domingo, 12 de xuño de 2022

A virxe roxa

Esta é unha película documental galega, xa do 2021, da que leva tempo oíndose falar. Botábana o outro día nos cines do Fórum Metropolitano e non perdín a oportunidade, sobre todo cando souben a temática en torno á cal xiraba. Foi dirixida por Marcos Nine e a produtora é Recrea Filmes, de Chema Gagino, que presentou a película na sala.

Sobre que trata? Pois sobre a fascinante historia e personalidade de Aurora Rodríguez Carballeira. Nada en Ferrol a finais do século XIX, apuntouse con entusiasmo ás teorías euxenésicas da época e intentou ter fillos (ou sobriños) superdotados que marcasen unha época. E en certo xeito, conseguiuno.

O seu primeiro experimento foi o do seu sobriño, coñecido como Pepito Arriola. Era fillo de solteira (e pai descoñecido) da súa irmá Josefa, que inicialmente pasou del. Coidouno entón Aurora, que tiña só 16 anos daquela, e o rapaz comezou a tocar o piano con 2 anos, e xa o nomearon o "Mozart español". A nai, que xa vivía en Madrid, ao ver a xoia que podía significar, reclamouno cando tiña 3 anos, e converteuse nunha celebridade na capital. Con 6 anos, a nai e o neno marcharon para Berlín, onde pasaría boa parte da súa vida, e converteuse nun mito da música alemá.

Foron só 2 ou 3 anos os que Aurora estivo con Pepito, pero debeulle parecer unha proba interesante, e seguiu coas súas ideas de dar a luz unha persoa que marcara unha época no país. Pero tardou tempo. Porque a súa filla Hildegart naceu en 1914, case 20 anos despois que Pepito. O pai foi un clérigo leridano que debía andar por Ferrol. Suponse que Aurora escolleu ese tipo de pai porque tería estudios elevados e porque nunca ía reclamar a paternidade. Por certo, Hildegart tiña non sei cantos nomes diferentes, pero sempre usaba o primeiro, que segundo a nai significa "xardín de sabedoría" en alemán, pero semella que iso non é certo.

En canto Aurora notou que estaba embarazada, marchou para Madrid. Efectivamente, naceu a nena, e Aurora pensou en convertela na "muller do futuro". E o proxecto non ía mal. Matriculouse en Dereito con 14 anos e con 18 anos era unha lideresa española e mundial no tema da sexualidade, con moitas publicacións e de moito prestixio. Estaba estudando dúas carreiras universitarias máis. Estivera no PSOE pero fora expulsada por ser moi crítica, e agora movíase en posturas máis anarquistas.

Pero a filla estaba cansándose da nai e quería separarse dela, e a ela non lle gustaba nada esa perspectiva. Herbert George Wells tiña un grande concepto de Hildegart, e estaba intentando convencela para que fora a Londres para ser a súa secretaria. Finalmente a nai acabou matando á súa filla de catro disparos cando durmía e tiña 18 anos.

En canto a este documental, resulta algo longo e pesado. O tema dá moito de sí, pero apenas hai fotografías e vídeos do tema. Polo que dixo o produtor, utilizaron fragmentos dunhas 400 películas da época para contar a historia, entrevistaron a 5-6 expertos no tema, que saen na metraxe, pero aínda así, dá a impresión de que sobra boa parte dos fotogramas. Dura uns 90 minutos, pero seguramente coa metade ben lle chegaría. Pero claro, os autores dirán que o criterio artístico prevaleceu.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...