Creo que xa vin esta obra en montaxe teatral en varias ocasións, pero creo que é a primeira vez que a vexo en galego. Paseino en grande vendo a obra, pola reacción final do público parece que non fun o único. A compañía encargada de facelo é moi fiable e a obra tamén, así que non había marxe de erro.
"Morte accidental dun anarquista" é a obra de teatro máis coñecida do autor teatral Darío Fo (que recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1997, decisión moi criticada polo Vaticano, ao que non se lle coñece autoridade moral nin intelectual nese tipo de temas). É do ano 1970, e segundo o autor, está baseada nalgo que sucedeu en Estados Unidos en 1921. En calquera caso, en Italia, país do autor, onde a obra causou furor dende o primeiro día, din que lles lembra moito a algo que sucedeu nese país en 1969.
A compañía encargada de levalo á escea en galego é Talía Teatro, moi fiable e que raramente decepciona. O papel principal foi para Toño Casais, pero tamén están por alí clásicos da compañía como Artur e Dani Trillo, ou Marta Ríos.
Por se non sabedes de que vai, nunha comisaría italiana infíltrase un chalado que se fai pasar por xuíz do Tribunal Supremo, nun principio, porque despois desenvolve máis papeis, sen control. Supostamente vai investigar como sucedeu a morte dun anarquista que se tirou por unha fiestra desa mesma comisaría algún tempo antes. Ao facelo, vai desvelando que a investigación do caso non se fixo con todo o rigor necesario.
Pero vaia, coñecendo ese país, tampouco estraña tanto.
Penso que xa a vira completa anteriormente, pero como me deixara boas sensacións, repetín este día que volvían botala no espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite. Seguen estremecendo escenas como esa na que lle fan a proba para ver se pode formar parte da tribu india e o penduran dos pectorais.
A película foi dirixida en 1970 por un tal Elliott Silverstein (que non me soa de nada, agás isto) e o protagonismo case total foi para o actor Richard Harris. Non me pareceu recoñecer a ningún outro dos actores e actrices, aínda que pode ser normal, porque está rodada dende o punto de vista dos indios (o director conviviu algún tempo con eles), e deberon utilizar nativos e actores e actrices doutras procedencias para darlle maior verosimilitude, supoño.
A historia non é moi complicada. Un aristócrata inglés está cazando por Estados Unidos porque non ten nada mellor no que ocupar o tempo nin os cartos, e un grupo de sioux o secuestra. Inicialmente chámanlle "Cabalo" e o maltratan, pero aos poucos vaise facendo amigo deles e coñecéndoos, en parte grazas a un francés que foi secuestrado antes ca el e que lle vai permitindo integrarse máis na tribu. Debido ás súas fazañas nos enfrontamentos con outras tribus indias, consegue unha muller e gañarse o prestixio no grupo, do que acaba sendo un dos seus xefes.
Hai moita xente que está de acordo en que Monty Python é un dos mellores grupos de humoristas da historia. E seguramente eu sexa unha das persoas que opina iso. O malo do humor deste grupo é que é tan absurdo e sorprendente, que unha vez experimentado, o efecto sorpresa desaparece, e comezan a aburrir de forma moi destacada, polo menos a min.
Hai moitos anos, como mínimo uns vinte, cando na Coruña aínda existían os multicines Equitativa na Praza de Vigo (ou sexa, xa non era unha única sala de cine senón tres ou catro pequenas), lembro que unha das películas que fun ver foi esta, e gustoume moito. Claro, era a primeira vez que a veía, e funcionou o efecto sorpresa. Cando digo "esta", refírome á titulada en España "Se armó la gorda", cuxo título orixinal traducido sería algo así como "E agora, algo completamente diferente", que era unha frase que un dos actores pronunciaba varias veces ao longo da metraxe.
Esa frase tiña certa lóxica, porque esta película estaba formada por unha serie de "sketches" da serie Monty Python Flying Circus, que levaba varias tempadas con moito éxito no Reino Unido, e esta película ía ser a promoción da serie en Estados Unidos. Como as escenas eran curtas (varios minutos) e non tiñan absolutamente nada que ver entre sí, efectivamente, presentalas con esa frase era moi axeitado.
Hai pouco entereime de que esta película estaba completa en Youtube (abaixo podedes vela) e entroume a nostalxia de vela. Aínda que estaba prevido de que podía decepcionarme totalmente, como xa sucedeu coas outras obras deste grupo que xa son moi célebres, como "A vida de Brian" ou "Os cabaleiros da táboa cadrada", que xa non as soporto tampouco. Acabo de lembrar que hai uns anos vin "O sentido da vida" e aínda non me desagradou demasiado. E poucas máis películas teñen, a verdade. Pero o caso é que si, esta película aburriume moito e confirmou que teño que deixar de frecuentar as súas obras.
A actividade cultural en Galicia e na Coruña non para, e debido a iso, xurden proxectos diversos por todas partes. Só iso podería explicar que na Coruña (todos os músicos son de aquí agás un, que é de Compostela) xurdira un grupo musical chamado Purple Rei, que se dedica, nada máis e nada menos, que a tocar versións de Prince pero traducidas ao galego. Curiosa combinación.
Teño dúas reflexións que facer sobre isto. Non sei se o nacemento da banda ten que ver co feito de que Prince actuou na Coruña no ano 1990. Aínda non existía o Coliseum e non había ningún sitio medio decente onde facer concertos para moitos espectadores (podía valer o Pazo dos Deportes), e sacáronse da manga facelo no patio do colexio Santa María do Mar, xunto á ría do Burgo. Se cadra asistiron a ese concerto e quedaron marcados de por vida, quen sabe.
Por outra banda, fun ao concerto só por certa curiosidade, sobre todo porque traducían as letras ao galego. Porque Prince tampouco é que me apaixoe especialmente. Sei dunhas cantas persoas que din que é un dos músicos máis importantes da historia, pero a min non mo parece. Hai tres ou catro cancións que me parecen moi interesantes, pero pouco máis. De feito, como comentarei ao final, saín algo decepcionado do concerto.
O grupo está formado por cinco membros: Sergio Zearreta, o cantante xunto con María Galdón, que fai os coros; Miguel Queixas, á batería; Miguel Thomas, á guitarra, e Antón Torroncho, ao baixo. Como vedes, o aparato instrumental é bastante simple. E para min está aí parte do problema. Porque os dous temas que máis me gustan de Prince, que son "Raspberry beret" e "1999" non os tocan porque neles destacan poderosamente o violín e os teclados, respectivamente. Ou sexa, ao final de todo, coñecía só tres ou catro das pezas que tocaron, e as outras tampouco me chamaron demasiado a atención.
Hai unhas semanas fun á presentación dun libro na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Debía de haber uns tres anos que non asistía a ningún evento nese local, paréntese da que é case exclusiva culpable a pandemia, como é lóxico pensar.
O libro titúlase "Querida Liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento. Antolín Faraldo", e o principal promotor da obra é o estudoso Xurxo Martínez González. Consta dunha biografía do personaxe e despois unha serie de artigos de Faraldo. Agora mesmo descoñezo se son unha escolma ou a obra completa. Foi editado por Alvarellos en colaboración coa Deputación da Coruña.
O personaxe tivo bastante sona, sobre todo a mediados do século XIX, pero despois foi bastante esquecido. Certo é que a súa vida foi breve, morreu aos 30 anos. Naceu en Betanzos e morreu en Granada, xa que os últimos anos viviunos en Andalucía, e morreu de enfermidade, non de suicidio, como algunha xente especula. Foi un dos precursores da autonomía ou autogoberno, moito tempo antes de que se comezara a lexislar nese sentido, e un dos ideólogos da pequena revolución galega de 1846, que rematou na execución dos Mártires de Carral.
Dentro duns anos (porque non me dou moita presa para ler) contareivos que sensacións me transmitiu o libro, pero semella que o personaxe é ben interesante.
Hai unhas semanas souben que ían proxectar a película "Obaba" (nin sequera sabía que existía), baseada na novela "Obabakoak" de Bernardo Atxaga, e protagonizada pola enfeitizante Bárbara Lennie, pero secundada por outras caras ilustres do cine español. Foi máis que suficiente para decidirme a vela. Desta película xa non lembro case nada, pero iso non significa que non sexa interesante, senón que é unha historia moi estraña e difícil de explicar. E a razón principal para vela é a novela na que está baseada, da que xa non lembro apenas nada, pero sei que me fascinou cando a lin.
É unha película dirixida por Montxo Armendáriz (que sempre conta moi boas historias) en 2005, e onde o papel principal foi para Bárbara Lennie, a primeira película importante que protagonizou, cuns 20 anos. Pero tamén están Pilar López de Ayala, Eduard Fernández, Juan Diego Botto, Lluís Homar ou Mercedes Sampietro.
Pois iso, conta algunhas das historias da novela, ambientada nunha estraña aldea chamada Obaba, na que todo o mundo, en maior ou menor medida, está atada a un pasado da aldea no que sucederon estraños feitos que os condicionaron. E non vou dicir máis, porque case todas as historias están relacionadas entre sí. Dende logo, non é unha novela nin unha película cunha trama convencional, é moito máis complexo ca iso. Pero vale moito a pena.
Lembro perfectamente que cando era pequeno, o meu irmán, que ten varios anos máis ca min, faloume de algo chamado a "marabunta" e me deixou enfeitizado. Algún tempo despois vin a película (este de hoxe debeu ser o terceiro visionado, intúo) e non me desagradou, aínda que estou seguro que, daquela, me molestou que as voraces formigas tardasen tanto tempo en aparecer en escea, e que o fixesen por culpa dunha prescindible historia de suposto amor entre os protagonistas. Pero hai que recoñecer que nesta película hai dúas historias moi diferentes entre sí que apenas teñen relación entre elas, pero creo que é coñecida especialmente pola parte das formigas, aínda que a outra tamén ten algo de miga.
A película foi dirixida en 1954 por Byron Haskin (xa o dixen aquí máis veces, director moi moi interesante, especialista en efectos especiais) e no elenco destacaban claramente Charlton Heston e Eleanor Parker, o resto a grande distancia en protagonismo. Podemos lembrar o típico caos na tradución dos títulos. O orixinal podería traducirse como "A xungla núa" (que non está mal porque fai referencia a como queda a xungla cando para a praga de formigas), pero en España optaron por "Cando ruxe a marabunta" (non teño nin idea de onde saíu esa palabra nin como se dirá en inglés), e en Arxentina deixárono nun máis lacónico "Marabunta".
Vou reiterar o que dixen antes. A película ten dúas partes e temáticas claras, que apenas se tocan, e que ademais son secuenciais: na primeira parte só hai algunha breve referencia á segunda, pero moi sutil, e cando comeza a tratarse a segunda, a primeira xa case non significa nada. Ou sexa, que podería considerarse que é a sucesión de dúas mediometraxes. A primeira parte é eminentemente romántica, e non está mal, porque trata unha situación bastante peculiar (polo menos para min, os e as especialistas nesa temática ao mellor non se sorprenden tanto). Pero está claro que a chicha da película e pola que se fixo famosa é a segunda, éche o que hai.
Comecemos coa primeira parte. Un rico propietario estadounidense que ten unha inmensa facenda no norte de Brasil quere ter un fillo que herde as súas posesións. Pero como no lugar tan illado no que vive non atopa a ningunha muller do seu agrado, decide casarse por poderes cunha fermosa muller de Nova Orleans, utilizando ao irmán do rico como intermediario. Esa muller preséntase en Brasil, despois dunha longa e pesada viaxe, para exercer o seu papel. Ela pon todo da súa parte, e el non é nada desagradable, pero el está moi volcado e centrado no seu traballo, e ten un caracter absolutamente insoportable e asocial. Teñen algún chispazo pero despois duns poucos días, acaban chegando á conclusión de que aquel experimento non ten ningún sentido, e deciden (os dous) que é mellor desfacer o acordo e que ela volva á súa casa, onde será máis feliz.
Agora imos coa segunda parte. Na primeira hai só un par de sutiles referencias a ela. Xa ao comezo alguén comenta que unhas determinadas aves están facendo unha migración nada habitual nesa especie, do cal deducen que "algo" debe estar pasando no interior da xungla, pero non saben concretar que pode ser. E cando vai unha media hora de película, un personaxe secundario dille ao rico propietario que parece haber rumores de que se desatou a marabunta, unha cíclica praga de voraces formigas que arrasa a xungla cada certo tempo. Cando iso sucede, asolan todo ao seu paso e tarda anos en restaurarse o estado natural e a posible riqueza asociada a el. Obviamente, iso preocupa bastante ao forrado estadounidense, que buscaba un herdeiro da súa riqueza e agora pode quedarse sen nada.
Nese momento, a muller ía marchar de volta para a súa casa, pero xa deciden que quede, porque se a marabunta está en marcha, significa que algún dos barcos que debía coller para saír de alí xa non vai estar operativo. Que ela quede ou marche é irrelevante para o resto da historia, pero transcorre así. Polo tanto, o propietario, con algúns dos seus subalternos intenta enfrontarse á marabunta, cando todos lle din que é mellor fuxir porque é simplemente imparable. Pero el cre que efectivamente pode pararse con grandes masas de auga. E efectivamente, na parte central da súa facenda, onde ten a súa mansión, ten un pequeno encoro para organizar o regadío desa zona. Dálle ordes ao encargado dese encoro, para que o destrúa e a masa de auga arrase a marabunta cando se atope nesa zona, pero o tipo é algo lacazán, e a pesar do inminente perigo, queda durmido e é devorado polas formigas. E por suposto, non provoca a riada de auga. Cando intúen o que puido pasar, o propietario sae das poderosas murallas da súa mansión, el só, estando a piques de ser devorado pola praga, pero consegue chegar a duras penas ao encoro, o destrúe, e a masa de auga barre á marabunta. FIN.