sábado, 4 de abril de 2026

Apocalypse now

No medio dese ciclo de cinco películas dedicadas a Billy Wilder que botaron no espazo de cine clásico da 2, se non me saen mal as contas, botaron "Apocalypse now", creo que pola morte de Robert Duvall, que esas cousas sempre son imprevistas. Das tres versións que existen da película, xuraría que botaron a orixinal de 1979, se atendemos á duración da mesma, que foi de algo máis de 2 horas. As versións máis modernas non baixan de 3 horas. A película está baseada en "O corazón das tebras", novela curta de Joseph Conrad. A novela orixinal estaba ambientada no Congo do século XIX, pero a película está ambientada na Guerra do Vietnam do ano 1969, que tiña moi traumatizados aos estadounidenses (non me estraña nadiña).

"Apocalypse now" foi dirixida en 1979 por Francis Ford Coppola. En canto ao elenco destaca claramente Martin Sheen (actor descoñecido ata ese momento, foron descartados moitos outros máis famosos antes de escollelo a el), despois Marlon Brando (que actúa un pouco ao final, aínda que é o fío condutor da historia), e despois, en papeis variados, Robert Duvall, Frederic Forrest, Sam Bottoms, Laurence Fishburne, Harrison Ford (nun papel testemuñal) e Dennis Hopper. A rodaxe foi un auténtico caos, durou varios anos, foi en Filipinas, e debeu ser unha ruína económica por múltiples razóns.

Benjamin Willard está en Vietnam en 1969, e alí traballa para o exército estadounidense en operacións especiais. Nun dos seus descansos, nos que sufre unha das súas crises, ten unha reunión con altos cargos do exército que lle encargan que suba por un río ata o interior de Camboia, para acabar con Walter Kurtz, un excoronel dos Boinas Verdes, que parece que toleou e anda facendo cousas moi raras na selva, cando lideraba un grupo de soldados estadounidenses.

Para subir polo río, a orde de alto rango que leva permítelle requisar e utilizar unha pequena embarcación onde van 3 ou 4 soldados, a maioría tremendamente novos e incapaces de comprender onde se atopan. Mentres van subindo polo río, crúzanse con seres absolutamente desquiciados como o tenente Kilgore, un fanático do surf que bombardea aldeas e mata aldeáns parece que para divertirse.

Seguen subindo polo río, cada vez máis perigoso, e a tripulación do bote realmente non saben ata onde teñen que ir nin cal é o obxectivo, só cando xa van moi avanzados Willard infórmaos do mesmo. Van perdendo efectivos en sucesivos ataques e só chegan á aldea do final, onde se atopa Kurtz, Willard xunto con dous tripulantes.

Alí a cousa non está mellor. Kurtz está acompañado por un antigo subordinado, que semella catatónico, tamén anda por alí un fotógrafo de prensa, que semella estar totalmente chalado, hai moitos autóctonos que semellan idolatrar a Kurtz, e este ten un estraño discurso totalmente inintelixible. Willard primeiro é apresado, pero despois é liberado, e nunha destas, mata a Kurtz pero, a pesar diso, el e o seu único compañeiro que está vivo, poden marchar río abaixo de novo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Anatomía dunha caída

Tamén no ano 2023 tivo certo éxito e fama unha película europea titulada "Anatomía dunha caída", unha produción francesa pero cun ...