domingo, 7 de maio de 2023

VANGAL 2023

Este artigo non trata sobre un veterano adestrador holandés de fútbol senón sobre un novo festival de música que acaba de crearse na Coruña (vaia, creo que estiven nalgunha das sesións da súa primeira edición, polo que oín). O festival chámase "Vangal" porque pretende convocar á vangarda da música galega, e semella que en galego.

Eu xa teño unha idade, e actualmente non me gustan nada os festivais (e moito menos co nivel da música actual), pero este ten unhas condicións que mo fan máis ou menos aceptable. O tipo de música pode interesarme, polo menos en parte, é gratuíto (non é moi relevante para min), celébrase no patio da Fundación Luís Seoane (lugar pequeno pero moi acolledor), e as xornadas non son eternas, senón que só había un par de concertos cada día, durante os tres seráns dunha fin de semana. Todo iso sucede na cidade na que vivo, polo tanto non cambia demasiado as miñas rutinas. De feito, puiden ter ido máis días pero interesábame especialmente o da última xornada.

O venres tocaba Faia Díaz primeiro e Teresa Ferreiro despois. Faia Díaz téñoa visto en De Vacas e tamén escoitei cancións do disco en solitario que sacou, que non me gustou demasiado. Teresa Ferreiro non sei quen é, pero xuraría que lin que é unha DJ que mestura música tradicional con latinoamericana, e que tamén pinta, porque durante a fin de semana había unha exposición e venta dos seus cadros no lugar de celebración do festival. Ese día non puiden asistir.

O sábado tocaban Laura Lamontagne & Picoamperio e despois Mounqup. De Laura Lamontagne & Picoamperio teño visto algún vídeo para ver o que fan, porque sabía que tocaban as cantigas medievais con ritmos electrónicos, e non me convenceu demasiado, pero haberá que darlles algunha oportunidade máis. A Mounqup xa a vin actuar en directo algunha vez e non me convence nada o que fai, seguro que ten moito mérito, pero a min non me gusta. Ese día tampouco puiden asistir.

Si puiden asistir o domingo. Tocaba primeiro Sheila Patricia, unha cantautora que mestura canto tradicional con algo de electrónica. Estaba acompañada por dous músicos, un que parecía centrarse máis en percusión tradicional, e outro que xa tocaba guitarra e bases pregravadas, aparentemente. Estivo ben, pero tampouco me apaixoou. 

Pero o grupo que máis ganas tiña de ver eran as Fillas de Casandra, formado por María Soa e Sara Faro. Unha mestura de canto tradicional con ritmos electrónicos, e unha mensaxe moi feminista e bailable. O seu primeiro disco, recén publicado, titúlase "Acrópole" e fai reivindicacións feministas baseándose principalmente en figuras femininas da mitoloxía grega como Lisístrata, Antígona, Pandora, Eco, etc. Era o último concerto e notei como entraba un bo feixe de xente nova (algunhas ex-alumnas miñas) que viñan exclusivamente para este concerto, e que nalgunhas ocasións poñíanse a bailar como se estiveran en trance (eu non, obviamente, coa miña habitual sobriedade). Alguén que parece saber do tema díxome que van ser as seguintes Tanxugueiras.

Saúdos.




Falando a boca chea 2023

Se non me engano, a única publicación da sección "Contacontos" que hai neste blog foi a que subín o ano pasado cando asistín á edición de 2022 do festival de narración oral "Falando a boca chea", que se celebra dende hai uns anos no Fórum Metropolitano da Coruña. Pois o segundo artigo desta sección vai falar sobre a edición de 2023 dese mesmo festival. Acabo de ler a publicación de hai un ano, para ver se había moitas similitudes ou diferenzas.

En xeral, a organización do certame segue sendo a mesma. Dura catro días, dende o mércores ata o sábado. Hai sesións gratuítas a media tarde no vestíbulo, máis ben dirixidas a público infantil, e sesións de pago pola noite no auditorio, dirixidas xa a público adulto. Acabo de comprobar que das sesións de público adulto (as únicas ás que vou) houbo bastante cambio dun ano para outro, pero non total. De feito, a única sesión á que non fun este ano foi a que se repetía do ano anterior.

O mércores actuaba Celso Fernández Sanmartín. Xa o vin actuar catro ou cinco veces, pero non me importaba repetir, porque me gusta moito. Sempre leva unha pandeireta e canta algunhas cantigas populares. É a parte que menos me gusta do seu espectáculo (despois entenderedes por que digo isto) pero no resto pásoo tan ben, que compensa de sobra.

O xoves contaba Cándido Pazó. Xa perdín a conta das veces que o vin actuar, non creo que baixen de dez. Ségueme gustando, e non me aburre, pero eu xuraría que esta vez o vin algo menos áxil e lúcido que outras veces, e iso que non me soaban as historias que contou (vinno tantas veces, que algunha historia xa lla escoitei en varias ocasións, pero esta vez non foi así). Xa pasa dos 60 anos, e se cadra a idade xa vai pesando, non o sei.

O venres actuaba María da Pontragha, a única que repetía do ano pasado. Precisamente o ano pasado fun vela por primeira vez. Non me desagradou pero tampouco me chamou demasiado a atención. Igual que Celso, de cando en vez toca unha cantiga á pandeireta, porque é cantareira. De novo, é a parte que menos me interesa, pero a outra parte non me deslumbra tanto como con Celso, así que este ano decidín non ir vela, teño que descansala máis e ter máis ganas de vela a próxima vez.

O sábado había outra novidade, un contacontos ao que non vira nunca, Caxoto. O pouco que sabía del é que era o socio do chorado Pedro Brandariz, e que principalmente se dedica á animación para nenos. Pero polo visto, tamén fai contadas para adultos, e a iso veu. Xa deixou claro nada máis comezar que a súa contada dese día ía centrarse en contos eróticos ou sensuais. Estivo ben pero tampouco me deslumbrou, pero polo menos foi unha voz e un estilo diferentes aos habituais.

Saúdos.









O profesor chiflado

Hai uns meses vin nunha plataforma de "streaming" a película "O Rei da Comedia", unha parodia da vida de Jerry Lewis, ou algo semellante (estará un pouco máis abaixo neste blog). No artigo xa comentei que, cando era pequeno, gustábame bastante Jerry Lewis, aínda que obviamente non debín ver moitas películas del. E cando vin "O Rei da Comedia" quedei moi perplexo porque iso non era o que eu lembraba das súas películas. O que eu lembraba era o que vin hai unhas semanas no espazo de cine clásico da 2: "O profesor chiflado".

Foi dirixida e producida polo propio Jerry Lewis. No resto do elenco, a única que lle fixo algo de sombra foi Stella Stevens. A verdade é que eu lembraba esta película como algo máis banal, pero despois de ver e ler varias cousas, semella que a historia tiña bastante máis chicha da que eu lle asignaba na infancia, como é lóxico. Aparte de ser unha versión moderna de adaptada de "Doctor Jekyll e Mr. Hyde", parece que tamén é unha crítica mordaz a personaxes de Hollywood como Dean Martin, que era gran amigo de Jerry Lewis pero que se enemistaron, e o guaperas desta película está inspirado en Martin.

A historia é simple. Julius Kelp é un profesor de química da universidade, bastante enclenque e torpe, que está namorado dunha moi atractiva alumna, igual que lle pasa a moitos alumnos. Ante as humillacións dos alumnos máis fortachóns, intenta facerse máis robusto indo ao ximnasio, pero ante o evidente fracaso, ponse a investigar nos seus coñecementos químicos, para dar cunha poción ou beberaxe que lle convirta nunha persoa diferente. Con certos atrancos, si que consegue ter éxito nese proceso, e despois de tomar esa poción e durante unhas horas, convértese en Buddy Love, un guaperas presumido que atrae a todos os  homes e mulleres.

Saúdos.



sábado, 6 de maio de 2023

Fausto

En Semana Santa seguín explorando esa pequena colección que publicou A Voz de Galicia hai varias décadas (tiñan ese hábito por aqueles anos), conformada por clásicos universais traducidos ao galego. Esa colección estivo durmindo na miña biblioteca durante anos, e hai pouco lembrei que estaba por aí (téñoa algo oculta por outros libros). Estou indo primeiro a polos que parecen máis grosos e estou levando grandes decepcións: "Vermello e negro", "Na busca do tempo perdido".... E agora era a quenda do "Fausto".

É unha obra principalmente dramática (hai algún breve fragmento en prosa) escrita por Johann Wolfgang von Goethe a comezos do século XIX. Polo visto, Goethe naceu a mediados do século XVIII e morreu en 1832. A primeira parte desta obra xa comezou a escribila no século XVIII, e dedicoulle bastante tempo, pero por algunha razón, esa primeira parte non foi publicada ata 1808. Nos últimos anos da vida do autor dedicoulle moito tempo á segunda parte, que foi publicada en 1832 de forma póstuma. Case toda a obra é en verso rimado, e a tradución feita por Lois Tobío non consegue manter a rima case en ningún momento. Iso non é unha crítica ao magnífico tradutor, obviamente, senón unha proba da dificultade do seu reto. Lois Tobío foi seguramente o primeiro tradutor do alemán ao galego.

Por certo, os personaxes principais, polo visto, son típicos do folklore alemán. Fausto é un personaxe do que xa falaron máis autores, e semella lixeiramente inspirado nun alquimista da Idade Media. E Mefistófeles é unha versión local do diaño, que non se sabe exactamente se é o diaño mesmo ou un dos seus servidores, pero xa nos imaxinamos as súas capacidades.

A primeira parte céntrase no pacto entre Fausto e Mefistófeles que xa nos debería soar. Fausto é un sabio que pretende sabelo todo, e cando é consciente de que non é posible, cae nunha crise. Coñece a Mefistófeles, quen lle ofrece axudalo a cumprir todos os desexos nesta vida, se a cambio Fausto lle fai de servente na outra vida. Fausto acepta o trato. Polo medio, Fausto aínda namora dunha muller chamada Margarita, pero o seu amor non chega moito máis alá, porque ao final, eran persoas complicadas e estaban liados en asuntos algo turbios e complexos. Como é típico do romanticismo alemán, ao final acaban morrendo todos, por unhas cousas ou por outras.

Como era previsible, a segunda parte trata da parte da historia unha vez morto Fausto. Pero non ten absolutamente nada que ver coa primeira. Son unha sucesión de actos nos que andan en tratos co emperador alemán, nos que visitan a Grecia Clásica e traban contacto coa fermosa Helena (de Troia). Todo moi alegórico e, case sempre, tratando da antigüidade clásica. Só nos últimos versos volve aparecer Margarita, moi brevemente, como despedida da obra.

Insufrible. Non sei que pasa, pero estame costando moito tragar obras que están consideradas clásicas, e que marcaron supostamente a referencia para a literatura que veu despois. Pero con esta concretamente sufrín un atranco tremendo. Nin o feito de ser unha obra de teatro, con diálogos continuos, a fixo máis abordable. A linguaxe é tan alegórica que me resultou imposible conectar coa historia. Menos mal que o meu amor pola literatura é infinito....

Saúdos.



martes, 2 de maio de 2023

A túnica sagrada

A outra película que vin no domingo de resurrección e que aínda non vira foi "A túnica sagrada". Polo menos esta non é unha historia bíblica pura, senón unha ficción inventada ao redor dalgúns dos personaxes principais, pero con algo de creatividade.

"A túnica sagrada" foi dirixida en 1953 por Henry Koster. O papel principal foi para Richard Burton, pero estaba moi ben acompañado por Jean Simmons, Victor Mature, Michael Rennie e Jay Robinson. Teoricamente, Richard Burton é unha garantía total, pero eu xuraría que non foi a mellor actuación que lle vin.

Marcelo é un tribuno romano. Non se leva nada ben con Calígula (que aínda non é emperador, pero o será pronto), entre outras cousas, porque están namorados da mesma muller, chamada Diana. Así que Calígula move os fíos para conseguir mandalo a Xudea, que é o peor destino imaxinable para un militar. Marcelo chega a Xudea xusto no momento no que van crucificar a Xesucristo, que xa hai que ter puntería.

En definitiva, Marcelo é xusto o xefe dos militares romanos que organizan a crucifixión de Xesucristo, pero vaia, con el non vai demasiado a cousa, pasa bastante do tema. Cando os están crucificando, el e os seus militares, que están xogando aos dados, xóganse a túnica de Xesucristo, e gánaa el. E mira ti por onde, ten que darlle uso axiña porque xurde unha fabulosa treboada de non sei onde. Pero cando se pon a túnica para taparse da chuvia, parece volverse tolo.

Volve a Roma para render contas (ainda que alí xa todos saben o que sucedeu), e mándanlle volver para recuperar esa túnica e para espiar a eses novos cristiáns, que semellan perigosos. Unha vez alí descubre que o que lle provocaba a túnica eran remordementos pola morte de Xesucristo, e únese aos cristiáns. Volve chamalo Calígula pero Marcelo non renega do cristianismo, así que el e Diana son condenados a morte, pero acollen o martirio con alegría.

Como curiosidade, diremos que nesta película apenas se ve a Xesucristo. E se non lembro mal, nunca se lle ve tan de cerca que se lle recoñeza a cara ao actor que fixo ese papel.

Saúdos.



A historia máis grande xamais contada

Como xa teño contado aquí algunha vez, as grandes películas bíblicas dos anos 50 e 60 non me desagradan en absoluto. Entre que as historias son interesantes e os personaxes e o diálogos tamén, a pouco que as colla un bo artesán cinematográfico, o resultado é moi reseñable. Nesta última Semana Santa, creo que foi o domingo (de resurrección, creo que se chama) nun mesmo canal botaban dúas das importantes que me faltaban por ver, así que non o dubidei.

Esta película foi dirixida en 1965 por George Stevens, aínda que parece que nalgunhas escenas encargáronse da dirección David Lean e Jean Negulesco. O reparto é magnífico, aínda que ten algo de trampa. Max von Sydow como Xesús, acompañado de, entre outros, Dorothy McGuire, Charlton Heston, Claude Rains, José Ferrer, Telly Savalas, Angela Lansbury (iso din os créditos, eu non lembro tela visto), Martin Landau, Donald Pleasence, Sidney Poitier (nun papel estelar pero moi breve), Roddy McDowall, John Wayne (case irrecoñecible e non sei se di algunha frase). A película dura 3 horas e, nalgunha das versións, máis de 4, como debe ser ante unha historia tan grandiosa.

Pois nada, non fai falla que vos diga de que vai. Todo moi grandioso, película moi longa, moitos medios, boas interpretacións, pero creo que se lles foi un pouco das mans.

Saúdos.



domingo, 30 de abril de 2023

O pirata dos setes mares

Hai unhas semanas, por variar, intentei tirar un pouco do catálogo de películas visibles en Youtube. Principalmente son películas antigas (supoño que por estar xa libres de dereitos de autor), pero para min iso non é un defecto, máis ben todo o contrario. E como supoño que saberedes, as películas de piratas non me desagradan. Pero esta vez a combinación non foi moi exitosa. Acabei vendo unha moi mediocre película de piratas, cun actor suposto galán de serie B cuxo nome me soaba un pouco pero ao que creo que nunca vira. Haberá que tomar nota para as próximas ocasións.

"O pirata dos sete mares" (o título orixinal era bastante similar, foron fieis esta vez) foi dirixida en 1953 por un tal Sidney Salkow, do que nunca oíra falar, e que creo que tivo unha longa carreira na serie B ou aínda inferior. A superestrela da película era John Payne (que foi parella de Maureen O'Hara despois de John Wayne, quero pensar que a similitude dos seus nomes con causou ningunha confusión). A outra estrela era Donna Reed, e por alí andaba de secundario Lon Chaney Jr, dunha saga de camaleónicos actores.

A película trata basicamente das aventuras dun pirata chamado Barbarroxa en augas do Caribe. Eu xuraría que existiu un célebre pirata con ese nome por esa zona e nesa época, pero non teño claro que o desta película sexa aquel, porque nalgún momento menciona a súa orixe, e sooume todo algo raro. En definitiva, libera a uns españois aos que converte na súa tripulación. Tamén captura a unha princesa española, que tiña que entregar aos que gobernaban naquelas augas, pero acaba namorando dela mentres espera, e claro, así todo é un lío.

En definitiva, película e historia moi mediocre, con personaxes, diálogos e interpretacións moi mellorables. Pasaron poucas semanas dende o seu visionado, pero xa case non lembro nada, por algo será.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...