domingo, 12 de novembro de 2023

O ilusionista

Nas últimas semanas volvín a Rakuten, despois de moitos meses sen pasar por alí, para ver se  había algunha película interesante, e atopei algunha perla ben destacada. Tamén é certo que fixeron unha cousa que non me gusta. Antes, a carón de cada película, poñían a nota media da mesma na IMDB, que sempre é unha referencia. Ese dato aínda segue, pero moito máis oculto, así que agora estamos algo máis a cegas, porque hai bastante broza polo medio nesa plataforma. Pero atopar "O ilusionista" foi unha boa alegría.

Foi dirixida en 2006 por un tal Neil Burger, que tamén foi o guionista xunto a Steven Millhauser, o autor da novela corta na que está baseada. Haberá que seguirlles a pista. O protagonista principal é Edward Norton (actor que está comezando a convencerme bastante). O resto do elenco está formado por Jessica Biel, Rufus Sewell e Paul Giamatti.

A historia é algo retorcida, e ten un aura de maxia e misterio moi interesante. Eduard Abrahovich é un rapaz que se cría na Viena de finais do século XIX, fillo dun ebanista e pobre, que coñece a unha marquesa da que namora, e ela del, e que nun curioso encontro aprende cousas de maxia e queda moi interesado nese arte. Como o amor entre os dous non é ben visto, ten que marchar da súa terra.

Aparece de novo uns anos máis tarde, xa como mago profesional, co nome artístico de "Eisenheim o ilusionista". Fai uns trucos alucinantes e ten moitísimo éxito en Viena ao pouco de chegar. O príncipe Leopold, escéptico e moi intelixente, asiste a un dos seus espectáculos coa intención de desacreditalo, e nun número no que o mago pide un voluntario, o príncipe ofrece á súa propia prometida, que mira ti por onde, xustamente é a marquesa da que Eduard estaba namorado na súa infancia e adolescencia (tardan pouco en recoñecerse). Gusta moito o truco que fai, e é convocado a palacio, e alí fai unha gran actuación na que humilla ao príncipe, que solicita que pechen o teatro no que actúa. Ademais, sábese nese momento que o príncipe maltrata a todas as mulleres coas que se relaciona e que ten previsto casarse coa marquesa, aínda que a ela o plan non lle atrae demasiado.

A marquesa pretende rachar o compromiso co príncipe, pero nun arrebato de ira, este mátaa, pero conseguen ocultar as posibles probas, e inculpan a outra persoa que non ten nada que ver no tema. Eduard aluga outro teatro máis pequeno e axiña obtén moito éxito porque o seu espectáculo baséase en invocar as almas dos mortos, e fai aparecer a persoas que alguén do público recoñece como familiares ou amigos xa falecidos. Isto provoca un grande escándalo e fai que as forzas da orde vaian a detelo na seguinte actuación. Nesta fai aparecer á marquesa, que insinúa que foi asasinada polo príncipe. Cando van deter ao mago, resulta que el tampouco é real, é unha aparición e non consiguen detelo.

O xefe de policía que leva a investigación (eu non o mencionara ata agora, pero ten certa importancia na historia) chega á conclusión de que o príncipe foi o asasino da marquesa. Van ao seu palacio a prendelo, e el intenta defenderse, pero acaba suicidándose.

E a película remata dunha das formas que a min máis me gusta e que xa mencionei neste blog algunha vez (tamén hai que ter en conta que este blog xa está a piques de cumprir 17 anos): na última escena sucede algo inesperado, que fai que descubras algo que non viras ou non sabías, e ao sabelo, resulta que toda ou boa parte da historia cambia, e estivo pasando algo diferente ao que ti pensabas. Iso non o vou desvelar, para que vexades esta película, que é unha pequena obra mestra.

Saúdos.




sábado, 11 de novembro de 2023

Mary Shelley

Hai unhas semanas púxenme a buscar en Rakuten se había algunha película novidosa que valera algo a pena, e atopeime unha que trataba sobre Mary Shelley, que é un personaxe moi interesante, así que deille unha oportunidade.

Foi rodada en 2017 pola directora saudí Haifaa Al-Mansour (a primeira directora de cine do seu país), pero a produción é dos principais países anglosaxóns e Luxemburgo. No elenco non vin ningunha cara que me soara, a maioría son actores e actrices novos que están comezando a destacar en series e películas dos últimos anos, supoño que comezarán a soarme a partires de agora. Por exemplo, Mary Shelley foi interpretada por Elle Fanning (a irmá de Dakota Fanning, cuxo nome me soa de algo, pero non sei de que). De Percy Bysshe Shelley fixo Douglas Booth. De Lord Byron fixo Tom Sturridge. E de William Godwin fixo Stephen Dillane, un dos poucos actores veteranos.

A película trata os momentos máis importantes da vida de Mary Shelley, aproximadamente dende a súa adolescencia, cando xa coñece a Percy, ata pouco despois da creación de "Frankenstein", cando se descubre que a autora da obra que tanto gusta é ela, e non o seu marido, como pensaban moitos, porque o editor pediu que constara iso, colaborando na confusión, pero Percy, nun xesto nobre que lle honra e case sorprende, porque parece que era boa peza, recoñece en público que foi Mary a autora.

Polo que transmite a película, que non é unha marabilla, pero tampouco está mal, e non creo que se equivoque niso, aqueles personaxes, Mary, Percy, Byron, eran entre outras cousas uns vividores (sobre todo eles) que tiñan dificultades para sobrevivir, vivían sempre con moita precariedade, ademais de non traballar demasiado pretendían ter un nivel de vida que lles quedaba moi grande. Menos mal que aínda produciron algunhas obras literarias notables.

Mary Shelley era filla do filósofo político William Godwin, que tiña unha afamada librería en Londres, e de Mary Wollstonecraft, líder feminista que morreu no parto no que naceu ela, e obviamente iso era unha obsesión para Mary. Cruzouse na súa vida Percy Bysshe Shelley, que a deslumbrou, e xa se fixeron parella inmediatamente, aínda que el estaba casado e tiña unha filla, pero pasaba totalmente delas (xa vos dixen que era un peza). Por se non chegara con iso, tamén se cruzaron con Lord Byron, que era máis peza que todos eles xuntos, e fixéronse moi amigos. 

O máis notable foi aquela famosa estancia nunha mansión suiza en 1816 (o "ano que non houbo verán", pola erupción do volcán indonesio Tambora), onde se retaron a escribir relatos de medo ou terror. Agora mesmo, non lembro cal foi a produción de Byron e Percy para ese xogo, pero está moi esquecida, polo visto. Os únicos que fixeron algo notable foron Mary, que concebiu aí ao seu "Frankenstein", e outro convidado na mansión, John Polidori, que creou unha obra titulada "O vampiro", que polo visto inspirou a Bram Stoker unhas décadas máis tarde para crear Drácula.

Saúdos.



domingo, 5 de novembro de 2023

Soños eléctricos

Cheguei a esta película dunha forma un tanto estraña. Nos últimos anos déronse varias circunstancias para que eu me puxera a recompilar a música que máis me gusta, especialmente de décadas anteriores, como os 70 e os 80, xa bastante lonxanos, por certo. Escoitei a canción principal desta película, que me soaba vagamente, e me gusta bastante (a canción, non a película), e entereime que estaba na banda sonora desta película. Souben tamén que a película estaba en Youtube (abaixo poño o vídeo), e tomei nota mental para vela algún día. E ese día chegou. Por certo, a película é moi mediocre, por se vos interesa a información.

Foi dirixida en 1984 por un tal Steve Barron (non ten ficha na Wikipedia en español, é probable que non chegara moi lonxe). Os dous actores principais son Lenny von Dohlen (tampouco ten ficha, algo debe significar) e Virginia Madsen (esta actriz si que é algo coñecida, pero tampouco fixo moita fortuna, é a irmá de Michael Madsen, algo máis famoso). Do elenco de secundarios, que tampouco destaca demasiado, poderíamos mencionar a Maxwell Caulfield (sóame de algo pero non sei de que) e a Giorgio Moroder, músico que compuxo a música da película e que tamén sae facendo un papel similar a ese).

Nada, unha chorradilla. Miles é un traballador dunha empresa de arquitectura en San Francisco, algo obsesivo e desorganizado, que está obsesionado co deseño dun novo tipo de ladrillo que sexa capaz de soportar os terremotos, problema importante nesa cidade. Como é tan desorganizado, un compañeiro lle aconsella que merque un organizador (naqueles tempos algo parecido a unha PDA, pero aínda non se inventaran, creo). Vai a unha tenda de ordenadores (daquela xa as había en EE.UU.) e lévase un ordenador enteiro, como era algo ou bastante friki, tampouco lle vén mal. Intenta deseñar ese novo ladrillo no novo ordenador, e aos poucos días despois intenta conectalo co ordenador da súa empresa, pero sofre un quecemento polo exceso de información, comeza a botar fume, e Miles bótalle un líquido por enriba para intentar enfrialo, e a partir de aí suceden cousas raras.

Ao mesmo tempo, múdase ao mesmo edificio de Miles unha fermosa violonchelista chamada Madeleine, da que Miles namora inmediatamente, como non podía ser doutro xeito. Un determinado día, polos condutos da ventilación, o novo ordenador (que responde ao nome de Edgar), que xa fai cousas raras, escoita ensaiar a Madeleine, e comeza a reproducir eses mesmos sons pero de forma electrónica. Madeleine cre que foi Miles, que non ten nin idea do que lle fala, pero a súa relación vaise estreitando, para gozo de Miles. O ordenador tamén vai namorando de Madeleine e ademais tamén hai un compañeiro de orquestra de Madeleine que podería ser competencia. Aí tedes a cousas, bastante tonta. A película é definida como comedia romántica de ciencia ficción. Nos 80 facíanse estas cousas.

Saúdos.



A decisión de Sophie

Agora que andamos de temporal en temporal e de borrasca en borrasca, é mellor non saír moito e ver cine en casa non é mala opción. Un día destes, no espazo de cine clásico da 2, botaban un clásico dos anos 80 do que eu oíra falar moito, pero non tivera a oportunidade de ver. Como duraba bastante e agora prefiro non trasnoitar pola semana, decidín deixalo para uns días máis tarde e velo en Rtve Play, e así fixen.

"A decisión de Sophie" foi dirixida en 1982 por Alan Pakula, e os principais intérpretes son o trío protagonista formado por Meryl Streep, Kevin Kline e Peter MacNicol. Hai un longo listado de secundarios, pero apenas teñen peso na historia, aparte de que son moi pouco coñecidos.

A película está ambientada no Brooklyn de finais dos anos 40, pouco despois da Segunda Guerra Mundial. A época é esa porque pasaron poucos anos dende que a protagonista principal foi liberada do campo de concentración de Auschwitz. E o lugar é curioso, porque non se recoñece Brooklyn en absoluto, só hai un par de escenas na famosa ponte. Nin sequera sucede nun dos típicos edificios do barrio que tantas veces temos visto, senón nunha casa afastada que ten unha pensión, na que viven varias persoas e familias ademais dos caseiros.

Todo xira en torno ao trío protagonista e as relacións entre eles. Stingo é un xoven sureño (creo que de Virxinia), con pouco máis de 20 anos, que sube a Nova Iork coa intención de facerse escritor. Colle unha habitación nesa casa de hóspedes, e pouco despois, de forma algo abrupta, coñece á parella que vive na habitación que está enriba da súa. Son Sophie e Nathan, unha parella ben curiosa, que pasa por momentos moi variables na súa relación, ás veces son moi encantadores e outras veces son insoportables (sobre todo Nathan). Seguramente será mellor explicar como é cada un deles.

Stingo é novo, quere novas experiencias vitais, para vivilas e contalas nos seus libros. Por exemplo quere ter algunhas experiencias sexuais, pero non semella ter moito éxito cando todo parecía indicar que ía ser así. Faise moi amigo de Sophie e Nathan, pero non soporta que Nathan ás veces desprecia a Sophie, cando outras veces a adora. Acaba namorando de Sophie, pero parece que o seu amor é imposible.

Nathan é un tipo bipolar ou algo parecido. Supostamente é un científico que traballa nunha importante empresa, pero ao final da película sabemos, polo seu irmán, que realmente traballa nunha empresa científica pero nun posto menor e sen relevancia, e que pasa unhas crises terribles, conseguiu o posto por un favor e ninguén se pregunta nada sobre o tema. É de orixe xudea e está obsesionado co holocausto e o nazismo, parte da súa estraña relación con Sophie vén de aí.

Sophie é unha polaca de relixión católica, non xudea, que era filla dun profesor de universidade afecto ao nazismo, que estaba de acordo coa solución final cos xudeus (esto sábese ao final da película, non antes). Por avatares, acabou no campo de concentración de Auschwitz, pero ao saber falar alemán perfectamente, por decisión do pai, estaba de criada nos barracóns dos oficiais alemáns, e incluso parece que traballou directamente para Rudolf Hess. Así que tan mal non o pasou, polo menos tan mal como os xudeus polacos. Non queda moi claro, porque a collen en mentiras en varios momentos da historia, pero semella que chegou cos seus dous fillos ao campo, e perdeu aos dous, en estrañas circunstancias.

Cara ao final da película, Sophie ten que tomar a decisión de marchar ao sur con Stingo e formar unha familia, ou quedar no norte con Nathan, con quen está pasando unha terrible crise. Sophie decide non ir ao sur, porque di que xa demostrou claramente non ser unha boa nai, vaise con Nathan de novo, e ao día seguinte aparecen os dous mortos despois de tomar un veleno. SPOILER. Xa pasaron máis de 40 anos, non será para tanto contar isto.

Saúdos.



mércores, 1 de novembro de 2023

O secreto da pirámide (o xoven Sherlock Holmes)

O outro día atopei nunha cadea da TDT, na súa emisión convencional, unha suposta xoia oculta, que finalmente non o foi tanto, pero prometía. O título orixinal era "O xoven Sherlock Holmes" e en Hispanoamérica respetárono, pero en España decidiron que era mellor chamarlle "O secreto da pirámide". Como Sherlock Holmes é un personaxe que me interesa moito, deille unha oportunidade. Non me pareceu gran cousa, pero polo menos pasouse un rato algo entretido.

A película é do ano 1985, e curiosamente había pesos pesados na realización, como Barry Levinson na dirección, Chris Columbus no guión e Steven Spielberg na produción executiva. A historia é orixinal deles pero está baseadas nas historias e personaxes de Arthur Conan Doyle, obviamente. Está ambientada na adolescencia de Holmes e Watson (licencia poética dos autores) e por esa razón, a maioría dos actores eran rapaces novos que seguramente querían lanzar como estrelas, pero semella que non tiveron éxito. Os principais actores e actrices foron Nicholas Rowe, Alan Cox e Sophie Ward, que despois tiveron pouco éxito. Dos secundarios adultos tampouco se garda gran lembranza (pode ser un indicio que de case ningún deles haxa artigo na Wikipedia en español).

Pois nada, que Holmes e Watson coñécense nun internado de Londres, e nese momento na cidade estanse producindo estrañas mortes que só Holmes identifica como asasinatos, todo o mundo pensa que son suicidios, producidos en estrañas circunstancias, pero suicidios. Intenta convencer ao inspector Lestrade de Scotland Yard, pero obviamente este non pensa que haxa que preocuparse polo que opina un adolescente presuntuoso.

Pois resulta que hai unha secta neopagá de orixe exipcia que está oculta en Londres, que se reúne baixo unha pirámide de madeira nun vello edificio ruinoso, e que alí leva a cabo os seus rituais, que en moitos casos lembran bastante a escenas que vimos nas películas de Indiana Jones, tendo en conta que estaban comezando a facerse nesta época, e que Spielberg estaba tamén no allo. Obviamente, ganan os bos pero, por exemplo, aquí vese por que razón Holmes converteuse nun tipo frío e calculador que nunca se namorou.

Saúdos.



O reiciño de Galiza (banda deseñada)

Hai unhas semanas, nunha breve pausa na miña elevadísima carga de traballo, deume por ler un tamén breve cómic que merquei no último verán. Os cómics, xa de por sí, ao ter moito debuxo e pouca letra, ocupan moito menos tempo de lectura que un libro convencional, pero ademais este era curtiño, polo tanto non me ocupou máis que media hora.

O cómic titúlase "O reiciño de Galiza" e está baseado nun relato breve escrito polo francés Víctor Hugo incluído na súa magna obra "A lenda dos séculos", perfecto exemplo do romanticismo tan presente na Francia do século XIX. O guión é de Inacio Vilariño e os debuxos son de Iván Suárez. Tomaron como base a tradución desa obra feita por Henrique Harguindey Banet, e que acabo de lembrar que a teño na casa, así que intentarei lela un día destes (cando o faga, que será pronto, pouco despois veredes aquí o devandito artigo).

A historia está vagamente baseada no rei Don García de Galicia, de vida breve, que viviu a finais do século XI. Pero o autor tomouse moitas licencias. Chámalle Nuno, di que hai sete infantes que o raptan para desfacerse del e que un enigmático cabaleiro francés chamado Roldán, que forma parte da épica das súas lendas, vén a liberalo. O debuxo e a cor son moi atractivos, e o guión e diálogos tamén, porque están compostos en verso, que seguramente todos asociamos ás tramas desa época e/ou posteriores.

Por se non chegara con iso, Demo Editorial, a principal editorial de cómic en galego (xunto con Kiko da Silva en Pontevedra, co Garaxe Hermético), dirixida polo coruñés Manel Cráneo, ademais de publicar a obra, fixo un pequeno pero digno documental para anunciala, que puxeron á disposición do público na súa canle de Youtube, e que vos poño eu ao final.

Saúdos.



domingo, 22 de outubro de 2023

Morning Star

Había tempo que non lía un libro (en calquera idioma) que me tivera tan entretido. Certo é que é unha homenaxe á "Illa do Tesouro" de Robert Louis Stevenson (obviamente non chega ao seu nivel), unha das miñas novelas preferidas (e sospeito que non son a única persoa que o pensa). Pero está ambientada na cidade de Pontevedra e comarca a mediados do século XIX, e hai piratas e bandoleiros polo medio.

Hai que dicir que esa novela é "Morning Star", de Xosé Miranda, que é o volume 101 da moi comentada aquí colección "Biblioteca Galega 120" que publicou A Voz de Galicia a comezos do século XXI. Esta obra é duns anos antes, de 1998, así que xa cumpriu uns 25 anos de vida, e polo visto xa leva 16 edicións.

O narrador é Lourenzo, un rapaz de 16 anos que vive e traballa nunha algo ruinosa taberna que se atopa un pouco ao norte da cidade de Pontevedra (na Wikipedia di que está en Verducido, non me soa ter lido o nome do lugar en ningún sitio, sospeito que esa entrada foi redactada polo propio Xosé Miranda). Todo vai máis ou menos ben ata que aparece Lázaro Rivadulla, un mal bicho que parece coñecer ao pai de Lourenzo e tamén á nai, á que non lle agrada nada esa visita. Lázaro hospédase alí creando mal ambiente no lugar e provoca unha degradación na saúde da nai, que acaba morrendo un ano despois. Como vedes, o comezo ten bastante parecido coa novela de Stevenson.

Nese intre, o pai de Lourenzo decide comezar a colaborar de novo con Lázaro nas súas correrías (diso se coñecían no pasado), e os outros membros da banda pasan pola taberna para ir planificando novos asaltos. E incluso o rapaz comeza a meterse xa tamén nos líos, cunha participación moi pequena pero esencial.

Despois descúbrese que esta banda de maleantes ten outra banda rival, liderada polo portugués Tomás das Congostras, e que se levan moi mal. Iso é así porque as dúas bandas traballaron para o mítico pirata pontevedrés Benito Soto no seu barco "Burla negra", que escondeu o seu último botín nalgún lugar da comarca, e todos están intentando atopalo. Incluso Lourenzo fillo descobre que varios dos maleantes forman parte das dúas bandas en secreto, para intentar aproveitarse dese feito.

Despois de todo isto, a banda de Lázaro fai un gran asalto a un cura en Beluso (Bueu), do que saben que ten moitos cartos, e a cousa sae regular, porque o cura e os seus criados disparaban moi ben, aínda que conseguen levarse o botín. Pero Lourenzo fillo rescata á sobriña do cura, á que xa coñecía de antes, e da que estaba namorado, e iso provoca que a banda comece a perseguilo, especialmente eses dous integrantes que saben que descubriu o seu dobre xogo.

Conseguen escapar e leva á súa amada a Lugo, de onde era orixinaria, acompañados por varios da banda de Tomás das Congostras, que semellan algo máis fiables e nobles, pero non demasiado. Consegue atopar o plano que explica onde está o tesouro e axuda a Tomás a subir o cofre. Dese xeito xa queda máis unido a esa banda. Pero a outra banda aprésao, e obrígalle a dicir onde agocharon de novo o tesouro, que xa está na cidade de Pontevedra, máis ou menos ben custodiado.

Finalmente el e case todos os demais son apresados pola Guardia Civil, e el está no cárcere, ata que o seu avó (o pai do seu pai), persoa importante da Coruña, intercede para que o saquen da prisión e case coa súa namorada, como finalmente fai. Por certo, todo isto coincide co levantamento contra Narváez que remata co fusilamento dos Mártires de Carral, en 1846.

O título fai referencia a que ese era o nome do barco que atracou Benito Soto e a súa banda, e de onde saíu o tesouro tan buscado. E tamén fai referencia a Venus, o luceiro da mañá, a estrela que Lourenzo e Helena, a súa amada, miran para lembrar ao outro.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...