sábado, 20 de xaneiro de 2024

O falcón e a flecha

Hai uns días, no espazo de cine clásico da 2, botaban esta película. Eu pensaba que xa a vira, porque moitas cousas me soaban, pero cheguei á conclusión de que non a vira enteira, só algunhas escenas ou fragmentos. Xa adianto que o resultado final foi bastante pobre. Si, unha película vistosa, de aventuras, na que o saltimbanqui Lancaster, acompañado do seu colega circense Nick Cravat (que sempre facía de mudo, pero non o era, simplemente tiña un acento moi marcado que preferían evitar) botaban uns saltos de aquí para alá, pero pouco máis, moi pouca chicha tiña a historia.

"O falcón e a flecha" foi dirixida en 1950 polo franco-estadounidense Jacques Tourneur. Obviamente, o papel principal era para Burt Lancaster (era o comezo da súa carreira e máis ou menos seguía explotando o seu filón circense), e nos secundarios estaba Virginia Mayo, Robert Douglas e Nick Cravat.

Na Lombardía do século XII goberna un conde orixe xermana alcumado "O falcón", que non cae nada ben e polo tanto ten moita resistencia dos lugareños. Dardo é un máis deles, pero en principio non se enfronta abertamente a el, a pesar de que a súa esposa marchou xunto ao conde hai anos. Pero todo cambia cando O Falcón secuestra ao fillo de Dardo, que vivía con el, para que se xunte coa súa nai no palacio. Nese intre Dardo lidera a rebelión contra O Falcón.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...