Hai uns días celebrouse no Teatro Colón da Coruña un acto moi emotivo, que conmemoraba os 30 anos dende que uns rapaces galegos se conxuraban nunha aldea de Chantada para poñer en marcha un movemento chamado o Rock Bravú, que viña sendo algo así como punk-rock de base rural galega. Casualmente, ese movemento tivo moito que ver tamén co comezo dun programa infantil da TVG chamado o "Xabarín Club", no que alguén tivo a xenial idea de facer vídeos deses grupos galegos con letras ao xeito de karaoke, e que tiveron moito éxito. Estase intentando repetir ou recuperar aquelo, pero non semella doado, e moito menos coa deriva actual da TVG.
O evento comezou coa proxección do documental "Bravú XXX", producido por Nós Televisión, e conducido por Xurxo Souto, que foi a alma da festa, obviamente, tanto no documental como no concerto posterior. Aínda non atopei o vídeo en Youtube, aínda que dixeron que todos os seus contidos son de libre acceso alí, pero se cadra aínda non o subiron, porque teoricamente se estreou alí.
Despois veu un concerto da Banda Xangai, que é unha especie de mestura entre os Diplomáticos de Monte Alto e os Papaqueixos, con algunhas outras persoas de fóra da Coruña, principalmente na sección de ventos, bastante numerosa. Contaron con moitos convidados como Fran Amil, Sés, Richi dos Rastreros, Benxamín dos Impresentables, Xosé Manuel Pereiro, etc.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario