domingo, 12 de xuño de 2022

Natura Renovatur

Leva catro anos celebrándose na Coruña un Festival de Música Contemporánea que, polo visto, ten bastante prestixio. O outro día fun ao concerto de clausura da edición de 2022. Por certo, ese certame chámase Resis. Pero debe quedar claro que a música contemporánea non me agrada. Por razóns variadas fun a varios concertos dese estilo, e resúltanme algo curiosos, pero podo pasar sen eles perfectamente. Nesta ocasión convidoume unha amiga que ganou as entradas nun concurso da radio, e fun pola grata compañía. Esa amiga nunca fora a un concerto deste tipo, e o meu prexuízo fíxome pensar que non lle gustaría demasiado, como a min, pero resulta que saíu encantada. Cousas que pasan.

O título xenérico deste concerto era "Natura Renovatur", pero casualmente ese era o título dunha das catro pezas que se interpretaron. Ao mellor é a máis coñecida ou prestixiosa de todas. Debemos sinalar que as catro pezas era a primeira vez que se tocaban en España e unha delas era incluso unha estrea absoluta, porque é unha composición deste mesmo ano 2022, a cargo do director en escea, Wladimir Rosinskij. Por certo, quen interpretaba as pezas era a Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia, como sempre chea de músicos estranxeiros, parece que moitos da Europa do Leste. As pezas interpretadas foron:
- Natura Renovatur (1967) de Giacinto Scelsi
- Elexía e Baile para piano, violonchelo e cordas (2022) de Wladimir Rosinskij, na que a solista de violonchelo era a esposa do director, e a solista de piano era a fillo de ambos, se non entendín mal.
- Aroura (1971) de Iannis Xenakis, a quen se homenaxeaba neste Festival
- Nature-Morte (1979-1980) de Wolfgang Rihm

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...