domingo, 22 de xuño de 2025

Sherlock Holmes en Washington

Pois aquí seguimos coa estraña saga de Sherlock Holmes que se basea pouco ou nada nas historias orixinais de Arthur Conan Doyle. Nesta concretamente innovaron por completo e a historia é totalmente orixinal. De feito, non hai ningunha mención explícita aos nazis, pero algo subxace porque queren quitarlle un valioso documento a un inglés que vai en barco a Estados Unidos.

"Sherlock Holmes en Washington" foi dirixida en 1943 por Roy William Neill (aquí volve o director habitual desta saga). No elenco encabezan Basil Rathbone e Nigel Bruce, obviamente, e nos secundarios están Marjorie Lord, Henry Daniell, George Zucco, Holmes Herbert, Mary Gordon, Gavin Muir e Gerald Hamer, que fai un breve pero esencial papel.

A trama é máis ben simple, polo tanto impropia de Arthur Conan Doyle, porque non a fixo el, senón un guionista estadounidense. O caso é que os ingleses queren enviarlle un importante documento aos estadounidenses, e intúen que os espías inimigos o saben. Así que nun barco mandan a un diplomático ben famoso como "señuelo", pero no seu entorno mandan a un tipo que pasa máis desapercibido.

Se digo todo isto, xa intuiredes que este segundo era o que levaba o importante documento, pero os inimigos tamén debían intuilo, porque aparece morto pouco despois. O que os espías non sabían era o formato do documento, pero o listísimo Holmes o descubre, vai en forma de microfilm metido nun sinxelo paquete de mistos.

Total, que o tipo ese, antes de morrer, pásalle o paquete de mistos a unha señora á que non coñecía de nada, e dese xeito, métese o documento nos Estados Unidos. Dase o caso de que nunha festa na que se xuntan os bos e os malos, o paquete está pasando das mans duns ás dos outros, todos sen saber que xa o teñen nas mans.

Saúdos.



sábado, 21 de xuño de 2025

Antes de Nós

Non é moi habitual que eu vaia ás salas de cine comercial, pero nesta época está habendo estreas destacadas de películas que me interesan, e ademais galegas, como é este caso. E que dicir da expectación que ergueu en boa parte de Galicia a primeira película sobre Castelao. Estou case seguro que parte dos seus seguidores quedaron algo ou bastante decepcionados porque probablemente desexarían un "biopic" ao uso, e esta película non é nin moito menos iso, senón que ten un enfoque totalmente diferente.

"Antes de Nós" foi dirixida por Ángeles Huerta en 2025. Os papeis principais e secundarios destacados foron para Xoán Fórneas, Cris Iglesias, Nancho Novo, Xoel Fernández, Miquel Insúa, Sergio Zearreta, Isabel Vallejo e Adrián Ríos.

Fala sobre a vida de Castelao, e sobre todo, da relación entre Daniel e a súa muller Virxinia Pereira, en dous momentos moi concretos da súa vida. O primeiro é en 1918, cando a epidemia de "gripe española" está golpeando moi forte en todas partes e tamén en Rianxo, onde morre moita xente e non hai médico (non lembro se morreu tamén ou marchou). 

Entón, con certo desgusto da súa muller, deixan a súa posición acomodada e tranquila en Pontevedra, onde el é funcionario da Deputación, para exercer de médico en Rianxo, xa que el estudou para médico pero nunca exerceu. Alí únese ao seu pai, que segue sendo a principal oposición ao cacique Viturro. Están acompañados polo seu fillo Chuchiño, que ten catro anos, e sempre foi moi delicado de saúde.

O outro momento é en 1929. Vai a Bretaña con Virxinia grazas a unha bolsa para analizar as cruces de pedra e comparalas coas galegas. Pero o drama que subxace debaixo é que o seu fillo morreu o ano anterior de neumonía. E iso úneos moito máis.

Saúdos.





Sherlock Holmes e a Voz do Terror

Como xa leríades nos últimos tempos, estou vendo moitas películas da saga de Sherlock Holmes protagonizada por Basil Rathbone e Nigel Bruce. Pois acabo de ler algo moi interesante sobre a mesma. Polo visto, as dúas primeiras películas fíxoas a 20th Century Fox baseadas no personaxe orixinal e, polo tanto, ambientadas no século XX. Pero deixaron de facelas porque consideraban que o personaxe era demasiado pintoresco. Entón mercou os dereitos a Universal, e decidiu transplantar ao personaxe ao ecosistema da Segunda Guerra Mundial, como é o caso desta que nos ocupa. Polo visto, está baseada lixeiramente no relato titulado "O seu último saúdo no escenario" e mesturada con algúns sucesos da época, como algúns locutores anónimos que falaban na radio a favor da Alemania nazi.

"Sherlock Holmes e a Voz do Terror" foi dirixida en 1942 por un tal John Rawlins (ollo, non é o director habitual desta saga), foi a terceira película da saga e a primeira feita pola Universal. Nos papeis principais, obviamente, Basil Rathbone e Nigel Bruce. Nos secundarios destaca Evelyn Ankers, Henry Daniell (que esta vez non fai de profesor Moriarty, pero tamén semella algo turbio) e Hillary Brooke, que non fai un gran papel pero participa moito nesta saga.

A Voz do Terror é unha voz radiofónica que se escoita na Inglaterra da Segunda Guerra Mundial facendo propaganda a favor da Alemania nazi, e que informa con gran celeridade de todos os desastres que suceden en solo inglés e provocados polos nazis. Obviamente, o Consello de Seguridade do Reino Unido está desconcertado e non ten nin idea de como detectar a esa Voz e como parar as súas actividades. Algún dos seus integrantes propoñen pedirlle axuda a Sherlock Holmes pero iso tamén ergue suspicacias, que axiña son superadas por el, que amosa gran perspicacia na primeira reunión.

Ao pouco tempo, Sherlock Holmes envía a un dos seus colaboradores a un barrio de Londres, e volve cunha daga cravada na espalda e morre no apartamento de Holmes. Holmes vai falar coa súa viúva para explicarlle a situación e consegue o apoio de toda a banda de colegas do seu colaborador, que poderán espiar toda a cidade sen problemas.

Van facendo pesquisas e descubren que as emisións radiais se mandan dende o continente, pero que non son en directo, senón gravadas. Parece como se alguén estivera no Reino Unido informándose do que sucede, gravando as locucións e enviándoas ao continente para que foran enviadas dende alí. Efectivamente, descubren que un dos integrantes do Consello de Seguridade non é quen parece ser, senón un nazi que se fai pasar por un Lord inglés.

Saúdos.



Harper, investigador privado

Hai unhas semanas, no espazo de cine clásico da 2, estiveron botando un pequeno mini-ciclo dedicado a Paul Newman. Unha das que botaron foi esta película, da que eu non oíra falar na miña vida. Como curiosidade, diremos que o título orixinal é "Harper", en España decidiron engadirlle o de "investigador privado" e en Hispanoamérica decidiron que era moito máis innovador "O branco móbil".

"Harper, investigador privado" foi dirixida en 1966 por Jack Smight, e no elenco poderíamos destacar a Paul Newman, Lauren Bacall, Julie Harris, Arthur Hill, Janet Leigh, Pamela Tiffin, Robert Wagner, Robert Webber e Shelley Winters. O guión é de William Goldman.

A ver, a trama é un pouco lío. Para comezar, a Lew Harper, detective privado, chámao un colega que é avogado dun magnate. Parece que ese magnate desapareceu e quere contratalo a súa muller para atopalo, aínda que ela é perfectamente consciente das infidelidades do seu marido, e tampouco parece moi interesado en que apareza. Do mesmo xeito, cando vai preguntando, parece que o magnate non lle caía ben case a ninguén, así que todo se enrarece dende o comezo.

Facendo pesquisas, vai coñecendo a persoas que tiñan contacto co magnate na súa sórdida vida, como unha ex-actriz que agora está bastante botada a perder, e non digamos xa o seu marido, que parece un personaxe bastante turbio. Polo medio tamén está unha secta de chalados que montaron un estraño templo nun monte que lles vendiu o magnate, pero ese lugar tamén serve para agochar inmigrantes ilegais. Ao final descúbrese que o magnate estaba secuestrado por xente moito máis cercana a el do que parecía.

Saúdos.



domingo, 15 de xuño de 2025

Mamá, futbolista quero ser: Irene González Basanta

Hai unhas semanas, a asociación veciñal dos barrios de Oza, Gaiteira e Os Castros, na Coruña, organizaba a proxección dun documental sobre Irene González Basanta, a primeira futbolista "profesional", realizado por Nós Televisión, e que conta unha emotiva historia que sucedeu na Coruña hai un século, a comezos do século XX.

Irene González Basanta era unha rapaza que naceu en 1909 e morreu de tuberculose en 1928. Comezou xogando en equipos da cidade, e parece que o facía de dianteira centro, pero despois fundou un novo clube que levaba o seu propio nome, e decidiu pasar a ser porteira, e parece que non era nada mala.

Na case única foto que se conserva dela, véselle cun xersei que leva unha letra V en torno ao pescozo, e parece que iso foi copiado dos xerseis que levaba Ricardo Zamora, o porteiro mítico daquela época. Tamén é reseñable que ela era a capitá do seu equipo, o que naquela época significaba que tamén era a adestradora, xa que non había adestradores como tal, os capitáns facían esa función. Nese equipo xogou Rodrigo García Vizoso, mítico porteiro do Deportivo posteriormente, e Chacho, xogador do Deportivo e doutros equipos, que aínda ten o record de goles metidos nun só partido coa selección española, en seis.

Saúdos.



Ágora Son 2025

Dende hai xa uns cantos anos, celébrase por maio no Ágora da Coruña un concerto do Día das Letras Galegas, para os que só se pode conseguir entrada se sacas libros en galego das bibliotecas da cidade. Eu nunca o fago, porque nin sequera son socio, pero teño varios colegas que si o fan e que habitualmente pensan en min para que os acompañe, cousa que hai que agradecerlles. Por suposto, os concertos son de música galega e en galego, faltaría máis.

Este ano tocou concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria, cousa que sempre é un inmenso pracer, xa había varios anos que non os veía tocar. Todo foi segundo o previsto, pero recoñezo que o que máis me sorprendeu foi unha versión de "La leyenda del tiempo", baseada nun poema de Federico García Lorca, música de Ricardo Pachón, e cuxa versión orixinal popularizou Camarón de la Isla. Non lles quedou nada mal, como podedes ver no seguinte vídeo.

Saúdos.



Sherlock Holmes desafía á morte

Como xa teño dito aquí nalgunhas ocasións, Sherlock Holmes é un personaxe que me fascina (sospeito que non debo ser a única persoa no mundo). Hai moitos anos vin na televisión películas en branco e negro sobre o personaxe que me gustaron moito. Agora que en Youtube están dispoñibles aqueles clásicos dos anos 40, estoume poñendo a velos, coa agravante de que ademais son películas bastante breves, que duran pouco máis de unha hora. Pero se me está derrubando un pouco o mito, porque agora estanme parecendo algo mediocres. Pero coñecéndome, sospeito que as verei todas, porque non son moitas, unhas quince.

"Sherlock Holmes desafía á morte" foi dirixida en 1943 por Roy William Neill (que dirixiu case todas as desta saga). Está baseada no relato "O ritual dos Musgrave" (un dos 56 que Arthur Conan Doyle escribiu deste personaxe) pero coa temática algo actualizada á época. Obviamente, de Sherlock Holmes fai Basil Rathbone e de Watson fai Nigel Bruce. De Inspector Lestrade fai Dennis Hoey (outro clásico) e foi a segunda das tres películas da saga na que participou a actriz Hillary Brooke. A verdade é que unhas semanas despois de vela case non lembraba nada dela, e tiven que ver de novo algúns fragmentos para lembrar vagamente a trama.

Durante a Segunda Guerra Mundial, os propietarios da mansión Musgrave, un lugar bastante tenebroso, ceden gratuitamente o edificio como hospital para militares que queren curarse do estrés postraumático da guerra. Alí son atendidos polo doutor Watson. Como non podía ser doutro xeito, comezan a producirse mortes en moi estrañas circunstancias, comezando pola do propietario da mansión, e Watson avisa a Holmes para que bote unha man. Acaba descubríndose un complot para eliminar a todas as persoas que están alí e para poder facer uso dun documento antigo que se atopa alí e que faría moi rica á  persoa que o posuíra.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...