sábado, 6 de novembro de 2021

A noite da iguana

Esta sorpresa tamén ma deu TeleVigo. O título soábame, o que non sabía era que estaba baseada nunha obra de teatro de Tennessee Williams, cuxas historias sempre están cargadas de tensión emocional e, ás veces, sexual. Pero neste caso xa me pareceu unha historia un tanto disparatada.

A película é do ano 1964, e foi dirixida por John Huston, que tamén teño entendido que lle engadía moita tensión e diversión aos seus traballos, as rodaxes eran un tanto salvaxes. O protagonista principal é Richard Burton, que está moi ben secundado por Ava Gardner, Deborah Kerr, Sue Lyon (no seu papel case habitual de rapaza seductora de homes maduros) e Grayson Hall (que levou o Óscar como actriz de reparto). Pero xa digo, a historia é un disparate e moitos dos personaxes tamén o son bastante.

Lawrence Shannon é un sacerdote anglicano que é un pouco alcohólico, e semella ser tamén algo seductor, e por esa razón, tivo xa escándalos sexuais en diferentes parroquias que dirixía, polo cal é expulsado da última por un ataque de ira durante unha homilía, intentando defenderse das acusacións dos feligreses.

Para fuxir dese triste destino, vai a México e ponse a traballar como guía turístico para grupos de solteironas estadounidenses, principalmente mestras. No grupo que se ve na película, vai como organizadora unha estricta muller que desconfía moito del, e unha rapaciña que está flirteando con el todo  o tempo, e iso faille sentir moi incómodo. El intenta resistirse, pero ela é moi insistente.

Cando chegan a Puerto Vallarta, onde teñen contratado un hotel dunha certa calidade, o guía ex-sacerdote dille ao conductor do bus, que pase de longo e que vaia a unha praia na que hai hotel dunha amiga súa. Efectivamente, alí está o hotel da súa amiga Maxine Faulk, viuva dende hai pouco. Ese lugar era un dos preferidos de Shannon para desconectar de todo, e agora pretende superar os problemas desta excursión aloxando ao grupo nese hotel. O hotel, como lle di a súa amiga, en principio, está pechado nesta época do ano, pero finalmente accede a abrilo, en deferencia ao seu colega, ao que ve tan apurado.

Por se non chegara con isto, a ese mesmo hotel, chega ese mesmo día, unha estraña parella. Está formada por unha muller de estritos costumes, que se gana a vida pintando nos lugares aos que vai, vendendo os retratos da xente que se atopa. E vai acompañada polo seu avó, un anciano poeta, que está intentando rematar o último poema da súa vida.

Todos estes personaxes, cada un máis estraño que o anterior, coinciden nese hotel durante unhas horas ou días, e a cousa non pode acabar ben, aínda que tampouco é para tanto, vanse levando máis ou menos, coas tensións típicas de tantos caracteres contrapostos. Que disparate!!!

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...