domingo, 10 de outubro de 2021

Dune 2021

Como creo que sabedes, non son moi habituais as miñas visitas ao cine comercial, pero esta vez había xustificación. Estreábase a nova versión cinematográfica de "Dune" e había que botarlle unha visual. A novela orixinal de Frank Herbert é de 1965, e a anterior versión en cine, dirixida polo controvertido David Lynch, é de 1984. Polo que parece, a historia deu lugar a unha saga de novelas, e esta película é a primeira de dúas que se van rodar. Descoñezo cantas desas novelas van verter a imaxes, pero teño claro que esta trama cada vez me interesa máís, así que espero chegar axiña á fonte orixinal literaria. A outra versión cinematográfica creo que nunca a vin enteira, pero esta lembroume moi claramente algunhas daquelas esceas.

Foi estreada neste ano 2021, dirixida polo canadiano Denis Villeneuve, e no reparto destacan Timothée Chalamet, Rebecca Ferguson, Dave Bautista, Stellan Skarsgård, Charlotte Rampling, Oscar Isaac, Zendaya, Javier Bardem, Josh Brolin, Jason Momoa e David Dastmalchian. Obviamente, só algúns destes teñen papeis moi destacados.

Creo que agora xa comprendín ben de que vai esta historia. Basicamente, hai un planeta chamado Arrakis, que é o único no que se atopa unha sustancia viscosa chamada a "especia", que é esencial para a navegación das naves polo espazo sideral. De aí a importancia crucial dese planeta. O emperador da galaxia outórgalle a concesión a unha etnia ou familia cada certo tempo, pero nunca están claras as súas intencións. Teoricamente, que unha familia reciba esa concesión é unha bendición, porque será moi rica durante algún ou bastante tempo, pero no caso que nos ocupa non está tan claro.

Os Harkonnen son unha etnia bastante salvaxe que levan 80 anos coa concesión de Arrakis, dirixidos polo barón Vladimir, que resulta moi tétrico e temible, pero os seus subordinados non o son menos. Os Atreides son unha familia dirixida polo conde Leto, aparentemente son os bos e nobres da película, e o seu fillo Paul semella o futuro líder da humanidade. Por algunha razón descoñecida, o emperador decreta que a concesión de Arrakis debe pasar á familia Atreides. Parece que a transición é tranquila e ordeada, pero hai algo que non cheira ben, e nalgún momento hai un ataque conxunto dos Harkonnen e parte do exército de élite imperial aos Atreides, cando están en Arrakis.

Paul e a súa nai conseguen fuxir e escóndense no deserto de Arrakis, onde viven os Fremen, unha escura etnia que é a única que consegue sobrevivir alí. Teñen os ollos azuis polo seu contacto coa especia. E outra das cousas máis alucinantes dese desertos son os xigantescos vermes que o transitan, que se achegan cando escoitan pasos ou ruídos acompasados e rítmicos, polo que hai ser moi coidadoso ao moverse por alí.

Como hai segunda parte, continuará....

Saúdos.





Horizontes de grandeza

Unha vez máis, no espazo de cine clásico da 2, os luns pola noite, botaron unha gran película. Neste caso foi "Horizontes de grandeza", que nesta ocasión si suscitou consenso no espazo hispanofalante, e todos os países a titularon igual, aínda que o título orixinal sería "Gran país".

A película foi dirixida en 1958 por William Wyler, e o elenco é moi numeroso e de calidade, encabezado pola estrela da película, que é Gregory Peck. Pero xusto por detrás del, está xente como Burl Ives, Charlton Heston, Jean Simmons, Carroll Baker, Charles Bickford, Chuck Connors e Alfonso Bedoya. A ver se nos parágrafos seguintes consigo explicar de onde vén un reparto tan coral.

Ao meu entender, a película ten dous eixos temáticos principais. Por unha banda, a rivalidade entre dúas familias. Os Terrill, terratenentes e bastante ricos, e os Hannassey, máis ben pobres, que viven nun escondido canón entre as montañas, que teñen uns costumes algo disipados e que se reproducen de forma máis numerosa que os ricos. Seguramente xa poderíamos ver aquí un conflito social como o que vemos en Europa e noutras zonas do primeiro mundo entre autóctonos e inmigrantes. E por outra banda, o protagonista principal da historia, James McKay, chega do Leste a este "gran país" que é o Oeste estadounidense, cuns costumes, educación e incluso indumentaria, que chocan totalmente coas instauradas no deserto. E xa podedes supoñer o novo conflito que tamén xurde por ese lado.

E xa non digamos se sabemos que chega para casar coa filla única da familia Terrill, que o coñeceu no Leste, nunha época na que estivo alí, e todo o mundo espera que se converta nun membro máis da familia e, polo tanto, que se convirta nun inimigo acérrimo dos Hannassey. El, que é un capitán de barco xa retirado, non ten maior intención de facer iso, e aínda que os Hannassey non lle caen demasiado ben, tampouco ten nada en contra deles.

A historia ten que ver con iso, non quero destripala demasiado. Pero hai outras subtramas. O capataz dos Terrill (Charlton Heston) tamén está namorado da filla do seu patrón. Un dos fillos dos Hannassey está namorado dunha profesora que é moi amiga dos Terrill. Ademais, esta profesora é a propietaria dun rancho que congrega todas ou a maior parte das augas da comarca. As dúas familias queren mercarlle ese rancho, pero ela négase. Ao final, McKay acaba mercándolle ese rancho, coa idea de non venderllo a ninguén e que as dúas familias poidan dar de beber ao seu gando en paz.

Teño que recoñecer que a historia é ben complexa pero ben tramada. Polo visto, está baseada nunha novela de Donald Hamilton. Semella que os tres guionistas fixeron un moi bo traballo.

Saúdos.




domingo, 26 de setembro de 2021

Shrek

Non é que me chamara moito a atención esta película, pero como escoitara que era unha historia dirixida ao público infantil pero cun humor bastante máis intelixente do habitual, na liña que inaugurou "Toy story", deille unha oportunidade.

Esta primeira parte foi producida por DreamWorks (en animación semella que os estudos son máis importantes que as persoas concretas que desenvolven roles concretos) en 2001. Agora coido que é unha saga que xa leva 4 ou 5 títulos. As voces orixinais eran de Mike Myers, Eddie Murphy, Cameron Díaz e John Lithgow. Como non teño un gran dominio do inglés e prefiro VER cine antes que LELO, vin a versión dobrada. Para disfrutar das voces orixinais dos actores e actrices prefiro o teatro en directo antes que o audiovisual enlatado.

Pois si, a historia resulta simpática, os personaxes tamén, pero vaia, sen pasarse. Nada que ver con Disney, pero tampouco deslumbra. Shrek é un ogro huraño e antisocial que ten a desgraza de que a súa lameira, na que vivía só e feliz, énchese con personaxes de contos que foron desafiuzados por un estúpido príncipe da comarca. Xunto a eles está un asno charlatán que non para de falar en ningún momento. Cando van falar co príncipe, el chantaxéaos coa promesa de que liberará a lameira se lle traen á que será a súa prometida, e fermosa princesa Fiona, que está retida nun castelo por un dragón.

Shrek e o asno van ata o castelo e conseguen liberar a Fiona. Pero resulta que o dragón realmente é dragoa, e namora do asno, así que aínda lles botará unha man máis adiante. Pasan varios días voltando cara ao castelo do príncipe. Fiona consegue ocultar que, ao poñerse o sol, por un feitizo, convértese en ogra, volvendo ser princesa humana durante o día. O asno descúbreo na última noite antes de chegar ao castelo. Shrek descúbreo o mesmo día que está tendo lugar a voda entre o príncipe e Fiona. Finalmente Shrek emparella con Fiona, a dragoa co asno, e o príncipe perde, como é obvio. Case prefiro non saber de que tratan as seguintes películas da saga. Con esta xa me chegou.

Saúdos.



O bo, o feo e o malo

Por fin puiden ver esta película completa. Só me soaban unhas imaxes do principio, nas que se ve a sociedade entre dous dos protagonistas para cobrar a recompensa por un deles, e cando van aforcalo, o outro corta a soga dun disparo, o condenado fuxe, e repiten o mesmo noutro lugar, cunha recompensa máis alta cada vez. Hai unha cadea de televisión fascistoide española moi afecta aos "westerns" que debe considerala como unha das súas xoias, onde a botan case todos os meses. Só tiven que aproveitar que esta vez a proxectaban a unha hora que me cadraba moi ben.

Foi dirixida en 1966 por Sergio Leone, é a última da súa famosa Triloxía do Dólar. Os actores protagonistas son Clint Eastwood (o Bo, o único que sae nas tres películas), Lee Van Cleef (o Malo, que sae en dúas delas) e Eli Wallach (o Feo, que só sae nesta). Gian María Volonté, que saía nas outras dúas, aquí non aparece. Cabe salientar o pequeno lío que se armaron co título. O título orixinal está en italiano, e parece dicir algo semellante á tradución española. En Estados Unidos pensaron en cambialo, pero ao final deixaron unha tradución fiel. Pero o curioso é que nalgúns países cambiaron a orde dos adxectivos, suponse que por razóns eufónicas, porque soaba mellor. En Hispanoamérica e na tradución ao inglés puxeron "O bo, o malo e o feo". E máis curioso é aínda que nalgún país se confundiron e pensaban que Eli Wallach era o Malo e Lee van Cleef era o Feo.

O Loiro (Clint Eastwood, o supostamente Bo) é un mercenario que vai ganándose a vida, por exemplo, conseguindo a recompensa por entregar a un colega que é perseguido, e cando o van aforcar, dispara a soga para que poida fuxir, así vai crecendo a recompensa e volven repetir o golpe noutro pobo. Ese colega é Tuco (Eli Wallach, o supostamente Feo), e van a partes iguais nas ganancias. Sentencia é outro cazarrecompensas que vai ganando cartos matando a xente, pero que ademais tamén é sarxento do exército da Unión. No seu labor, entérase de que soldado sudista roubou un cofre con cartos que era da Unión. O Loiro e Tuco tamén se enteran desta información. O que pasa é que ninguén ten a información completa. Tuco e Sentencia saben en que cemiterio está agochado o botín, pero só o Loiro sabe cal é a tumba exacta (ese dato é ben importante, como se verá despois).

Despois do dito, queda claro que a historia transcorre nos primeiros anos da década de 1860, durante a Guerra de Secesión ou Civil estadounidense (a verdade é que non sei se iso era necesario, porque me parece que ese detalle non menor alonga e encarece a película bastante, e podía evitase doadamente). Pois nada, que os tres personaxes van pasando por diferentes avatares para chegar á escea final. Nun deses avatares, Sentencia, que dirixe un campo de prisioneiros ao que chegan detidos Tuco e o Loiro, entérase da información que lle faltaba (só do cemiterio, non da tumba concreta). A película céntrase máis nos outros dous, Sentencia aparece de novo ao final por sorpresa. Pois chegan ao cemiterio, que é moi chulo e moito máis grande dos que se ve normalmente nas películas deste tipo (despois direi onde estaba realmente), e o Loiro mata a Sentencia. Tuco e o Loiro reparten os cartos, basicamente porque este último quere, que puido quedarse con todo facilmente.

Como curiosidade, diremos que a maior parte da rodaxe de exteriores tivo lugar en España. As esceas máis desérticas foron en Almería e os seus desertos. Pero moitas outras esceas icónicas foron na provincia de Burgos. Por exemplo, a épica batalla entre os exércitos para tomar unha ponte de madeira tivo lugar no río Arlanza, cerca de Covarrubias. E a mítica pelexa final no cemiterio de Sad Hill tivo lugar en Contreras, onde aínda se pode visitar este escenario cinematográfico. A película dura case 3 horas, e a min non me parece que o peso da Guerra Civil na trama sexa tanto como para incluír todas as esceas con vestiario dos dous bandos, ou a absurda escea da batalla pola ponte de madeira, coa escusa de que, se Tuco e o Loiro voaban a ponte, como así fixeron, poderían chegar máis doadamente ao cemiterio, que estaba cerca da outra beira. Non sei, penso que lle podían ter dado un xiro de guión que acurtase a película e, sobre todo, a fixera moito máis barata. Pero eles saberán en que líos se metían.

Saúdos.



martes, 21 de setembro de 2021

Vacacións en Roma

No espazo de cine clásico da 2 botaban onte "Vacacións en Roma", mítica película da que oín falar moitas veces, pero que nunca vira, e por suposto animeime. Resulta agradable de ver, pero xa me aburre un pouco ver a Audrey Hepburn algo encasillada no papel de muller, ou ben alocada por si mesma, ou ben que se aloca temporalmente por algunha pena que lle aflixe. Esta fantástica actriz é moi resultona nese rexistro pero xa teño algo de ganas de vela facendo outro tipo de persoas.

Foi dirixida en 1953 por William Wyler. As estrelas totais da película son Audrey Hepburn e Gregory Peck. Entre os secundarios destaca Eddie Albert, actor cuxa cara me soa moito, pero non consigo lembrar onde puiden velo antes. Co título en español sucede de novo unha curiosa anécdota. A tradución textual do título orixinal é a que puxeron en España "Vacacións en Roma". Pero en Hispanoamérica foron máis creativos e inventaron "A princesa que quería vivir", moito menos fiel pero moito máis descritivo.

Supoño que xa sabedes de que vai. A princesa Anna é a herdeira dun pequeno país europeo, que obviamente non se identifica en ningún momento da película, é imaxinario. Está de xira por Europa co protocolo de actos habituais deses cargos, e recala en Roma. Alí, a princesa é presa da súa frustrada vida por estar sempre metida nese tipo de dinámicas e de non poder disfrutar da vida, como fai o resto da xente.

Así que unha noite fuxe da súa residencia oficial. Queda durmida na rúa polo efecto retardado dun calmante que lle suministraron. Ten a fortuna de cruzarse cun mal pagado xornalista estadounidense, Joe Bradley, que non vendo opción mellor, a leva a durmir á súa humilde habitación. Este debería estar seguíndoa na súa traxectoria por Roma, pero como non é moi profesional tampouco, non descubre ata o día seguinte quen é a persoa que meteu na súa habitación.

Aposta co seu xefe unha cantidade a que consegue unha entrevista en exclusiva coa princesa, con fotos sacadas por un paparazzi amigo seu. Pero ao final vaise encariñando con ela, namoran, e xa desiste de gañar cartos coa entrevista. A excursión para coñecer a liberdade dura unhas 24 horas nada máis, pásao moi ben nelas, indo a un baile nun barco sobre o río Tíber, fan carreiras en moto, son detidos polas mesmas, etc... Ao final, por iniciativa propia, a princesa volve ao palacio e prosegue a súa vida protocolaria.

Saúdos.



sábado, 18 de setembro de 2021

O Informe Pelícano

Se non lembro mal, nos anos 90 colleu certa fama un novelista ao que lle gustaba moito o mundo do dereito. Chamábase John Grisham e todas as súas novelas vendíanse moi ben, e tiñan entretida e retorcidas tramas en torno ao mundo da política e xustiza estadounidense, sempre tan corruptas. Unha delas foi "O Informe Pelícano". O outro día botaban a película homónima, e deille unha oportunidade.

A película foi dirixida en 1993 por Alan Pakula. Os dous papeis principais son para Julia Roberts e Denzel Washington. Están acompañados por un feixe de bos secundarios como Sam Sheppard, John Heard, John Lithgow, Robert Culp (veterano actor dos 70-80 facendo de presidente dos Estados Unidos), James B. Sikking (soábame a súa cara, saía en "Canción triste de Hill Street"), ou Stanley Tucci facendo o papel dun implacable asasino a soldo que morre sorpresivamente intentando cumprir un dos seus encargos.

Ao final, todo o que hai por debaixo é a corrupción da vida política estadounidense. Hai un rico empresario do petróleo que quere seguir abrindo pozos en reservas naturais do sur do país, que é moi amigo do presidente, e que conspira para asasinar a dous xuíces do Tribunal Supremo que tiñan sensibilidades ecoloxistas (un xa moi vello e o outro homosexual).

Axencias como o FBI e a CIA intentan investigar, pero non teñen nin a máis mínima pista nin idea de quen puido facelo nin por que. Unha xove estudiante de dereito investiga un caso que quedou sobreseído nun xulgado, e que lle transmite unhas raras sensacións, e elabora un traballo, chamado o "Informe Pelícano", que especula sobre quen puido encargar esas mortes.

Pásallo ao seu profesor na universidade (que tamén é a súa parella), de aí chega a un axente do FBI, e de aí ao Despacho Oval e lugares semellantes. E a partir dese momento, comezan a matar a todas as persoas que leron o informe. Obviamente, a estudante colle medo e fuxe. Ponse en contacto cun coñecido xornalista que investiga ese tipo de casos, e entre os dous conseguen desvelalo á opinión pública.

Saúdos.




Almorzo con diamantes

Un día destes botaban "Almorzo con diamantes" no espazo de cine clásico da 2. Sabía que a vira completa por primeira vez nos últimos anos. Efectivamente, foi en abril de 2011. Incluso localicei o artigo que publiquei daquela no meu antigo blog, que podedes consultar AQUÍ.

Non teño moito que dicir neste segundo visionado. Pero esta vez aburrinme máis que a primeira, e iso que apenas lembraba un par de cousas da película. Parece que o encanto de Audrey Hepburn xa non me afecta.

Saúdos.


Sendeirismo en Babia e Luna

Hai uns días Viaxes O Lóstregho estivo no noroeste da provincia de León facendo sendeirismo nas fermosísimas comarcas de Babia e Luna. Certo...