mércores, 28 de abril de 2021

Dous homes e un destino

Supoño que xa todos vimos e disfrutamos desta película. Eu tamén, pero botábana no ciclo de Paul Newman do cine clásico da 2, e non puiden evitalo. A semana pasada botaran a outra película na que estas dúas super-estrelas actuaron xuntas, "O golpe" (pero na televisión botárona na orde contraria á rodaxe). Tamén teño que recoñecer que esta vez me decepcionou lixeiramente, e derrubouse o mito que a gardaba na miña memoria.

A película é de 1969 (catro anos antes que "O golpe"), e foi dirixida tamén por George Roy Hill, que casualmente destacou por esas dúas películas. O protagonismo é para quen todos sabemos, pero deixáronlle tamén un pouquiño a Katharine Ross, que fai de moza de Sundance (ou dos dous, non está moi claro, a verdade). Por certo, só en España se traduciu o título. No resto do planeta deixouse o orixinal, que fai referencia ao nome dos dous personaxes reais nos que se inspira: Butch Cassidy e Sundance Kid.

A historia é bastante simple. Estamos en Wyoming en torno a 1900. Butch e Sundance lideran unha banda de pistoleiros que atracan bancos pero non matan a ninguén. Butch é o planificador e Sundance quen máis actúa para perpetrar os roubos. Pero nun determinado momento, cansan moito a alguén que está sufrindo os seus roubos con frecuencia, e esa xente contrata a un grupo de persoas que os van perseguir durante miles de kilómetros. Curiosamente ese grupo de persoas vense só de lonxe cabalgando, pero nunca se ven planos cercanos, un detalle audiovisual moi interesante. Os pistoleiros comezan a elucubrar quen poden ser os perseguidores, que queren vingarse de traballos anteriores seus, e semella que acertan. Conseguen fuxir a Bolivia, porque Butch opinaba que alí había moita riqueza. Pero alí son sorprendidos nunha emboscada e morren.

Os personaxes reais tiveron unha vida parecida, pero diferente. Polo visto, os tres (a moza tamén) viviron uns anos en Arxentina tranquilamente, pero alí os descubriron, escaparon a través de Chile, e dalí a Bolivia, onde os mataron, como na película. Polo visto, levan tempo buscando as súas tumbas, pero nunca as atoparon.

Decepcionoume un pouco, porque non lembraba que pasaban media película simplemente fuxindo duns perseguidores aos que cabrearan e que apenas se veían. Pero se cadra tampouco é un detalle tan importante.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...