sábado, 11 de maio de 2024

A memoria dos mortos

Estamos xa case a final de curso, a cabeza está xa moi cansa, e necesita lecer continuamente, aínda que ás veces non sexa de calidade suprema. Pero nesta ocasión aínda tiven boa puntería. Buscando unha película de ciencia-ficción (xa sabedes, un dos xéneros que máis me gusta) en Rakuten, atopei esta película, tiña valoracións razonablemente altas e varios actores coñecidos, non duraba demasiado... A elección foi bastante boa, non se pode negar.

"A memoria dos mortos" foi dirixida en 2004 por Omar Naim, un director libanés do que non oín falar nunca, e do que polo visto, esta é a súa película máis destacada. As principais figuras do elenco son Robin Williams (sobre todo, monopoliza a película), Mira Sorvino e Jim Caviezel. A curiosidade do seu título é que o orixinal é "The Final Cut" (poderíamos traducila como "A montaxe final", e ten moito sentido), pero deixárona para o mercado hispano-falante como "A memoria dos mortos", tradución moi mala, pero que tamén ten sentido na historia.

Alan Hakman é o mellor "montador" ou "editor" da empresa Eye Tech, que se fixo de ouro co Chip Zoe, un chip que algúns pais con recursos implantan no cerebro dos seus fillos xusto ao nacer, e que grava toda a súa vida. Cando esas persoas morren, un montador da empresa colle a gravación, e elabora un breve documental que se proxecta durante o funeral. Obviamente, os montadores censuran todas as cousas malas e só proxectan as interesantes e emotivas. Moitas persoas de ética dubidosa queren a Alan como montador. Por certo, os pais non poden dicirlle aos seus fillos e fillas que teñen o chip implantado ata os 21 anos.

Un día, Hakman recibe o encargo de elaborar a película da vida de Charles Bannister, un dos fundadores de Eye Tech, que ten fama de ser un bo peixe. Obviamente, ten que censurar moitas cousas que ve nos vídeos, pero nunha escena sen importancia aparece un tipo que lle recorda unha moi desagradable experiencia da súa infancia, e ponse a investigar sobre esa persoa. Tirando do fío, entérase de que el mesmo tamén ten implantado o chip Zoe, pero os seus pais morreron nun accidente de coche cando el era pequeno, e obviamente ninguén puido comunicarlle que o levaba posto. De xeito arriscado, consegue ver parte da gravación (estando aínda vivo, é posible pero moi perigoso para a vida do implantado) e comprobar que aquel amigo da infancia non morrera nun accidente que tiveron (como el pensaba), senón que simplemente quedara ferido.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...