O outro día decidín ver en Youtube unha película clásica (por non ter xa dereitos de autor, pódense ver nesa plataforma sen demasiados problemas). Foi "Perversidade". A verdade é que o título soábame, e debín vela no seu día, cando en TVE botaron un magnífico ciclo sobre o director Fritz Lang. Por certo, o título orixinal foi "Scarlet Street" (non teño nin idea da razón), e no mundo hispano puxéronlle "Perversidade" (máis ben en España) e "Mala muller" (máis ben en Hispanoamérica). Como habitualmente, o mundo hispano é máis creativo e non moi fiel ao título orixinal, pero ás veces pásanse un pouco de freada.
Foi dirixida en 1945 por Fritz Lang. Os tres papeis principais foron representados por Edward G. Robinson (que era unha das superestrelas da época, pero agora semella bastante esquecido), Joan Bennett e Dan Duryea.
A historia é ben curiosa. Christopher Cross, un gris caixeiro de banco que ten unha aburrida vida debido a que a súa muller é unha amargada, ten como hobby a pintura. Unha noite, de casualidade, coñece a unha fermosa muller da que namora inmediatamente, e cando lle di que é pintor (e non caixeiro), ela interpreta que é un pintor famoso e que as súas obras valen moitos cartos.
Ela, que é case unha prostituta, vive co seu mozo, que é máis ou menos un proxeneta, e intentan aproveitarse da situación. Casualmente conseguen vender algún dos cadros de Christopher a unha galería de arte, que acaba de descubrir a un novo gran autor do que non sabían, e entón comezan a sacarlle partido económico. A rapaza decide asinar os cadros e a el non lle parece mal. Coas súas penurias económicas, incluso o caixeiro púxolle un apartamento a ela, que vive agora a corpo de raíña, e ela vende os cadros que fai el como se foran seus.
O tipiño, que é ben inxenuo, incluso cre que poderán casarse e vivir xuntos, pero un día determinado descubre no apartamento que o "amigo" dela é realmente o seu amante, e que ela búrlase del impunemente. Superado pola situación, decide matala. Unha serie de coincidencias fan que o mozo da muller sexa acusado da morte, e condenado a morte.
Hai uns días morreu Francisco Ibáñez, o fantástico creador de personaxes como Mortadelo e Filemón, Rompetechos, 13 Rue del Percebe, o botóns Sacarino ou Pepe Gotera e Otilio. Na 2, en homenaxe a el, botaron a película "A gran aventura de Mortadelo e Filemón". Lembro que fun ao cine cos colegas a vela, na súa estrea. Se non lembro mal, gustoume nos momentos nos que estiven esperto, pero o cansancio xa era moito os venres pola noite, e pasei parte da proxección roncando. Esta vez puiden vela completa, menos mal.
Foi dirixida en 2003 por Javier Fesser, estando o seu irmán Guillermo (un dos dous integrantes de Gomaespuma) de coguionista, algo que xa fixeran na súa película anterior, titulada "O milagro de P. Tinto", que xa era un auténtico delirio. Filemón foi interpretado por Pepe Viyuela e Mortadelo por Benito Pocino. Os máis destacados do resto do elenco son Dominique Pinon, Paco Sagarzazu, Mariano Venancio, María Isbert, Janfri Topera, Berta Ojea e Emilio Gavira.
Obviamente, a historia é un auténtico disparate, supostamente con ideas collidas de diferentes historietas do cómic. Supostamente a trama vai de recuperar un invento do Profesor Bacterio, pero aparecen espías internacionais, dictadores, etc. Creo que nin sequera vale a pena esforzarse porque é un embrollo total.
Penso que o máis destacado da película son os efectos especiais (penso que bastante avanzados para España hai 20 anos), que fan que vexas en cine as barbaridades que debuxaba Ibáñez hai décadas, e con bastante dignidade. En definitiva, unha película coa que rir un pedazo, sen máis pretensións.
Un día destes tiña ganas de ver unha gran película pola noite, e botei man de novo desa colección "Cine de Ouro", da que xa teño falado aquí moitas veces. A verdade é que as películas que están nela son dun nivel fantástico, pero ademais o DVD vén dentro dun caderniño dunhas 30-40 páxinas que conta moitas cousas interesantes sobre a película, así que o conxunto é aínda mellor. Aínda que esta película xa a vira completa hai moitos anos, decidín repetir porque apenas lembraba nada da trama (agás a famosa escena da avioneta, que é impactante, pero nada máis).
Tamén podemos falar do título, que dá moito de sí. O título orixinal era algo así como "Norte-Noroeste", que supoño que se deberá a que está ambientada nesa zona dos Estados Unidos: Nova Iork, Chicago e finalmente o monte Rushmore, que está en Dakota do Sur. En España inventáronse iso de "Coa morte nos talóns" (un pouco rimbombante de máis), e en Hispanoamérica chegaron a "Intriga internacional", tamén bastante rebuscada.
Foi dirixida en 1959 por Alfred Hitchcock. Os tres papeis principais foron para Cary Grant, Eva Marie Saint e James Mason, aínda que tamén me gustou moito Martin Landau no seu papel secundario. O resto do elenco non me parece demasiado relevante.
Como sempre con Hitchcock, hai un "mcguffin" (pero esta vez de tamaño sideral) que máis ou menos guía a trama, pero o importante é que aos protagonistas principais vanlle pasando cousas continuamente, e a película ten un ritmo moi elevado, non tes tempo para aburrirte. Polo visto, o "mcguffin" nesta ocasión é un malvado espía internacional que pretende fuxir do país cun microfilm que contén importantísimos datos que un país estranxeiro poderá aproveitar. Pero ese microfilm só se ve unha vez, e está metido dentro dunha figura que aparece circunstancialmente.
Para min, o máis destacado da película é que todo xira en torno a un grande equívoco: o FBI ten a un axente infiltrado no equipo dese espía, creou un axente ficticio que supostamente está perseguindo a ese espía, e o equipo dese espía cre a historia e ponse a buscar a ese axente ficticio. E por unha confusión do máis banal, ao comezo da película, ese equipo confunde a un tipo que non ten nada que ver no tema co axente ficticio. E a partir de aí, unha serie de equívocos e sucesos, uns detrás doutros, ben amenos e interesantes.
Pois iso. O publicista Roger Thornhill é confundido na cafetería dun hotel de Nova Iork cun tal George Kaplan, que realmente é un axente ficticio do FBI, que non existe realmente. Todo débese a que os axudantes do espía internacional preguntan por el, o botóns vai pola cafetería preguntando en voz alta, e xusto nese momento Thornhill levanta a man para pedirlle ao botóns outra cousa que non ten absolutamente nada que ver co tema. Preguntaron nesa cafetería porque supostamente o axente ficticio estaba aloxado nese hotel, pero é que boa parte do engano era ese, ir reservando habitacións de hotel con ese nome en diferentes lugares do país, pero ninguén aparecía realmente (aínda que semellaba que si). Pero a partires dese momento, o espía e o seu equipo empéñanse en acabar con ese tipiño.
Primeiro emborráchano e intentan que se mate conducindo. Despois vai á ONU, descubre que a persoa que o intentou matar o día anterior non é quen di ser, e o seu interlocutor morre alí mesmo asasinado. Despois cólase nun tren a Chicago e recibe a imprevisible axuda dunha fermosa muller, que acaba sendo a amante do espía, aínda que realmente é a axente real que o FBI tiña infiltrado no equipo do espía. Despois intenta matalo unha avioneta fumigadora nuns campos nos que non hai case nada que fumigar. Despois diso van a Dakota do Sur, onde o espía ten unha supermansión a carón do monte Rushmore, e tamén alí ten un miniaeroporto no que vai fuxir do país co famoso microfilm que realmente case non aparece na película. E xa suporedes quen acaba ganando ao final.
Imos comentar agora algunhas curiosidades da película:
- Inicialmente Hitckcock e o seu guionista tiñan previsto adaptar ao cine unha novela moi diferente, pero despois de estar varias semanas traballando no tema, viron que non tiña moito futuro, e puxéronse a crear unha historia de cero a partir de varias ideas que tiñan na cabeza dende hai tempo: axente ficticio do FBI, asasinato na ONU, trama no monte Rushmore, etc. E non lles quedou nada mal, aínda que iso acrecenta o tamaño do "mcguffin", porque teñen que crear a historia a partir de retais que non teñen nada que ver entre sí.
- Polo visto, está prohibido rodar na sede da ONU, entón fixeron varios planos xerais na ampla entrada, intentando que non se notara demasiado, e o resto está feito en estudio, obviamente. Pero tamén é certo que non se ve ningunha das grandes salas de reunión, só unha cafetería.
- Tampouco lles deron permiso para rodar no monte Rushmore, así que fixeron unha réplica en estudio, o que encareceu bastante a produción, pero deu igual, porque foi unha película moi rentable.
- Pensouse en varias actrices para o papel principal, pero Hitchcock conseguiu que o fixese Eva Marie Saint, a pesar da oposición dos estudios
- Moito máis lío houbo para o papel masculino. Sopesáronse moitos nomes, incluído James Stewart, pero Hitchcock, polo visto, culpáballe do pouco éxito comercial de "Vértigo" (que despois converteuse nunha película de culto). Gregory Peck e William Holden foron candidatos poderosos, pero ao final chegou Cary Grant, que non o fixo mal.
Onte no Ágora había un concerto de música dun grupo cuxo nome me soaba, pero non coñecía, e as referencias non parecían malas, así que decidín probar. Polo visto, insinuábase que era un grupo a medio camiño entre o rock progresivo e o jazz. O rock progresivo gústame moito (aínda que sigo sen ter demasiado claro o que é) pero o jazz non. Unha vez pasado o concerto, creo que teñen máis de jazz que de rock progresivo, pero tampouco estivo mal.
A banda Amoeba Split é coruñesa, creouse hai xa máis de 20 anos, e estaban presentando o seu terceiro disco. Polo que dicían, dá a impresión de que non teñen moitos concertos. Na súa web di que os compoñentes son os seguintes:
- Fernando Lamas na batería
- Alberto Villarroya no baixo
- Ricardo Castro nos teclados
- Iago Mouriño nos teclados
- Eduardo Méndez na frauta e saxo
- Pablo Añón nos saxos
- Rubén Salvador na trompeta (non estivo neste concerto)
Uns cantos destes nomes sóanme bastante de velos en formacións de jazz que tocan no Jazz Filloa, por exemplo. En xeral, como pasa sempre nestes xéneros, son todos moi bos instrumentistas, faltaría máis, pero na miña humilde opinión (e xa me pasou máis veces), o teclista Iago Mouriño ten unha certa capacidade para eclipsar a todos os demais.
Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia. Nesta ocasión foi a quenda do volume número 98, o libro de relatos de Manuel Rivas titulado "Que me queres, amor?". Se non lembro mal, xa debín lelo no seu día, cando se publicou, pero obviamente non lembraba apenas nada, agás o título dalgún relato e algunha outra historia que se fixo moi célebre pola súa versión cinematográfica.
O libro foi publicado a mediados dos anos 90 e, se non me engana a memoria, foi o primeiro desa xeira que colocou a Manuel Rivas como un autor de referencia na literatura galega e tamén en parte na española. Despois del veu "O lápis do carpinteiro" e algunhas obras máis. Está claro que naquel momento estaba pasando un pico de creatividade e emotividade.
O relato máis famoso do libro é obviamente "A lingua das bolboretas", que deu lugar a unha fermosa película dirixida por José Luís Cuerda. Estaba buscando o dato dos relatos nos que se basearon para a película, porque non foi só o que lle dá título. Sóame que colleron personaxes ou situacións dalgún relato máis, e creo estar seguro de que "Un saxo na néboa" foi un deles. Non sei se non sería "Carmiña", porque sóame que na película matan un can, e ese conto trata dese tema.
Supoño que o libro me gustou máis no seu momento, cando o lin por primeira vez e estaba na crista da onda, que agora. Hai algúns relatos que son moi desconcertantes, e outros cun final moi aberto e difícil de interpretar.
Normalmente, en moitos sitios, por exemplo na cidade na que vivo, a programación cultural decae case por completo nos dous meses de verán, xullo e agosto (en xuño xa comeza a notarse certa baixada e en setembro cóstalle algo coller o ritmo de novo). A xente está máis relaxada e máis pendente de festivais e festas gastronómicas, ou praia ou montaña, ou directamente fóra da cidade. Por iso é bastante raro que se programen eventos culturais cando xa comezou xullo.
Pero o caso é que, na primeira semana de xullo, no Ágora da Coruña, trouxeron á magnífica compañía galega Ibuprofeno Teatro a representar "O furancho", unha veterana obra do seu repertorio (xa ten 7 ou 8 anos). Eu sempre tivera moitas ganas de vela pero aínda non o conseguira. Supoño que xa a traerían á Coruña no seu momento, pero o caso é que ata onte non puiden vela.
E teño que recoñecer que me decepcionou bastante. Fun con varios colegas e algún deles dicía ao saír que lle gustara moito porque as actrices "esbardallaron moito". Estou totalmente de acordo, e se cadra esa é a razón pola que non me gustou. Nunca me parei a pensar se me gusta o "esbardalle" nas obras de teatro, pero esta obra faime pensar que, ao mellor, non me gusta.
A obra dura hora e media, as actrices son Marián Bañobre e Isa Risco, garantía de bo traballo, pero a historia, para min, non ten demasiada forza, e acaba derivando nunha serie de situacións simpáticas, chistes rápidos sobre multiude de aspectos de Galicia, a súa cultura, os seus costumes, etc,, pero sen ningún tipo de relacións unhas con outras. Por momentos, pareceume a actuación conxunta de dous monologuistas facendo chistes fáciles sobre calquera cousa que tivera que ver con Galicia. E como xa dixen aquí algunha vez, os monologuistas non me gustan nada (outra cousa son os contacontos).
Como xa dixen aquí algunha vez, o cine bélico non me agrada demasiado, o militarismo e todo iso non é da miña corda. Onte botaban de novo "Patton" no espazo de cine clásico da 2, e decidín darlle unha oportunidade. Creo que xa a botaron hai pouco, en período lectivo, e como é unha película longa, pasei de vela naquel momento, pero agora, nas vacacións estivais, xa se poden facer estes excesos. Non está mal, pero unha vez vista, xa non necesito vela máis.
"Patton" foi dirixida por Franklin Schaffner (o mesmo de "O planeta dos simios", da que falamos aquí hai pouco) en 1970. O protagonismo máis que principal obviamente é para o actor George C. Scott, e o outro que máis sae é Karl Malden, facendo do xeneral Omar Bradley, que se non me equivoco, foi tamén asesor dos guionistas, e escribiu unha obras nas que se basaron os guionistas para escribir a historia. O resto do elenco é moi extenso (e totalmente masculino, moi habitual nas películas bélicas) e, por destacar a alguén, poderíamos falar de Karl Michael Vogler facendo de Rommel, e de Michael Bates facendo de Montgomery.
Se a película é minimamente fiel á personalidade de Patton (porque diso trata a película, basicamente), hai que recoñecer que era un tipo ben peculiar, aparte de severo e salvaxe. Era un gran coñecedor da historia bélica antiga, e sabía todas as batallas dos gregos, romanos e cartaxineses. Ademais, cría na reencarnación e estaba convencido de ter sido un alto xeral cartaxinés e tamén outro de Napoleón.
Chega ao norte de África no ano 43 despois dunha operación catastrófica e comeza a remontada disciplinando ao exército estadounidense que andaba por alí, vencendo nunha batalla ao exército de Rommel (aínda que despois descubren que Rommel estaba en Berlín recuperándose dunha doenza).
Despois pasa a Sicilia, onde máis ou menos o poñen de gardián do británico Montgomery, cousa que non lle fai ningunha graza, así que sáese das ordes que recibira, vai tomando outras poboacións e chega a Messina, o punto estratéxico unhas horas antes que o inglés.
Polo seu rudo caracter e indisciplina é apartado, e o teñen en Inglaterra e nalgúns lugares de Francia facendo tempo, pero finalmente a súa incursión por Francia e chegando a Alemaña resulta crucial para ganar a guerra en Europa. Ao final atópase cos aliados rusos, que tampouco lle caen nada ben.
En definitiva, todo un personaxe e, como non podía ser menos no mundo do viril militarismo, é glosado nesta película, que fará felices a todos os amantes destas temáticas, entre os que non me atopo.