Este artigo forma parte da triloxía que escribín sobre a "mesma historia": tres películas baseadas na mesma obra de teatro. É o terceiro artigo que escribín desta serie (polo tanto, aparecerá de primeiro no blog). Se consultades os outros dous, sobre todo o que aparece de último (pero que escribín de primeiro), teredes máis información sobre a trama. O título orixinal desta película é "Front Page" (a tradución ao español non é demasiado fiel), exactamente igual que a obra de teatro orixinal de Ben Hetch e Charles MacArthur, escrita a finais dos anos 20. Esta primeira versión e a última parécense bastante, a do medio é a que decidiu innovar, na miña opinión, con pouco criterio.
"Un gran reportaxe" foi dirixida por Lewis Milestone en 1931, poucos anos despois da obra de teatro orixinal. Tamén podemos salientar que a produción estivo a cargo de Lewis Milestone e Howard Hughes. Poderíamos citar un elenco máis amplo, pero ímonos centrar nos tres papeis principais, a cargo de Adolphe Menjou, Pat O'Brien e Mary Brian. Deses tres, só me soaba vagamente o primeiro, que ademais é a gran estrela da película, cousa que non pasou nas outras versións, polo menos non en tanta medida. Teoricamente o papel máis destacado é o de Hildy Johnson, pero en cada versión fixeron o que lles pareceu.
A trama é moi similar á terceira película (ver o terceiro artigo desta serie), e polo tanto deduzo que a obra de teatro orixinal tamén era así. Chama a atención que os personaxes se chaman igual e que hai algúns diálogos que son absolutamente idénticos, así que deberon ser moi fieis á obra orixinal.
Hildy nesta versión tamén é home, entre el e Walter Burns non hai máis que unha relación profesional, e ao final, igual que pasa na terceira versión ("Primeira plana"), Hildy vaise coa súa moza Peggy Grant para casarse, supostamente coa bendición do editor Walter Burns, pero xa está conspirando para evitar a voda, exactamente do mesmo xeito que fai na primeira película, ou sexa, regalándolle un reloxo de ouro que leva o seu nome. En canto sae o tren, chama á policía da primeira cidade onde para o tren, para dicirlles que Hildy lle roubou ese reloxo, e que deben detelo.
Tamén podedes ver esta película completa en Youtube.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario