Unha das moitas cousas boas das películas clásicas baseadas en historias de Sherlock Holmes é que non duraban demasiado, así que podías ventilarte unha delas en pouco máis dunha hora. Refírome ás protagonizadas por Basil Rathbone e Nigel Bruce facendo de Sherlock Holmes e o doutor John Watson, respectivamente. Hai uns días "sobrábame" unha hora pola noite, e estabamos nas vacacións de Semana Santa, e esta temática sempre é un bo recurso que se atopa en Youtube. Vin a versión coloreada (abaixo poño o vídeo) e en castelán. Entendo que un dos posibles títulos sexa "O caso dos dedos cortados" (basicamente porque trata diso) pero non entendo o título orixinal, que era "A muller de verde", porque non lembro ter visto ningunha muller relevante do reparto vestida nesa cor. A ver se a colorearon mal.
Esta película foi dirixida en 1945 por Roy William Neill (estaba especializado en dirixir as películas desta saga). No elenco destacan Basil Rathbone e Nigel Bruce, obviamente, pero nesta ocasión están moi ben acompañados por Hillary Brooks e Henry Daniell (sempre facendo do malvado profesor Moriarty, o principal inimigo de Holmes). Por certo, esta película está baseada en "A casa deshabitada", un dos 56 relatos de Arthur Conan Doyle sobre o personaxe de Sherlock Holmes.
Ao comezo da película aparecen os cadáveres de varias mulleres cun dedo cortado. Incluso se insinúa como se produce o seguinte asasinato. Pouco despois, debido á declaración da súa filla, parece adiviñarse quen foi o causante doutra nova morte, un eminente personaxe que sufre amnesia, que non lembra como chegou á casa na que espertou, e que aparece morto pouco despois.
Pero Sherlock Holmes non cre que el sexa o culpable. De feito, unhas horas antes, casualmente, el mesmo coincidiu nun local con ese home, que estaba acompañado dunha fermosa muller, que non era a súa muller ou parella (nunha película dos anos 40 iso non se discute). Holmes sospeita que hai unha mente criminal detrás de todas esas mortes, que lembran levemente ás de Jack o Destripador. Todos din que o profesor Moriarty morreu nalgún lonxano lugar, pero el non ten probas e non se fía, porque dálle a sensación de que todo isto pode ser obra súa.
E Holmes raramente se trabuca. Iso era o que pasaba realmente, así que Holmes, Watson e Scotland Yard comezan a buscar pistas e acaban dando cos culpables. O mesmo Holmes fai de cebo e déixase hipnotizar (porque ese era o medio para acabar dominando ás súas vítimas) pola fermosa muller que acompañaba a aquel malpocado antes mencionado. Na escena final desta película, o malvado profesor Moriarty, fuxindo da policía, acaba caendo dunha cornixa a moita altura sobre o chan. Morrería? Calquera sabe.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario