venres, 29 de marzo de 2024

O home que puido reinar

Hai moitos anos vin esta película e paseino moi ben, pero un destes últimos luns tamén a botaban no espazo de cine clásico da 2, e non puiden resistirme. É unha película de aventuras clásica que non aburre en ningún momento.

Foi dirixida en 1975 por John Huston, e os principais papeis do elenco foron para Sean Connery, Michael Caine, Christopher Plummer e Saeed Jaffrey, que non tivo relevancia na historia do cine pero si tivo algunha nesta película. A historia está baseada nun relato breve de Rudyard Kipling, que tamén aparece como un dos protagonistas da mesma, ao comezo e ao final.

A historia é ben entretida. A finais do século XIX, dous militares ingleses, aburridos da vida na colonia, deciden propoñerse o reto de subir ao lendario reino de Kafiristán (no Himalaya, unha rexión ao norte de Afganistán), para facerse reis daquel lugar e posuír as súas riquezas, se é que as hai. Soa absurdo, pero o caso é que o conseguen. Mentres están pensando nese plan, coñecen casualmente a Rudyard Kipling, masón, quen lles agasalla cun colgante que leva o símbolo dos masóns, e que resultará moi relevante.

Cóstalles moito chegar ata Kafiristán, que está no Himalaya, pero conségueno, e unha vez alí, na primeira vila contactar cun "gurka" nepalí, que lles fai de intérprete naquel reino. Dende o comezo, van conseguindo pequenas victorias nas liortas entre unhas vilas e outras, e aos poucos, ganan moito prestixio na rexión.

Nun determinado intre, en que se ven nun apuro, os autóctonos ven o colgante masón no peito dun deles (Daniel Dravot), e iso lémbralles que un importante personaxe que pasara por alí séculos atrás (máis ben milenios) deixara iconos similares. Ese personaxe era Sikander, coñecido entre nós como Alexandre Magno. Existía a lenda de que moito tempo despois do seu paso, viría o seu fillo, e todos cren que Daniel é o fillo do macedonio.

A súa sorte cambia complemente e el é considerado rei daquel territorio, como pretendían. O seu compañeiro Pechy Carnahan pasa a ser o xefe do exército, e os dous son venerados. Os locais ensínanlle tamén o tremendo tesouro que deixou Alexandre, e xa comezan a facer plans para marchar en primavera con todas aquelas riquezas.

Pero Daniel xa está convencido de ser descendente de Alexandre Magno e prefire quedar. Pechy acepta retrasar un día a súa marcha para quedar á voda de Daniel con Roxana, unha fermosa muller local. Pero na cerimonia, a noiva morde a Daniel na cara, e este comeza a sangrar. Deste xeito, os autóctonos descubren que non era ningún Deus, como pensaban, e vénganse.

Matan ao intérprete "gurka", tamén a Daniel (destruíndo unha ponte colgante moi útil para o pobo), e encadean a Pechy, aínda que o deixan fuxir algo máis tarde, moi ferido. Este volve á sede do xornal que dirixe Rudyard Kipling, para contarlle como rematou a historia.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...