sábado, 16 de novembro de 2024

Malas rúas

Despois de bastante tempo sen ver o espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite, debido a que repoñían películas que proxectaran había pouco tempo, tocaba estrear unha para min descoñecida, titulada "Malas rúas", que me decepcionou bastante, pareceume bastante mediocre. É das primeiras películas de Scorsese e narra a vida no barrio de Little Italy en Nova Iork (aínda que parece que parte da rodaxe foi en Los Ángeles) entre mafiosillos de pouca monta que queren ascender na organización, pero que son moi trapalleiros. Seguro que hai moita a quen lle interesan esas historias, pero parece que a min non.

"Malas rúas" foi dirixida por Martin Scorsese en 1973, e no elenco destacaban Harvey Keitel e Robert De Niro, e como curiosidade, en papeis menores aparecen o propio Martin Scorsese e David Carradine.

Pois nada, o Charly este é un mafiosillo que quere medrar nese mundo, entre outros axudando e traballando para o seu tío Giovanni, que xa é un xefazo moito máis importante. Pero o seu principal problema é a axuda que lle presta ao seu colega, Johnny Boy, que se mete en líos continuamente e que ten continuas débedas que nunca paga. Por se non chegara con iso, Charly está liado con Teresa, curmá de Johnny, que ten epilepsia (aínda que raramente lle dán ataques, pero na parte final da película si ten un), e iso pode meterlle en problemas na organización.

Saúdos.



O home que matou a Antía Morgade

Hai unhas semanas conseguín algo de tempo para ler, un dos meus placeres favoritos. A novela era algo longa, unhas 450 páxinas, pero tamén é certo que é de doada e rápida lectura, moitos diálogos e capítulos curtos, de 3-4 páxinas, así que non levou demasiado tempo.

A novela é "O home que matou a Antía Morgade", unha máis da autoría de Arantza Portabales, que está moi de moda (tamén en castelán), e da que xa lin tres obras, todas cortadas polo mesmo patrón. Sospeito que nunca vai ganar o Nobel de Literatura, pero entretén bastante.

Nesta ocasión a trama xira en torno a un grupo de seis persoas (catro homes e dúas mulleres) que se coñeceron hai máis de vinte anos nun piso de acollida en Santiago de Compostela, xa que as súas familias estaban desestruturadas. Realmente o grupo estaba formado por sete, xa que a sétima era a Antía Morgade do título, que tamén era a irmá dun dos outros, e que se suicidou naquel piso de acollida debido a algo que se vai desvelando na novela.

Os seis supervivintes xúntanse moito tempo despois en Compostela para cear, debido á volta dun deles a España, que é un famoso biólogo moi querido pola poboación, xa que foi unha das caras visibles da ciencia durante a pandemia. Esa cea ten lugar a noite do 24 de xullo, e durante os fotos artificiais, un deles aparece morto na mesa. Ninguén sabe quen foi, todo estaba a escuras na terraza para ver ben o espectáculo, e todos saben da noticia ao volver á mesa, onde está o morto.

Comeza un período de paranoia, e todos pretenden culpar a un antigo monitor que tiveran no piso de acollida, que algún tempo despois da morte de Antía Morgade fora culpado de abusos sexuais a moitas rapazas que pasaran por aquel piso. Ademais xúntase que un dos detectives investigadores foi compañeiro de clase de varios deles, así que a cousa se lía algo máis.

Non hai moito que dicir, entretén, non é unha marabilla pero déixase ler.

Saúdos.



venres, 15 de novembro de 2024

Ingrávida

Hai pouco convidáronme a un concerto da xira "Ingrávida" de Mercedes Peón que tiña lugar no Ágora da Coruña. Aínda que me gusta moito a súa música, espertábame un certo receo por unha confusión da que só eu tiven a culpa. Estivera buscando música súa para unha entrevista que lle fixemos na radio hai un par de anos, e baixo o título de "Ingrávida" viñan unha serie de pezas tremendamente experimentais, instrumentais (iso non me preocupa en absoluto) e acompañando danza contemporánea (iso xa me preocupa algo máis) que eran difícilmente dixeribles, e pensei que o concerto consistiría nalgo como iso, e non o tiña eu demasiado claro.

Pero resulta que a xira "Ingrávida" de Mercedes Peón non se trata diso (por sorte, entereime a tempo) e fun ao concerto, que estivo fantástico. É como un "grandes éxitos" de toda a súa carreira en solitario, que xa dura máis de 20 anos, e rodéase dun fantástico elenco de artistas, músicas e cantoras que producen un espectáculo autenticamente apabullante.

Son 16 mulleres en escea:
- Mercedes Peón acompañada das súas compañeiras habituais agora, Ana Fernández e Mónica de Nut.
- Caamaño e Ameixeiras
- As cinco cantantes e pandereteiras de Raigañas
- As tres cantantes e pandereteiras de Xirifeiras (realmente creo que son catro, pero neste concerto só estaban tres)
- As dúas cantantes dun pequeno grupo, que me pareceu entender que se chamaban GaLíricas (nalgunhas webs chámanlles ConcertoTempo)
- A artista visual Laura Iturralde, que tamén estaba sobre o escenario producindo imaxes para a pantalla xigante do fondo.

Non sei se esta xira durará moito máis (non sei se escoitei que este do Ágora era o último concerto), pero se tedes a oportunidade, non o perdades.

Saúdos.



luns, 11 de novembro de 2024

O dragón de ouro

Un ano máis, somos fieis á visita da espléndida compañía ourensá de teatro Sarabela, que raramente decepciona. Certo é que a obra desta vez non é a mellor que lles vin, pero tampouco a peor, porque non hai ninguén infalible.

Nesta ocasión representaron "O dragón de ouro" do autor alemán Roland Schimmelpfennig (totalmente contemporáneo, da mesma idade que os actores). Está ambientada nalgún lugar de Europa e todo xira en torno a un edificio que ten no seu baixo un restaurante asiático dese nome, e nos seus andares superiores viven diferentes persoas ás que lle pasan cousas de todo tipo. 

Hai moitas tramas mesturadas, pero suponse que a principal é que un neno que traballa no restaurante asiático de forma ilegal-alegal, que non ten papeis de ningún tipo, ten unha dor de moas insoportable, pero baixo ningún concepto pode ir a un dentista, así que os outros compañeiros do restaurante "resolven" o problema polos seus medios.

Saúdos.



domingo, 27 de outubro de 2024

"Palinurus" en Casa Hamlet

Dende hai uns anos, a finais de setembro, celébrase a G-Night, na que investigadores galegos presentan os temas nos que están traballando. Faise en todas as cidades galegas (descoñezo se nalgunha vila máis) e normalmente a oferta de actividades divulgativas nesa tarde-noite é ben cumprida. O que nos sorprendeu este ano é que tamén se presentaban produtos das investigacións en Humanidades, que son moito menos comúns e coñecidas. 

Neste caso, en Casa Hamlet fíxose unha lectura dramatizada do "Palinurus", escrito en 1445 por Maffeo Vegio. Un grupo da Universidade da Coruña está localizando todos os textos similares a este (do que agora falaremos) e traducíndoos a castelán, para que poidan ser disfrutados por todos os hispanofalantes.

Esta obra é unha especie de "spin-off" da Eneida, na que Palinuro, o timonel do barco que trouxo a Eneas da guerra de Troia á península agora coñecida como Italia, fala co barqueiro Caronte sobre todos os avatares da súa vida, e o barqueiro explícalle que, se cadra, a súa vida non tivo tantas calamidades como el pensa, e hai outras vidas que son moito máis sufridas que a súa.

A lectura correu a cargo de dous actores de Casa Hamlet, concretamente Daniel Otero e David Vilares, e a presentación da obra e do proxecto de tradución foi a cargo de Jorge Ledo, que explicou as características destas obras. Ben interesante.

Saúdos.




Paseata arredor da morte

 Obviamente só cheguei á lectura deste libro porque forma parte da famosa colección Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, que levo anos lendo dendo número 1 ata o 120, e este concretamente xa é o 111.

Domingo García Sabell, polo que din, era un médico moi culto e interesado en moitas áreas do saber, aparte dun tipo algo escuro en aspectos ideolóxicos (polo menos para min), pero un libro de filosofía ou antropoloxía sobre a morte, escrito por el, que era un eminente médico, podía ter algún punto de interese. Se cadra o ten, pero non fun quen de atopalo, e non vou facer máis intentos.

Saúdos.



Lúas de Outono 2024

Un ano máis, no mes de setembro, celebrouse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña unha edición máis das Lúas de Outono, a homenaxe nacional que se lle fai a Manuel María na cidade na que morreu hai 20 anos. Dende hai un par de anos tamén se homenaxea e menciona a Saleta, a súa compañeira de vida, xa falecida.

O programa nesta ocasión non foi moi complexo. Ao habitual recitado de poemas de Manuel María, nesta ocasión na voz de Eva Veiga, proseguiu a presentación do disco "Unha gorxa chea de paxaros", o último editado por Os Carunchos, nos que musican 13 poemas do autor.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...