martes, 1 de novembro de 2022

A romanización en Galicia

No ano 2009 merquei o libro do que vou falar agora, tocoulle esperar quenda durante 13 anos, e máis que puido ser. Daquela estaba eu suscrito ao Círculo de Lectores, onde mercaba libros en castelán (porque xa pechou), e a Biblos, onde merco libros en galego (porque aínda segue funcionando). Tiña unha certa "obriga" de mercar un libro en cada plataforma cada bimestre, e nalgunhas ocasións a oferta non me chistaba demasiado, e acaba elixindo libros que podían ser interesantes pero que non me apaixoarían, como podería ser este.

En primeiro lugar debo dicir que o libro titúlase "A romanización en Galicia", e foi escrito por Ana María Suárez Piñeiro, que agora (non sei se daquela) é profesora de Historia Antiga na Universidade de Santiago de Compostela. Así que algo debe saber do tema. Pertence á Serie Keltia da Editorial Toxosoutos, da que xa teño mercado algún libro anteriormente. A historia, arqueoloxía, o pasado de Galicia é un tema do meu interese. Se cadra non está en primeira liña, pero interésame.

En calquera caso, a lectura resultoume algo insulsa, por moi xeral e pouco concreta. Ten pouco máis de 100 páxinas. Fala primeiro extensamente dos diferentes modelos de romanización que propoñen os teóricos do tema, como aculturación, integración, emulación, adaptación... E despois estuda ese mesmo concepto en diferentes lugares fóra de España, como a Galia, a Dacia, a Xermania, ou o norte de África, para rematar analizando o fenómeno en España e en Galicia. E remata o libro cunhas curiosas táboas estatísticas sobre epigrafía en estelas funerarias: quen dedica, a quen, que deuses se nomean, etc.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...