domingo, 20 de abril de 2025

2:22 (A hora sinalada)

Estaba un día destes dando un paseo polo catálogo de películas de Amazon Prime e pareceume ver algo que prometía ser interesante, pero despois non o foi tanto. Son cousas que pasan. Polo que parece, foi unha produción estadounidense-australiana. Está ambientada en Nova Iork pero case todos os actores e actrices son australianos, xa digo, todo algo estraño. Por certo, en España a película titulouse de forma diferente ao resto do planeta: "A hora sinalada".

"2:22" foi dirixida por un tal Paul Currie en 2017. No elenco destacan Michiel Huisman, Teresa Palmer e Sam Reid. A min non me soaban absolutamente de nada (nin eles nin os secundarios), pero seguro que en Australia os coñecían a todos. Algún deles parece que saíu en "Xogo de tronos". Ah, si, aparece brevemente John Waters, que foi un director de culto dunhas películas bastante bizarras dos anos 70.

Un tipo traballa como controlador aéreo nun dos aeroportos de Nova Iork. Non lembro se especifican exactamente en cal deles (porque hai 3 ou 4), pero podería ser no JFK, porque acabo de ver as súas pistas, que se cruzan dun xeito algo estraño, e a película comeza con varios momentos de tensión protagonizados por este tipo, que se confía de máis e fai engalar e aterrar a varios avións cruzándose no aire a moi pouca distancia.

O caso é que este tipo, aparte de ser algo arriscado coa vida dos demais, sufre unha especie de pesadelos nos que cre ver algo así como un asasinato que se produce en Grand Central Terminal ás 2:22 (2 PM enténdese, claro). Ademais comeza a percibir unha serie de patróns na súa vida, que vai anotando, e comproba que todos os días exactamente á mesma hora lle pasan determinadas cousas, como que lle cae unha gota de auga, escoita unha determinada frase (aínda que a digan persoas diferentes), rompen uns cristais, etc.

El sospeita que detrás de todo iso hai un suceso que vai ocorrer dentro de pouco, e intentará detelo. Mestúranse nesta historia unha fermosa galerista de arte da que namora, e o ex-mozo da galerista, que é xustamente o artista que vai inaugurar unha exposición na galería nos vindeiros días.

Que xa vos digo. Que sabendo isto, a historia non pintaba mal, non, pero non está moi ben culminada.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...