mércores, 30 de marzo de 2022

Cube

Na miña nova Smart TV tamén se colle Rakuten TV, que é unha plataforma de streaming que ofrece series e películas gratis con publicidade. "Cube" foi a primeira (e ata agora última) película que vin nesa plataforma. Lembro que cada 15 minutos (aproximadamente) botaban máis ou menos 1 minuto de publicidade. Polo menos, sabíase canto ía durar a publicidade, porque dicían dende o principio que anuncios ían ser, e ao comezar cada un informaban da súa duración. Normalmente eran 2-3 anuncios duns 20 segundos cada un. Como curiosidade, direi que cada película poñía unha puntuación (non sei se é dos usuarios de Rakuten), e en xeral raramente chegaba ao 5, pero cando vin que esta andaba polo 7,5, pensei que podía ser mellor opción que as outras.

"Cube" foi dirixida en 1997 por Vincenzo Natali. A pesar do nome italianizado, o director é canadiano, igual que todo o elenco e a produción en  xeral, polo que parece. Non digo os nomes dos actores e actrices porque dubido bastante que sexan coñecidos fóra do Canadá.

Varias persoas aparecen dentro dunha habitación cúbica. Hai unha porta de comunicación en cada unha das seis caras do cubo. Ninguén lembra como chegou alí. Miran a través desas portas, pero acaban descubrindo que as habitacións que se atopan do outro lado son similares ás súas, e algunhas teñen trampas mortais.

Os integrantes da expedición son un policía, un arquitecto, unha médico, un especialista en fuxir de cárceres, unha estudante de Matemáticas e un rapaz autista. Ao principio todos seguen ao fuxitivo, que semella ter ideas moi valiosas para saír do cubo, pero morre rápidamente ao non detectar unha das trampas. Acaban descubrindo que a clave para saber se unha habitación é perigosa son uns números gravados na súa porta, así que a estudiante vólvese esencial para iso. Atópanse co autista máis tarde, rexeitado primeiro pola maioría, pero despois descubren que é un xenio do cálculo, así que xa o aprezan máis.

Van movéndose pola estrutura, e a estudiante descubren que hai un inmenso cubo formado por 26 habitacións desas en cada unha das tres dimensións, ou sexa, 17.576 habitacións. E tamén descubre, pola numeración, que nalgunhas ocasións, hai unha habitación 27 que lles podería sacar da superestrutura. Van pasando cousas, que non vou contar, ata que algúns conseguen saír, pero outros non.

Saúdos.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...