domingo, 20 de outubro de 2024

Primeira Plana

Este artigo forma parte da triloxía que escribín sobre a "mesma historia": tres películas baseadas na mesma obra de teatro. É o primeiro artigo que escribín desta serie (polo tanto, aparecerá de último no blog). O título orixinal desta película é "Front Page" (polo tanto, a tradución ao español é bastante fiel), exactamente igual que a obra de teatro orixinal de Ben Hetch e Charles MacArthur, escrita a finais dos anos 20.

"Primeira plana" foi dirixida por Billy Wilder en 1974. Poderíamos citar un elenco máis amplo, pero ímonos centrar nos tres papeis principais, a cargo de Jack Lemmon, Walter Mathau e Susan Sarandon.

O xornalista Hildy Johnson vai casar coa súa moza Peggy Grant, así que pasa polo seu xornal para despedirse do editor, o cínico e tiránico Walter Burns. Pero este non acepta esa realidade, e invéntase o que sexa para impedilo. Hildy era o especialista en temas xudiciais do seu xornal, e xustamente eses días hai unha grande polémica porque acaba de fuxir do cárcere un pobre home que estaba condenado a morte por matar a un policía. Todo o mundo di que é un perigoso comunista, pero realmente non hai nada diso, e a única persoa que o defende é unha prostituta que tivo a oportunidade de coñecelo un pouquiño máis, e todos din que é a súa namorada.

Cando me refiro a "todos", refírome á caverna de xornalistas que están na sala de prensa do cárcere, especializados nesas temáticas, como lle pasaba a Hildy, que pasaba por alí para despedirse cando lle colle o suceso. Están sempre xogando ás cartas, bebendo, non traballan nada e a maioría aprovéitanse dos poucos que traballan nese entorno para finxir que están investigando.

Por se non chegara con iso, están o sheriff da prisión, que é un auténtico incompetente, e o alcalde, o seu aliado, que só pretende obter réditos políticos para saír reelixido. De feito, mentres están alí, chega o indulto para o fugado, pero eles empéñanse en ocultar a noticia, aínda que máis tarde acaba descubríndose.

Finalmente aclárase todo e Hildy e Peggy conseguen marchar para casarse. Aparentemente, Walter axúdaos a marchar, pero realmente xa está tramando algo para impedilo, como bo cínico que é.

Aí tedes unha breve escena desta película.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...