sábado, 6 de novembro de 2021

Capricornio Un

Ás veces un leva sorpresas positivas revisando a grella das cadeas de televisión españolas. Unha das que eu recibo a través da conexión de R é TeleVigo. De cando en vez botan boas películas, e unha tarde destas estaban sembrados. A media tarde botaban "Capricornio Un" película de ciencia ficción da que tiña boas referencias, así que non o pensei.

Foi dirixida en 1977 por Peter Hyams, no que foi o seu primeiro éxito comercial. Os tres astronautas foron protagonizados por James Brolin, Sam Waterston e OJ Simpson. Noutros papeis máis ou menos destacados están actores e actrices como Elliott Gould, Brenda Vaccaro, Hal Holbrook, Karen Black ou Telly Savalas.

Estanse facendo os preparativos para o lanzamento dunha misión espacial a Marte. Todo parece ir normal. Pero cando falta moi pouco tempo, e de forma totalmente oculta para o público, os tres astronautas son extraídos da nave. Pouco máis tarde, o lanzamento prodúcese de forma aparentemente normal. Os astronautas non saen do seu asombro. O xefe de expedición dilles que, nos últimos tempos, descubriuse que a plataforma de soporte vital era defectuosa e que morrerían ao pouco tempo do lanzamento. Dada a polémica que había co altísimo coste das misións espaciais, un suceso así podería significar a fin desas expedicións, así que decidiron finxir que todo ía ben. O momento crucial, que sería a "amartizaxe", sería rodado nunhas instalacións no deserto de Sonora, que son onde se atopan nese momento os astronautas, totalmente illados do mundo exterior.

No control da misión son moi poucas persoas as que saben iso. De feito, un dos técnicos comeza a ver cousas raras, e informa aos seus superiores das estrañas medicións e resultados que lle saen na súa consola. Di que é absurdo, pero semella que os sinais da amartizaxe chegaban antes que os datos da nave espacial, como se estiveran a 500 quilómetros de distancia, e el non entende como pode pasar iso. Un día coméntallo a un colega xornalista mentres están tomando algo nun bar. Ese xornalista tamén percibe que, na breve conversa informal que se produce entre os astronautas e as súas familias, hai algunha frase que non semella ter moito sentido ou que sorprende bastante a algún dos participantes. E o xornalista comeza a sospeitar que pasa algo raro cando vai buscar ao seu colega ao motel no que vive, e aparententemente está desaparecido, e o seu apartamento está ocupado por unha señora que leva tempo vivindo alí, cando el estivo moitas veces alí.

A crise chega ao punto máximo cando a suposta expedición está voltando á terra. Teñen todo preparado para levar aos tres astronautas á zona na que caerá a cápsula que supostamente os traerá dende Marte. Pero algo sucede (agora mesmo non teño claro se é o que sucede realmente coa cápsula ou se tamén está orquestado polos xefes da expedición), e o escudo protector da cápsula cando entran na atmósfera racha e todo arde. Claro, iso significa que os tres astronautas que tiveron durante meses illados no deserto á espera de facelos aparecer de novo, deben morrer, porque senón desvelarían que todo foi un engano.

Nese momento, os tres astronautas fuxen do hangar do deserto no que estaban, burlan aos poucos e tontos vixilantes, e intentar escapar nunha avioneta que os levou ata alí. Pero ao pouco de saír descobren que a avioneta apenas ten combustible e teñen que facer unha aterrizaxe de emerxencia no deserto. Dende alí, saen nas tres direccións diferentes á que traía a avioneta, para ver se algún deles consegue chegar á civilización. Dous deles son apresados polos vehículos que lles perseguen, e supostamente asasinados, aínda que iso non se ve, só se intúe, non hai que ser un lince. Outro deles  está tamén a piques de selo, pero consegue fuxir no último momento. E súbese a unha avioneta fumigadora que contratou o xornalista. Están a piques de ser derrubados polos helicópteros moi hostiles que os perseguen, pero ao final conseguen escapar. Para rematar a película, o único astronauta supervivinte aparece no funeral de Estado no que supostamente están honrando as súas fazañas, co cal todo o engano queda descuberto.

Temática curiosa esta. Naquela década había algúns iluminados dicindo que os estadounidenses non chegaran á Lúa, e esta película aproveitouse dese bulo para ter éxito. Seguramente algún desnortado utiliza esta película como argumento nesa tontería. O director levaba varios anos coa idea na carteira, pero non conseguía apoio para rodala. Pero en canto xurdiu o escándalo do caso Watergate, de súpeto, a todo o mundo lle pareceu unha idea fantástica contar unha historia dun goberno estadounidense que engana aos seus cidadáns. E máis sorprendente é aínda cando ves que a NASA colaborou na rodaxe, cando claramente son os malos da película, os que se inventan todo e minten. Non hai quen os entenda.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...