martes, 1 de novembro de 2022

No corazón do mar (película)

No título deste artigo tiven a precaución de aclarar que falo dunha película, porque hai case catro anos lin a novela na que está baseada, e será mellor diferencialas. Por se vos interesa, pinchando aquí podedes ler o artigo que escribín sobre a novela. A película é bastante fiel ao libro, polo tanto, o que contei daquela é perfectamente válido de novo neste momento.

A película foi dirixida en 2015 por Ron Howard, e os principais papeis foron para Chris Hemsworth, Benjamin Walker, Cillian Murphy, Tom Holland, Brendan Gleeson e Ben Whishaw. Hai que ter en conta que os dous últimos protagonizan unha historia paralela na que Herman Melville busca e coñece a un dos supervivintes da traxedia, 30 anos despois de que sucedera, para atopar a inspiración que o levará despois a escribir "Moby Dick", que non trata do mesmo pero é parecida. O resto de papeis tratan sobre a historia orixinal do baleeiro "Essex".

A historia trata sobre o baleeiro "Essex", fletado en Nantucket, illa do norleste de Estados Unidos onde está asentada boa parte da industria baleeira a comezos do século XIX, sobre 1820. A Owen Chase téñenlle prometido que sería o capitán dun novo baleeiro, debido á súa moita experiencia e éxito. Pero non é orixinario da illa, e iso sempre pesa na industria, polo tanto terá que aceptar ser primeiro oficial ante o capitán George Pollard, inexperto pero de familia importante na illa. Está claro que as relacións non van ser boas dado ese inicio.

Comezan a travesía e axiña comproban que no Atlántico sur apenas quedan baleas. Alguén dilles que no Pacífico hai moitísimas, así que superan o Cabo de Fornos e suben cara a liña do Ecuador, para dende alí, separarse da costa. Efectivamente, a moita distancia da costa, atopan campos de baleas ben cumpridos, e comezan a caza. Co que non contaban é que un dos cachalotes os atacara a eles, aparentemente con moita intelixencia, e destrúa completamente o seu baleeiro.

Só conseguen salvarse fuxindo en tres pequenas balsas, e a partires dese intre, o seu único obxectivo é volver á costa para salvar a vida, pero incluso iso lles costa bastante. Para acadalo, teñen que chegar incluso ao canibalismo. Ao final conseguen chegar pero a experiencia transformoulles totalmente a vida.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...