sábado, 19 de abril de 2025

A rede social

Estaba o outro día paseando polo catálogo de películas de Netflix e atopei que tiñan esta, da que oín falar ben, aínda que o tema non é do meu máximo interese, así que probei. Si, a película non está mal, pero recoñezo que trata dun tema que non me afecta demasiado, xa que non estou en redes sociais, e esta película amosa con claridade o escuro ambiente das elitistas universidades americanas, con moita xente moi intelixente pero cunha ambición desmedida, que está disposta a facer calquera cousa con tal de forrarse.

"A rede social" foi dirixida por Peter Fincher en 2010. No elenco destacan Jesse Eisenberg, Andrew Garfield, Justin Timberlake, Brenda Song, Rashida Jones, Max Minghella, Rooney Mara e Dakota Johnson.

Mark Zuckerberg rompe coa súa moza, basicamente porque el é bastante imbécil, e en vinganza, vaise para a súa habitación, e cos seus amplísimos coñecementos de informática, monta en poucas horas unha web na que os homes da universidade de Harvard poidan opinar sobre a beleza das súas compañeiras, baseándose en catálogos de fotos que teñen as diferentes residencias en Internet.

A idea triunfa co apoio económico do seu colega brasileiro Eduardo Saverin. Por outra banda, hai varios estudiantes máis que andaban detrás dunha idea similar, e semella xuntarse con eles, pero finalmente non colabora no seu proxecto, e cando acaban lanzando Facebook, aqueles din que lles roubou a súa idea.

Pouco despois entran en contacto con Sean Parker, que xunto a Shawn Fanning montara a rede Napster no ano 2000, e que tiña moito prestixio en Internet, a pesar de ser un tipo cun historial persoal non moi recomendable. Zuckerberg está encantado con el pero Saverin non tanto, nin moitísimo menos.

Boa parte da película trata do litixio legal entre Zuckerberg, Saverin e os outros tres compañeiros de Harvard (todos contra todos, aí non hai amigos), despois do lanzamento e éxito da rede social. Un dos lemas principais da película e parece que do seu creador vén sendo algo así como "non se poden ter 500 millóns de amigos sen crearte ningún inimigo".

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...