados por un violonchelista e un clarinetista (presentáronos brevemente ao final, pero non lembro os seus nomes).

O seu estilo supostamente é "neofolk" (xuraría que nunca vira esa palabra) cantado en galego. Non sei, a min deume a sensación de ser case como folk americano, moi semellante á música de cantautor, pero con instrumentos máis tradicionais europeos. Canta sempre Pablo normalmente acompañándose da súa guitarra acústica. Xurxo toca a nickelharpa (se non sabedes o que é mirádeo en Internet, pero vén sendo algo así como unha mestura de violín e zanfona). E xa dixen antes que no concerto do outro día tamén había un clarinete e un violonchelo. Só nun par de ocasións, Pablo non cantaba, deixaba a guitarra e collía a zanfona, e cada vez que o fixo, tocaron seguidas un par de pezas instrumentais.

A música do grupo resulta agradable pero é tremendamente lenta. Dígoo porque no folk é relativamente habitual que teñan máis presenza os ritmos rápidos que os lentos. As cancións nas que cantaba Pablo eran moi lentas, todas sen excepción. E o que é peor para min, parecéronme todas moi semellantes, fíxoseme un concerto moi monótono. As cancións máis movidas e que, se non me engano, provocaron as maiores ovacións, foron esas que xa mencionei, instrumentais con Pablo á zanfona. O grupo debería tomar nota dese detalle, pero seguro que xa o fixo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...