mércores, 29 de xaneiro de 2025

Dique

Como xa teño dito aquí, o ballet e a danza non me din nada ou case nada, pero como a miña curiosidade intelectual é case infinita, non descarto que algún día vaia a algunha obra deses xéneros para, polo menos, presumir de que vivín a experiencia.

Ao ballet xa fun o ano pasado a ver "O crebanoces" e, como era previsible, non me dixo nada. Só me quedei coa copla de saber que o crebanoces é un xoguete típico de centro Europa e que a trama tiña algo que ver con iso.

Coa danza teño o mesmo recelo, pero é certo que nos últimos tempos hai varias compañías de danza galegas con bastante éxito, e que ás dúas as entrevistamos nun dos programas de radio que teño, e quedoume certo interese en ver algunha das súas obras, a ver se me dicían algo.

A máis lonxeva desas compañías é Nova Galega de Danza, que hai unhas semanas fixo unha moi interesante antoloxía no Teatro Colón. Nunha fin de semana de venres, sábado e domingo representaron tres obras do seu repertorio: "Leira", "Berro" e "Dique". 

Eu conseguín unha entrada para o último deses espectáculos (os convites gratuitos esgotáronse axiña). Pois si vin a obra, pero seguiu sen dicirme moito. Curiosos movementos, coreografías, unha estética moi interesante, pero eu sigo sen conectar, estas cousas non me chegan. 

No coloquio posterior, Xaime Pablo Díaz, o fundador de compañía, que é ferrolano, comentou que a obra falaba da historia dunha serie de mulleres que no século XIX traballaron moi duro, cargando pedra, para construír o famoso Dique da Campá do Arsenal de Ferrol. Parece que conseguiron estrear alí a peza, non debeu ser doado convencer aos militares. Pero vaia, na obra, polo menos a min, resultoume absolutamente imposible deducir que a historia que se contaba era esa. Está claro que me faltan moitos mecanismos neste xénero.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...