luns, 3 de novembro de 2025

Os comancheros

Levaba algún tempo sen ver o espazo de cine clásico da 2, basicamente porque estaban repoñendo películas que xa proxectaran nos últimos anos. Ver películas que xa vin antes só me interesa se levo moito tempo sen velas, pero se as visionei hai pouco e aínda as teño frescas, non me apetece. Pero esta vez botaban "Os comancheros", e chamábame a atención que o título me soaba moito (polo visto, en inglés, tamén utilizan a palabra "comancheros"), pero a trama non me soaba de nada. E efectivamente, unha vez vista, xuraría que non vin antes esta película... ou a vin e a esquecín completamente.

"Os comancheros" foi dirixida en 1961 por Michael Curtiz (que morreu de cancro durante a rodaxe) e rematada por John Wayne (que non quixo figurar nos créditos como director, por respecto a Curtiz). O elenco estaba formado nos seus principais papeis por John Wayne, Lee Marvin, Stuart Whitman, Ina Balin, Bruce Cabot, Nehemiah Persoff e Bob Steele. Aparecen unhas paisaxes marabillosas dos desertos estadounidenses e, polo visto, para facer de comanches trouxeron a navajos dende Arizona a Utah. En calquera caso, a trama a min paréceme algo estraña e creo que fixeron a película como escusa para xuntar a varias figuras da época.

Un tipo é perseguido en varios estados do sur da Unión por ter matado nun duelo ao fillo dun xuíz. Cando chega a un deses estados, un sheriff o localiza e decide arrestalo. Pero cando está intentando levalo ao estado onde o reclaman para aforcalo, son asaltados por un grupo coñecido como os "comancheros", uns brancos que decidiron aliarse cos comanches para venderlles armas e licores. Algún tempo despois descúbrese a aldea concreta do deserto onde se agochan, que é descoñecida para todo o mundo.

O tipo que ía ser aforcado consegue escapar en varias ocasións, pero volve ser apresado polo sheriff, e ao final únense para loitar contra os "comancheros". Ademais resulta que a filla do líder comanchero é unha fermosa muller da que está namorado o fuxitivo, xa que coincidiu con ela nun barco e quedou prendado dela. Ao final tamén ela se une aos dous homes para acabar co grupo dos comancheros.

Saúdos.



xoves, 30 de outubro de 2025

Refraneiro galego máis frecuente

Se cadra, o máis importante desta lectura, que non me cambiou a vida, pero chamoume a atención en certa medida, é que é o volume número 119 da famosa Biblioteca Galega 120 da que xa falei aquí moitas veces. A que sacou a Voz de Galicia no ano 2002, cando se cumprían 120 anos da súa fundación, baixo o criterio editorial, que non é pouco, de Tucho Calvo. Polo tanto, xa só falta o último volume, sobre contos e lendas tradicionais, para rematar esta enciclopédica colección, que lin na orde de numeración dos volumes e que, obviamente, teño completa. Penso que no mes de novembro darei cumprido este obxectivo.

Nunca lera un refraneiro (que eu lembre) e sospeito que non vou ler moitos máis na miña vida, pero chamoume a atención (aínda que é totalmente lóxica) a súa organización como se fora un diccionario. O que pasa é que, como di o compilador Xesús Ferro Ruibal no limiar, ás veces é moi complicado saber cal é o concepto principal ao que se refire o refrán, porque pode facer referencia a varios, algúns explícitos, e outros implícitos ou metafóricos. Por iso algún refrán aparece en varias seccións, ou hai seccións das que só aparecen as referencias a outras (con mensaxes do estilo "ver tamén .....").

Saúdos.


luns, 27 de outubro de 2025

Os dous de sempre

A fantástica compañía Mofa e Befa, que agora forma parte de Producións Excéntricas, acaba de estrear unha versión teatral de "Os dous de sempre", a novela curta de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Como sabedes, toda esta xente é moi fiable. Nesta montaxe están sobre as táboas Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa e Befa), pero nesta ocasión están moi ben acompañados por Josito Porto. Se non entendín mal, a idea inicial era que estivera Piti Sanz, pero ante a súa repentina morte en xuño, tiveron que buscar un substituto. Nalgunha escena están os tres tocando algún instrumento musical, especialidade de Piti, que era músico.

Se os personaxes principais de "Os dous de sempre" eran dous, o vago e lacazán Pedriño e o eivado Rañolas, pode que vos preguntedes para que facía falla un terceiro actor. Pero en moitas escenas facían falla máis personaxes, e na primeira parte cóntanse escenas da vida de Castelao.

Saúdos.


Tres vellas na romería

"Tres vellas na romería" é algo parecido ao espectáculo de "Contos na lareira", pero neste caso é unha produción de Excéntricas que ten a tres personaxes fixos: Quico Cadaval e Celso Fernández Sanmartín pola parte galega (e que están case sempre en "Contos na lareira") e José Luís Gutiérrez "Guti" con orixe en Zamora, ao que non coñecía de nada.

De Quico e Celso non hai moito que dicir, xa os vin moitas veces e falei deles dabondo neste blog como para descubrir nada novo. Guti non me gustou demasiado. Cantou, contou algunhas historias sobre todo de vellas e de cregos, cun curioso acento (total respecto, os zamoranos poden ter o sotaque que lles pete, faltaría máis), pero non me chamou demasiado a atención. A min xa me estrañaba, que oíra falar deste espectáculo, pero o nome do terceiro contacontos non me soaba de nada, e non é doado estar á altura dos outros dous.

Saúdos.



domingo, 26 de outubro de 2025

Lamatumbá no ÁgoraSon

A semana pasada houbo unha nova edición do ÁgoraSon, os concertos que se fan no Ágora da Coruña, e para os que só se pode conseguir entrada sacando libros en galego das bibliotecas municipais da cidade. A verdade é que xa me están desconcertando un pouco, porque eu pensaba que só facían un cada ano, pero eu son consciente de que na primavera foi o anterior, do que xa falei aquí, con Xosé Luis Romero e Aliboria.

Esta vez foi a quenda de Lamatumbá, que eu pensaba que estaban medio retirados, pero semella que aínda están en boa forma. Dende logo o cantante, Sergio Zearreta, que xa debe andar polos 50 anos, non parou de saltar e moverse nin un só instante, e o concerto non durou pouco. Pois nada, festa continua, moita xente bailando sobre todo polos laterais e a parte de atrás case dende o comezo.

Como curiosidade, poño este video de "Licor café", a súa canción máis coñecida, e publicada no 2001, no seu primeiro disco. É a actuación da época no Luar, e creo que non recoñezo a ningún dos integrantes do grupo, nin sequera ao cantante, que era outro, polo visto. Porque dos primeiros tempos deste grupo foise unha escisión que acabou montando o grupo O Sonoro Maxín.

Saúdos.



sábado, 25 de outubro de 2025

O home da terra

Hai unhas semanas, buscando algunha película breve de ciencia-ficción, dei con esto en Amazon Prime, e agora resulta que tamén está en Youtube. Nalgún sitio lin que é "ciencia-ficción intelectual", que pode que non sexa unha mala definición. Dende logo, resulta moi sinxela de facer e barata (fíxose en dúas semanas), e dá moito que pensar.

"O home da terra" foi dirixida en 2007 por un tal Richard Schenkman. O elenco estivo formado por estas oito persoas: John Billingsley, Tony Todd, David Lee Smith, William Katt, Richard Riehle, Alexis Thorpe, Ellen Crawford e Annika Peterson. Entre eles está o famoso William Katt da mítica serie dos 80 "O gran héroe americano".

Non se pode contar moito da historia sen destripala, e sería unha mágoa facelo. Basicamente un profesor universitario de historia convoca na súa casa aos seus colegas, que son case todos compañeiros de traballo, para dicirlles que ten que marchar. Parece que a noticia colle de sorpresa a todo o mundo e suponse que van preguntar as razóns ademais de despedirse. E el explícallas, pero son tan inimaxinables, que provoca un animado debate no salón da súa casa (que xa está sendo desmontado polos das mudanzas). E a película é só iso, hora e media de charla no seu salón sobre as razóns da súa marcha, pero realmente a charla daría para moito máis.

Se non vistes a película, seguramente pensaredes que é moi pouca cousa, pero o certo é que a valoración da película é bastante boa, e incluso tivo xa unha secuela, feita en 2017. A case todo o mundo lle agrada a historia, así que algo terá. Se queredes desvelar o enigma, aí tedes o vídeo de Youtubre.

Saúdos.



mércores, 22 de outubro de 2025

O candidato

Como xa comentei aquí hai pouco, recén falecido Robert Redford, tiña ganas de ver algunha das súas películas dos 70 que aínda non vira. Non puido ser co "Gran Gatsby", "Todos os homes do presidente" e "Os tres días do cóndor", así que tiven que conformarme con "O candidato", que non me atraía tanto, que lle imos facer.

"O candidato" foi dirixida en 1972 por Michael Ritchie. No elenco poderíamos destacar a Robert Redford, Peter Boyle, o veterano Melvyn Douglas, Don Porter, Allen Garfield e Karen Carlson.

A historia trata de Billy McKay, un avogado laboralista progresista de California, en quen se fixa un asesor do Partido Demócrata, para intentar enfrontarse a un gobernador republicano que xa leva moito tempo no cargo e que semella estar moi asentado no mesmo. Semella un experimento no que se desinhiben, sobre todo o candidato, porque como xa dan por perdidas as eleccións, queren probar novas formas de conseguir votos. A película non ten moita máis historia, remata coa inesperada victoria do xoven demócrata e a súa incómoda pregunta posterior: "e agora que?".

Confirma algo do que xa estaba convencido: algunha xente está fascinada pola maquinaria electoral estadounidense, pero a min paréceme un auténtico circo, como case todo o que sae dese país.

Saúdos.



Sendeirismo en Babia e Luna

Hai uns días Viaxes O Lóstregho estivo no noroeste da provincia de León facendo sendeirismo nas fermosísimas comarcas de Babia e Luna. Certo...