domingo, 21 de setembro de 2025

Caso aberto (Cold Case)

Cheguei á conclusión de que tamén vou falar nesta sección de series de televisión que, pola súa extensión e que non seguen unha secuencia determinada (ou sexa, que os capítulos son normalmente auto-conclusivos e poden verse independentemente), non teña rematado de ver. É o caso desta, que dende hai anos é unha das máis agradables de ver da televisión, na miña opinión.

Por se non a coñecedes ou lembrades (sería raro que non vos cruzárades algunha vez con algún capítulo nalgún canal da TDT), o singular desta serie é que investigan casos de asasinatos cunha certa antigüidade (van dende uns meses ata varias décadas) que quedaron sen resolver (por iso están "abertos" ou "fríos"). Iso obriga a dobrar a moitos dos personaxes (os que seguen vivos), para representalos no presente e no pasado. Cando a distancia temporal é pouca pode simularse con maquillaxes, peiteados e todo iso, pero cando é maior (dos que eu vin, había algúns episodios ambientados había 50 ou 60 anos) é obrigatorio usar un segundo conxunto de actores e actrices, obviamente moi maiores. E a iso ía, que os actores e actrices maiores normalmente son moi bos, mellores que a xente nova, pola experiencia acumulada. Tamén vin que esta serie levou ou estivo nominada a algúns premios  de vestiario e deseño de produción.

A serie foi creada por Meredith Stiehm, unha importante guionista estadounidense. Iso e o feito de que a actriz principal faga o papel da única muller do departamento de homicidios da policía de Philadelphia fai que a serie teña unha sensibilidade moi superior á media. O produtor foi Jerry Bruckheimer, que tamén produciu series como CSI. O elenco estaba formado por Kathryn Morris, Danny Pino, John Finn, Jeremy Ratchford, Thom Barry e Tracie Thoms. Estiven vendo en Amazon Prime episodios de todas as tempadas, e chamoume a atención que ese equipo de actores e actrices se mantivo todo o tempo. Só houbo dous ou tres integrantes que estiveron pouco tempo, pero despois marcharon, pero estes seis estiveron todo o tempo, e coido que non é moi habitual nas series longas (por cansancio dos actores e actrices, supoño).

A serie tivo un total de 156 episodios en 7 tempadas. A máis curta foi de 18 episodios e a máis longa foi de 24. De cando en vez facían algún episodio dobre, sobre todo para rematar algunhas tempadas. Curioso era o protocolo de comezo e final dos capítulos, no arquivo da comisaría. Comezaban véndose algunhas imaxes antigas da situación, e a continuación, algún dos participantes aparecía morto. A continuación veíanse imaxes actuais nas que aparecía algunha proba ou personaxe que achegaba un novo indicio que permitía reabrir o caso. Baixaban ao arquivo a buscar información e sacaban a consabida caixa cúbica branca co nome da persoa morta e a data. E comezaban a investigar. Obviamente, sempre conseguían pechar os casos, e facíano gardando a caixa de novo, pero esta vez xa poñía que o caso estaba "pechado". Acabo de ver que en plataformas variadas de streaming onde se viu a serie, a nota media é dun 7,6 en todas, o cal corrobora o apoio por parte do público a esta serie.

Déixovos un vídeo de Youtube no que se ve o primeiro capítulo da serie. Aí pode verse por que razón a detective Lilly Rush comezou a investigar este tipo de casos, porque inicialmente non era así.

Saúdos.



sábado, 20 de setembro de 2025

Capercaillie

Hai unhas semanas veu de visita á Coruña, unha vez máis, o magnífico grupo escocés Capercaillie, un dos mellores da historia da música folk. Lembro que hai uns 6-8 anos tocaron no Teatro Rosalía (esta vez foi no Teatro Colón), e supoño que debín velos algunha vez máis nas décadas anteriores, pero debeu ser en festivais folk, non en teatros da miña cidade. Non hai moito que dicir, son un valor moi seguro e nunca decepcionan.

Para os que non os coñezan, a formación convencional do grupo son oito persoas. Imos comezar coa parte de atrás do escenario, que non destaca tanto. Na batería, se non entendín mal, volvía estar James Mackinstosh, que foi batería do grupo en varias etapas, e semella acompañalos de novo. No baixo, podería ser Ewen Vernal, pero non podería aseguralo. E na percusión estaba unha muller, que xuraría que tiña un apelido islandés cando a presentaron, pero non o entendín demasiado ben. Estiven mirando na web e na Wikipedia, e en ningures consta unha muller islandesa (nin de ningún outro país) que toque a percusión para eles, así que non podo dicir moito máis.

A liña dianteira é case inbatible: Karen Matheson na voz; Donald Shaw no acordeón e teclados; Manus Lunny coa guitarra e o bouzouki; Charlie McKerron con violín; e Michael McGoldrick nas frautas e gaita irlandesa. Un "all star" da música folk escocesa. Agás o último, que chegou no ano 97, todos os demais comezaron no grupo a mediados dos 80 ou incorporáronse nesa década. Así que esta liña dianteira, de indubidable calidade, levan entre 30 e 40 anos tocando xuntos. Iso explica moitas cousas.

Saúdos.



mércores, 17 de setembro de 2025

Romería de Santa Margarita 2025

Este ano só puiden asistir á última xornada de concertos da Romería de Santa Margarita 2025, a que tiña lugar na tarde e noite do domingo 31 de agosto, para poñer colofón a un verán moi ben aproveitado. A xornada do venres tivo que ser suspendida pola chuvia (case toda Galicia estaba igual, seino porque fixemos un bo traxecto aquela noite volvendo da Mariña Oriental).

Os tres grupos que puidemos ver foron os seguintes:
- Os Melidaos, grupo tradicional galego do que vimos as últimas pezas
- Rura, grupo escocés de folk que gustou bastante
- El Nido, grupo burgalés que sorprendeu bastante, do que nunca oíra falar

Aí van uns vídeos deses grupos. Saúdos.





martes, 16 de setembro de 2025

Sendeirismo na Mariña Oriental

A comarca da Mariña Oriental está formada por catro concellos: os máis famosos son Ribadeo e Barreiros, na costa, e no interior están A Pontenova, polo que pasa a estrada que vai de Ribadeo a Lugo, e o máis descoñecido de todos é claramente Trabada.

Viaxes O Lóstregho decidiu saír de novo a facer sendeirismo, cun novo integrante que o ano pasado debutou en viaxes máis convencionais e exploratorias, e este ano decidiu que tamén quería facer andainas.

Só foron catro días, pero non estiveron nada mal. Andivemos 83 quilómetros neses catro días, e menos mal que o último día baixamos un pouco a media. Os percorridos foron os seguintes:
- Primeiro día: Ribadeo. Deixamos o coche a carón do faro da Illa Pancha e fomos andando pola costa lucense en dirección oeste. Deunos o tempo para chegar ata a fermosísima aldea de Rinlo e as súas cetáreas. Foron 23 quilómetros de ruta lineal (ida e volta).
- Segundo día: A Pontenova. Fixemos a ruta da Vía Verde do Eo (antiga vía de tren que ía dende A Pontenova ata a ría de Ribadeo. Interesantes os seis túneles que hai que cruzar, supostamente iluminados, pero tivemos que tirar das lanternas dos móbiles. E tamén a escala salmoneira no río Eo. Tamén fixemos un fragmento da ruta do Muiñeiro Namorado, que é perpendicular á anterior. As dúas son lineais, había que facer ida e volta e sumaron uns 28 quilómetros, iso si, case sen desnivel (como é normal nas vías verdes).
- Terceiro día: Barreiros. Deixamos o coche na zona do concello de Barreiros na que se ve xa moi cerca a vila de Foz, alén do esteiro do río Masma, e comezamos a andar pola costa lucense en dirección leste, ata chegar á Praia das Catedrais, e aínda fomos ata a praia seguinte, chamada a praia de Esteiro. A diferenza do primeiro día, que foi por pistas, este parte foi toda por paseo marítimo ou similar. Moi urbanizada e chea de turistas no verán. Foron 22 quilómetros de ruta lineal (ida e volta).
- Cuarto e último día: Trabada. O concello máis interior permitiunos facer un par de rutas pequenas, por fragas, que podían enlazarse entre sí. Foron só 10 quilómetros, pero aquí xa houbo algunhas pendentes interesantes. Ao rematar, fomos pasar a última tarde a Ribadeo, pero estivo case todo o tempo chovendo intensamente.

Saúdos.

domingo, 24 de agosto de 2025

O sabor das margaridas

Na plataforma Agalega.gal, que consigo ver na miña Smart TV, aínda que non o fai todo o ben que a min me gustaría, hai contidos en galego, e obviamente para min iso é moi importante. Mirei, a ver que había por alí, e vin a serie "O sabor das margaridas". Como oín falar que estaba bastante ben, probei. Non está mal. Son seis capítulos duns 70-75 minutos na primeira tempada. Eu pensaba que remataba aí, pero a última escena desa primeira tempada xa me fixo pensar que a cousa seguía. Efectivamente, hai unha segunda tempada, pero esa parece que está en Netflix, así que terei que vela en castelán, porque na plataforma galega non había máis (polo menos de momento).

Todo sucede nunha vila imaxinaria chamada Muriás, da que nunca se ven imaxes do núcleo, só edificios soltos, así que podería ser en calquera lugar do interior de Galicia. Pero o caso é que alí nunca sucede nada. Pero por fin pasa algo. Unha rapaza que levaba algún tempo por alí, chamada Marta Labrada, e que estaba metida en asuntos turbios, desaparece un día. E nese mesmo intre aparece unha garda civil, nova e atractiva, da unidade xudicial, que vén para investigar esa desaparición.

En principio, nada excesivamente raro, pero claro, a súa chegada trastoca totalmente a realidade da pequena vila. Para comezar, no cuartel da garda civil, cambia todo, porque o xefe está a poucos días da súa xubilación, o seu subordinado non se fía da nova, e algún tempo despois acaban descubrindo que hai toupas que filtran información sensible ao exterior.

Para seguir, realmente nesa vida non é que non pasara nada, é que pasan moitas cousas, pero todas de forma moi oculta. Por outra banda, hai un instituto onde parte do alumnado e do profesorado tiña certa amizade coa desaparecida. Hai un burdel no que pasan cousas moi estrañas, algún taller e gasolineira onde tamén pasan cousas raras, unhas cantas familias e personaxes son tremendamente peculiares.

Ou sexa, que ao final, nesa vila pasaba de todo, e case todo chungo. E tamén resulta que algúns dos personaxes son moito máis turbios do que poderían parecer, e algúns deles nin sequera son quen dicían ser.

Foi unha produción da TVG, CTV e Comarex, pero parece que o seu selo fondamente galego se conservou. Coñezo a bastantes dos actores e eu escoitei as súas voces orixinais na versión galega, así que deberon rodala nese idioma. E polo visto, tivo moito éxito no Reino Unido.

O director foi Miguel Conde. E no seu elenco están, entre moitos outros: María Mera, Toni Salgado, Miquel Insua, Denis Gómez, Lucía Álvarez, Sara Sanz, Jimmy Núñez, Paloma Saavedra, Fran Paredes, Alejandro Martínez, Manuel Cortés Tallón, Yelena Molina, Santi Cuquejo, Covadonga Berdiñas, Mariana Expósito, Carlos Villarino, Martina Stetson, Xavier Pan e Alicia Armenteros.

Deixo un video do trailer da segunda tempada, que terei que ver nas seguintes semanas.

Saúdos.



A lenda de Tarzán

Non sei vós, pero eu teño certa nostalxia das películas de Tarzán que veía na televisión cando era neno. Porque, ou moito me engana a memoria, ou desapareceron totalmente de grella televisiva. Refírome ás clásicas protagonizadas por Johnny Weismuller nos anos 30 e 40. Houbo moitos máis actores que representaron o papel, pero creo que a maioría asociamos esa cara e corpo a ese personaxe. Dende hai uns anos, miro de cando en vez en Youtube a ver se hai algunha desas películas (son tan antigas que deben estar xa libres de dereitos). Hoxe por fin acabo de ver que xa está a primeira subida, pero fixérono nos últimos tempos, xa era hora. Pero o outro día animeime a ver a última versión cinematográfica. Obviamente, non me invadiu a nostalxia pero vin moitas cousas interesantes que resaltar.

"A lenda de Tarzán" foi dirixida en 2016 por un tal David Yates, e no elenco destacaban Alexander Skarsgård, Margot Robbie, Christoph Waltz, Samuel L. Jackson, Djimon Hounsou e Jim Broadbent. Se non lembro mal, a trama daquelas películas clásicas era máis simple e este resulta máis enrevesada, mestura personaxes reais que si existiron pero que non creo que chegaran a coñecerse, e tamén os mestura co personaxe ficticio de Tarzán. O escritor estadounidense Edgar Rice Burroughs creou este personaxe en 1912, e fixo algo máis de vinte novelas con el.

Para comezar, hai que ter claro que Tarzán é Lord Greystoke, un aristócrata británico que se criou na selva do Congo xuntos cos gorilas, porque os seus pais foron abandonados alí despois dun naufraxio e quedou só. Así forxou unha magnífica relación, incluso de comunicación, cos animais da selva. Posteriormente tamén aprendeu inglés e francés, pero prefiría vivir na selva.

Estando en Inglaterra, recibe unha invitación para volver ao Congo, para comprobar se o proxecto civilizatorio do rei Leopoldo II naquel país é interesante ou non. Aínda que ao principio non quería, vai ir tamén a súa esposa Jane. O curioso é que vai ir acompañado por George Washington Williams (que existiu na realidade e fixo algo parecido ao que se ve na película), un xurista e político estadounidense que a finais do século XIX estivo alí para ver se ese proxecto leopoldino era civilizado, e volveu espantado. E o principal antagonista deles alí é Leon Rom (que tamén existiu na realidade), un alto funcionario do goberno belga que estivo alí administrando algunhas rexións e que é lembrado pola súa brutalidade (mencionar aos belgas no Congo non é moi boa idea). De feito, algunhas teorías din que inspirou a personaxe do capitán Kurtz da novela "O corazón das tebras" de Joseph Konrad, que despois deu lugar á película "Apocalypse Now".

Esa é a contextualización, está claro quen son os bos, quen son os malos, os efectos dixitais son moi bos, obviamente (e nunha temática coma esta poden agradecerse moito) e non se pasa mal vendo a película.

Saúdos.



sábado, 23 de agosto de 2025

O bo vasalo

Dende hai algúns anos, polo visto, está tendo certo éxito un autor lucense chamado Francisco Narla, que escribe en castelán orixinalmente, pero que non debe verse con capacidade para facelo en galego, porque as versións en galego das súas obras están traducidas. Por exemplo, eu lin esta novela súa en galego, e pon que a tradución foi a cargo de César Lorenzo. Merquei a novela hai varios anos, e xa non o lembro, pero sospeito que a collín porque na sinopse dicía que contaba a historia dalguén cercano ao Cide Campeador, que me parece un personaxe moi interesante.

Debería empezar dicindo que non me gustou demasiado a novela. Teoricamente está baseada nun personaxe do que non se sabe case nada: Diego Rodríguez, o que foi o fillo do Cide. Así que, como ben recoñece o autor ao final, aproveitouse diso para "novelar" e inventar o que lle pareceu. Iso non ten nada de malo, faltaría máis. O problema é que non me gustou nada o seu estilo narrativo, de frases curtas, parágrafos curtos, e non moi conexos (para o meu gusto). As frases dos diálogos eran breves e os textos narrativos longos, pero o estilo resultábame tremendamente confuso, en moitas ocasións, non tiña demasiado claro de que ou quen estaban falando.

Os capítulos non eran moi longos (en torno ás 10 páxinas) e como singularidade, todos os títulos estaban formadas por ternas de palabras. Por exemplo, o primeiro titúlase "Cairo, negocio e traizón", e o último é "Verdade, mentira e lenda". Xusto debaixo do título poñía o ano no que estaba ambientado o mesmo, porque algúns eran en vida do Cide, e outros despois. Pero eu xuraría (tampouco o teño demasiado claro) que nalgún dos capítulos saltaban dunha época á outra, o que aínda aumentaba máis a confusión antes mencionada.

Os personaxes principais serían o Cide, a súa esposa Jimena, os seus fillos Diego, María e Cristina, algúns dos subordinados directos do Cide, como un tal Nuño, Blasco e Otto (supoño que novelescos), e un médico xudeu chamado Moisés, e o seu fillo Galín, ao que nalgunhas partes da novela chamaban O Galego, e que na primeira metade da novela parecía que ía ser o protagonista da obra, e que ese "bo vasalo" era el, pero despois parece que se referían a Diego. Supostamente Diego e Galín eran moi amigos, e amaban á mesma muller, unha tal Lilia, filla dun mercader italiano.

Por contextualizar a historia, parece que o Cid naceu na provincia de Burgos en 1048 e morreu en Valencia en 1099. Esta historia está ambientada unha parte en torno ao ano 1090 e outra en torno ao 1102, cando el xa morrera, e Jimena aínda gobernaba Valencia. O epicentro da segunda parte da obra é Valencia, xa que nos últimos anos o Cide estableceuse alí e mantívose "independente", como se fora un reino ou señor máis.

Polo que di a historiografía, Diego morreu en 1097 na batalla de Consuegra (antes incluso que o seu pai). No libro menciónase esa batalla, pero obviamente non din que morreu aí, senón que estivo a punto de facelo. Xuraría que insinúan que aí foi onde morreu O Galego, por protexelo a el co seu corpo, pero tampouco me fagades moito caso, porque xa digo que a redacción resulta bastante confusa e costoume nalgúns momentos entender o que quería dicir. Por exemplo, nun dos últimos capítulos, deume a impresión que era o propio Diego o que finxía ser seu pai que xa estaba morto, nese lendario capítulo que di que o Cide gañou unha batalla despois de morto, porque pasearon o seu cadáver.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...