luns, 3 de novembro de 2025

Os comancheros

Levaba algún tempo sen ver o espazo de cine clásico da 2, basicamente porque estaban repoñendo películas que xa proxectaran nos últimos anos. Ver películas que xa vin antes só me interesa se levo moito tempo sen velas, pero se as visionei hai pouco e aínda as teño frescas, non me apetece. Pero esta vez botaban "Os comancheros", e chamábame a atención que o título me soaba moito (polo visto, en inglés, tamén utilizan a palabra "comancheros"), pero a trama non me soaba de nada. E efectivamente, unha vez vista, xuraría que non vin antes esta película... ou a vin e a esquecín completamente.

"Os comancheros" foi dirixida en 1961 por Michael Curtiz (que morreu de cancro durante a rodaxe) e rematada por John Wayne (que non quixo figurar nos créditos como director, por respecto a Curtiz). O elenco estaba formado nos seus principais papeis por John Wayne, Lee Marvin, Stuart Whitman, Ina Balin, Bruce Cabot, Nehemiah Persoff e Bob Steele. Aparecen unhas paisaxes marabillosas dos desertos estadounidenses e, polo visto, para facer de comanches trouxeron a navajos dende Arizona a Utah. En calquera caso, a trama a min paréceme algo estraña e creo que fixeron a película como escusa para xuntar a varias figuras da época.

Un tipo é perseguido en varios estados do sur da Unión por ter matado nun duelo ao fillo dun xuíz. Cando chega a un deses estados, un sheriff o localiza e decide arrestalo. Pero cando está intentando levalo ao estado onde o reclaman para aforcalo, son asaltados por un grupo coñecido como os "comancheros", uns brancos que decidiron aliarse cos comanches para venderlles armas e licores. Algún tempo despois descúbrese a aldea concreta do deserto onde se agochan, que é descoñecida para todo o mundo.

O tipo que ía ser aforcado consegue escapar en varias ocasións, pero volve ser apresado polo sheriff, e ao final únense para loitar contra os "comancheros". Ademais resulta que a filla do líder comanchero é unha fermosa muller da que está namorado o fuxitivo, xa que coincidiu con ela nun barco e quedou prendado dela. Ao final tamén ela se une aos dous homes para acabar co grupo dos comancheros.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesfér...